Dende o aire, Galicia é unha colección de verdes e marróns con algún toque de azul polo medio, pero cal é o catálogo Pantone das paisaxes do país? Pode parecer unha cuestión baladí, pero non o é. A cor forma parte da riqueza colectiva, un elemento máis do patrimonio inmaterial.
Poucas veces paga a pena pelexar coa familia por ser a quen lle toca a ventá nun avión como cando se viaxa a un lugar no que nunca se estivo antes. Dende o aire, tense unha primeira vista do lugar ao que se vai pero reconvertido nun manto de cores. É case como se che simplificasen ata a esencia o lugar ao que chegas, unha carta de presentación minimalista que che di as catro claves do espazo. Dende o aire, Galicia é un montón de cadros de cores verdes e marróns, con toques de azul da auga. A min tocoume voar xusto despois dunhas semanas de moita choiva e temporal hai uns anos e sorprendeume ver que dende o aire Galicia parecía unha inmensa braña.
«En Galicia, como lugar, a cor dominante é o verde», dime Cristina García Fontán, arquitecta e vogal da Agrupación de Arquitectas y Arquitectos Urbanistas de Galicia, vinculada ao Colexio de Arquitectos de Galicia. Logo, nas cidades, o que marca a paleta, apúntame, son os materiais que foron empregados. Aí está o exemplo recorrente de dicir que «Santiago é pedra»: éo porque así é como está construída a cidade histórica e son esas cores graníticas as que conectamos á identidade visual urbana.
Pero reducir todo a unha única cor sería simplista (sexa tanto se falamos de Galicia como se o facemos das súas localidades concretas), como tamén o sería esquecer que as cousas cambian segundo a hora do día, o estado meteorolóxico ou a estación. A luz impacta en como vemos as cores e modifica, por tanto, a nosa percepción dos propios lugares «Dependendo da luz de cada cidade, percíbense as cores dun xeito distinto», sinala a experta.
Aínda así, inevitablemente vinculamos algunhas tonalidades con Galicia. E, en certo modo, calquera poderíamos facer o exercicio rápido de pechar os ollos e escoller as cores que pensamos que nos rodean, as que temos interiorizadas como o familiar en Galicia. Son as que fan que cando viaxamos a outros lugares e tropezamos co coñecido percibamos algo que nos semella noso. A terra das Brontë, ese paraíso do turismo literario, resultou ser en absoluto o exótico lugar que imaxinaba mentres lía en castelán de adolescente Cumes torboentos e a palabra páramo. A gama de cores cando saías da reitoría e te lanzabas a percorrer os campos que Anne, Charlotte e EmilyBrontë camiñaban cada día era unha gama Pantone que calquera en Galicia está cansa de ver. Os páramos deixaban de ser así misteriosos e pasaban a ser terriblemente familiares.
Calquera poderíamos facer o exercicio rápido de pechar os ollos e escoller as cores que pensamos que nos rodean, as que temos interiorizadas como o familiar en Galicia. Son as que fan que cando viaxamos a outros lugares e tropezamos co coñecido percibamos algo que nos semella noso
Pero cal é esa gama de cores? Cal é o catálogo Pantone de Galicia? Non existe exactamente un catálogo Pantone da paisaxe galega, por moito que pareza unha idea para unha instalación artística ou, case máis, para unha morea de souvenirs deses que queren ser orixinais e distintos e cunha certa pátina cultureta. Pero se non se fixo algo tan aproximado e viral, si hai algo un tanto máis oficial e con bastante máis traballo detrás que se eu escollera un par de tons para decorar unha cunca do café. Hai uns anos presentouse a Guía de Cor e Materiais de Galicia, elaborada pola Xunta de Galicia e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que xustamente identifica as cores máis habituais nas diferentes zonas do país e nas súas construcións.
A existencia da propia guía está moi conectada cunha corrente global. Existe unha maior sensibilidade xeral dos diferentes organismos e administracións públicas sobre a importancia da paisaxe como parte do patrimonio(en teoría, polo menos). España ratificou hai un par de décadas o Convenio Europeo da Paisaxe, que foi aprobado xa nos anos 90 polo Consello de Europa e que busca recoñecer e protexer «o valor e a importancia da paisaxe», como explica na súa web o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. No convenio recóllese que a paisaxe ten un papel na cultura, na ecoloxía, na sociedade e no medio ambiente. Isto é, protexer as paisaxes non é unha cuestión esteticista, senón unha vía para asegurar a calidade de vida das persoas que habitan neses lugares e os propios espazos como tales.
«Hai moitas paletas de cor, porque Galicia ten unha variabilidade de cor moi grande. Non é o mesmo unha zona de costa que unha zona de interior e por iso é tan importante que cada paleta teña relación cunha tipoloxía arquitectónica», apunta a arquitecta Cristina García Fontán
Volvendo á guía, os seus diferentes tomos achéganse á esencia da identidade de cor da paisaxe galega. Para iso, fixeron antes moito traballo de campo. «Foi un traballo moi complexo, que se fixo con seis equipos de arquitectos e arquitectas, sobre todo moitas arquitectas», dime García Fontán. Tomaron como referencia «as grandes áreas paisaxísticas de Galicia» e, partindo dese reparto do mapa galego, investigaron cales eran as cores da paisaxe de cada zona. «Sobre todo, tendo en conta a arquitectura tradicional e os diferentes momentos arquitectónicos que tiñan que ver coa cor», sinala a experta. Porque, ao final, falar do Pantone de Galicia é bastante simplista e reducionista. Habería en todo caso que falar dos moitos Pantones de Galicia.
«Hai moitas paletas de cor, porque Galicia ten unha variabilidade de cor moi grande. Non é o mesmo unha zona de costa que unha zona de interior e por iso é tan importante que cada paleta teña relación cunha tipoloxía arquitectónica», apunta García Fontán. En cada zona, a arquitectura tradicional apostaba por uns materiais ou por outros e as influencias que recibían cambiaban. Aínda que, como apunta ao outro lado do teléfono a arquitecta, non se trata só de facer unha investigación da parte histórica, senón que tamén observaron que estaba acontecendo na arquitectura residencial galega.
Abrir os distintos tomos da guía permite visualizar abanos de cores. Para mostra, dous exemplos de cada extremo do mapa. Nas Serras Orientais, a guía define a paleta anterior a 1960 con verdes, grises e marróns escasamente saturados para os elementos compositivos e carpinterías de cores moito máis potentes en vermellos, verdes e azuis. Nas Rías Baixas, hai distintos tons de marrón nos elementos compositivos e algunha cor extra, como un verde turquesa, para a carpintaría.
Para que sirve todo isto? García Fontán explica que mentres traballaban descubriron que «empezaba a haber moita confusión». Isto é, a paleta de cores que unha persoa pode atopar cando vai mercar pintura é cada vez máis ampla e máis diversa, así que as opcións posibles se disparan. Empezábase a ver «unha saturación moi alta». É dicir, cores moi coloridas e vibrantes, que non eran o que se estilaba na paisaxe galega. A guía recomenda unha saturación baixa da cor, como máximo un 30% con respecto ao branco, para non romper visualmente coa contorna.
A Guía de Cor e Materiais de Galicia recomenda unha saturación baixa da cor, como máximo un 30% con respecto ao branco, para non romper visualmente coa contorna
Quere isto dicir que xa non vas poder pintar de amarelo fosforescente a túa casa? O certo é que, por poder, segues podendo facelo. «A aplicación é orientativa», dime a experta, que puntualiza que salvo algúns plans de ordenanza urbanística con normas sobre cores cada quen pode usar a selección de tons que queira.
A guía non é tanto unha normativa estrita sobre as cores aceptables en Galicia, senón algo que explica. «Non é unha cuestión de coartar liberdades, senón que é unha cuestión de comprender como unha peza funciona en conxunto nos espazos urbanos», dime. Por suposto, é tamén unha ferramenta para as recomendacións técnicos municipais, sinala.
Con todo, que algo encaixe visualmente —como xa día o Convenio Europeo da Paisaxe— non é só cuestión de criterio estético. «Para que a paisaxe teña certa harmonía precisa que o conxunto residencial non xere digamos moito ruído na paisaxe. Unha edificación sempre é impacto, pois digamos que a imos percibir como algo máis integrado», explica a experta.
Unha cuestión histórica da cor
Por suposto, a cor non é unha cuestión estática, senón que depende moito dos momentos históricos, das tendencias sociais ou dos accesos que se teñan ás cousas e ás diferentes ferramentas. Por exemplo, na moda de mediados do século XIX tivo un momento de esplendor a cor púrpura grazas aos avances da química. Pasou de ser unha cor carísima e dificilmente accesible a unha que estaba por todas partes. Tampouco hai que esquecer que cando pensamos en como eran as cores do pasado metemos nesa visión os nosos nesgos do presente. Aí están as medievalistas que sempre insisten en que a Idade Media non era o mundo gris, marrón e tenebroso que visualizamos, senón un moi diferente. Visualizámolo así polo impacto que tivo a cultura popular na nosa imaxinería do pasado. Damos por válido calquera capítulo de luces imposibles de Xogo de Tronos, cando en realidade a súa paleta de cores fala dun mundo creado no presente (e dun universo de fantasía!).
De feito, o que a ciencia di é que o pasado tiña máis cor que o presente: nos últimos 200 anos, a paleta foise facendo moito máis apagada e aséptica a nivel global e todo foise enchendo de grises, brancos e negros. Vivimos nun mundo cada vez máis minimalista e monocromo, con máis espazos baleiros e liñas rectas, como se sufrísemos unha condena a vivir por sempre nun aeroporto construído arredor de 2007 (ou pasando frío nalgúns dos corredores da facultade de Xornalismo…).
Todo isto tamén impacta no uso das cores e na gama cromática do que nos rodea. Só hai que facer unha rápida procura en Google para ver como se suceden nos últimos anos os artigos que intentan responder á pregunta de por que todos os edificios en España son agora brancos e negros (uniformidade, cuestión de materiais, modas e unha vinculación das cores coas vivendas de protección oficial, repiten esas reportaxes). Isto modifica eses catálogos Pantone posibles das nosas vilas.
«Os diferentes momentos teñen que ver coa cor», dime García Fontán. Primeiro, apunta, porque as cores vanse aplicando segundo hai dispoñibilidade. «Na máis tradicional, máis antiga, apenas había cor só nos elementos de madeira», apunta. A pintura tamén servía para protexelos. Pero estes cambios no acceso ás cores impactan tamén en como eran as cousas a outros niveis. «Non podes unificar a cor que se aplica durante o século XX», exemplifica a experta. As vivendas racionalistas —con moita presencia en Lugo, sinala— teñen as cores que dominaban nos anos 20 e 30. As vilas mariñeiras moito máis coloridas pola influencia dos fluxos de intercambio. E hai cores que se fabricaban no século XIX ou a principios do século XX que xa non existen, se cadra porque pasaron de moda. «Había cores moi bonitas. Todo iso foise perdendo», indica. Se pensamos en pintar a casa do avó de beige porque é unha casa antiga e naquela época as cores serían apagadas, pois xa estaríamos cometendo un erro. Como me di con humor a arquitecta, é que daquela beige nin había.
«A cor ten moita máis complexidade que pintar unha parede. A arquitectura é moito máis complexa e, por iso, dilúese cando pintamos todo de branco», sintetiza a experta.