Chega o Nadal e prende o frenesí luminoso

Decembro é o mes por excelencia dunha batalla na que están metidos os alcaldes de moitas cidades, repartidas polo Estado. Pode que Abel Caballero sexa un dos exemplos máis soados e Vigo unha das súas participantes máis vistosas, pero na guerra por ter o Nadal máis iluminado entraron xa moitos lugares. A cuestión clave é a de que supón este frenesí luminoso. Canto nos está custando prender as luces? 

 

Na porta dun dos establecementos dunha cadea de pizzerías de Vigo amontóase a xente. Non é unha estampa habitual. O seu buffet de pizzas é bastante popular entre a rapazada —ou iso é o que transmite de cotío cando a observas—, pero ter que esperar na rúa a que fagan sitio non é unha visión recorrente. Na noite deste último sábado, alí estaban os montóns de persoas, agardando a súa quenda. Moi preto, nunha desas hamburgueserías gourmet, o encargado dixo que o sentía, que estaban demasiado cheos en sala como para dar comida para levar como fan normalmente. Estamos en Vigo, na derradeira fin de semana de novembro, e todas esas esperas e esas negativas semellan case lóxicas. É Nadal. 

As luces levan prendidas xa un par de semanas. Este ano, Vigo arrincou as festas no 16 de novembro, a pesar das temperaturas escasamente invernais que se vivían na xornada. Viana do Castelo, xa en Portugal, comezara a celebración mesmo uns días antes. Ser o primeiro en arrincar o Nadal implica cada vez máis un madrugón festivo. 

A iluminación de Nadal deste ano en Vigo supuxo un investimento de 2,36 millóns de euros, a cantidade máis elevada entre as principais cidades galegas. CC-BY-SA Marta Campos

Só na cidade olívica, a iluminación de Nadal deste ano supuxo un investimento de 2,36 millóns de euros, a cantidade máis elevada entre as principais cidades galegas, como recollen as contas que fixo Praza. O seu orzamento supera os 1,7 millóns de euros de Málaga ou de Valencia, cidades que case duplican e triplican o número de persoas censadas na cidade olívica. Aínda quedan lonxe, iso si, dos 4,4 millóns de Madrid ou os 3,3 de Barcelona. Entre o resto das cidades galegas, as cantidades están moi afastadas das cifras de Vigo, pero tamén destinan números bastante elevados á iluminación festiva, como é o caso dos 820.000 euros da Coruña ou os 593.010 de Ourense. 

Na última década, as cidades —e non só as galegas— entraron nunha sorte de carreira por ser a que máis ilumina e a que máis gasta en luces festivas do ano.  Do ano pasado a este, A Coruña subiu o orzamento un 60%  e Santiago nun 23%. Vigo licitou as luces de Nadal en 2023 a catro anos vista, cunha considerable suba e que lle deixou (por un tempo) ser a cidade que máis gastaba por habitante en luces

Con todo, o interesante non é tanto o número concreto deste ano como a tendencia que esas cifras apuntan. As cidades están gastando cada vez máis nas luces festivas. Do ano pasado a este, A Coruña subiu o presuposto un 60% (mesmo se, como puntualizan os nosos compañeiros de Praza, na alza tamén van as luces de Entroido) e Santiago nun 23%. Vigo licitou as luces de Nadal en 2023 a catro anos vista, cunha considerable suba e que lle deixou (por un tempo) ser a cidade que máis gastaba por habitante en luces. Na última década, as cidades —e non só as galegas— entraron nunha sorte de carreira por ser a que máis ilumina e a que máis gasta en luces festivas do ano. Valencia pasou dos 387.648 do ano pasado aos 1,7 millóns deste, Cádiz duplicou o orzamento por habitante de Vigo no comezo do outono para ser a que máis inviste en lucerío. En 2015, xusto antes de que comezase a escalada do frenesí luminoso, Vigo gastou na iluminación algo máis de 400.000 euros

O gasto vai acompañado de declaracións grandiosas dos alcaldes que correspondan a cada vila e dunha nova sorte de competición localista entre cidades que moitas veces nunca tiveran moita relación directa. «Cada ano é doado observar nos medios unha maior competencia para ver que cidade ten a iluminación máis espectacular e as árbores de Nadal máis altas», escribe Xosé Ramón Branco Buxánen Nadal e consumismo. Lucrativas realidades sociais baseadas en invencións, que acaba de publicar Laiovento. 

A árbore de Nadal de Vigo é un dos principais reclamos para as persoas visitantes. CC-BY-SA Raquel C. Pico

Vigo xa estivo en guerra con Badalona pola altura da árbore luminosa principal da vila e, nas festas, a rivalidade histórica coa Coruña vólvese irrelevante ante a que esperta Málaga e a súa rúa na que as luces bailan ao son da música. Se lle facemos caso ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, o conflito é ata internacional e a iluminación olívica non deixa durmir a Eric Adams, o alcalde de Nova York. «Vigo non é un caso illado; a maioría das cidades de Galicia e do mundo elaboran a correspondente performance, na que os seus alcaldes abren un proceso competitivo entre cidades, non exento de certo “misterio”, para evitar que lles copien as novidades», suma Branco Buxán. 

Pero a quen lle rende todo este frenesí luminoso? 

As luces deixan millóns?

De entrada, o gran triunfador das batallas natalicias é, sen moita dúbida (e parabéns para eles), a empresa Ximénez, unha das maiores fábricas de alumeado para as festas e quen está detrás de moitas das licitacións de iluminación das cidades españolas. Pero, para continuar, responder á cuestión do retorno do investimento é algo moito máis complicado cando se fai a análise a pé de rúa. 

De entrada, o gran triunfador das batallas natalicias é, sen moita dúbida (e parabéns para eles), a empresa Ximénez, unha das maiores fábricas de alumeado para as festas e quen está detrás de moitas das licitacións de iluminación das cidades españolas

Ninguén dubida que as festas moven cifras millonarias. «Na actualidade, o Nadal é unha das festividades relixiosas de maior impacto económico para o capitalismo, que en estreita colaboración coa Igrexa católica, logrou “ritualizar” o seu negocio de vendas e consumo», sintetiza no seu libro Branco Buxán. A temporada de Nadal é cada vez máis ampla e non só porque os turróns e os doces cheguen aos supermercados cando aínda estamos coas chancletas da praia. É un dos grandes motores do consumo, un cun gasto medio sempre elevado (mesmo nos anos de crise económica) e cunha habitual tendencia á alza. A incorporación ao calendario comercial europeo de momentos de consumo como o BlackFriday (que naceu en Estados Unidos como un modo de facer rendible unha ponte festiva con ventas pre-Nadal) ampliou aínda máis o como, o cando e o por que gastamos. A campaña de Nadal implica agora agasallos, cenas e comidas copiosas e festivas e tamén a procura de ofertas imposibles. 

As luces LED cobren o mercado de Nadal de Vigo, situado na Alameda. CC-BY-SA Raquel C. Pico

Aínda así, nada diso está realmente conectado coas luces. A iluminación de Nadal crea ambiente, pero as tendencias alcistas no consumo xa existían antes do estoupido das batallas luminosas entre alcaldes. Se encher todo de luces LED supón un reforzo para a economía local é algo moito máis difícil de establecer, polo menos dun xeito independente. Ningunha consultora ou firma de análise fixo dende fóra unha investigación sobre que cartos deixan estes elevados investimentos. As afirmacións grandiosas dos alcaldes non teñen unha minuciosa explicación cunha mostra e cunhas fontes de datos que axuden a entender que son incuestionables. 

A iluminación de Nadal crea ambiente, pero as tendencias alcistas no consumo xa existían antes do estoupido das batallas luminosas entre alcaldes. Se encher todo de luces LED supón un reforzo para a economía local é algo moito máis difícil de establecer, polo menos dun xeito independente

Vigo defende que sae a conta: xa en 2019, aseguraba que o retorno do investimento multiplicaba por 25 o custe ou que pasaran pola cidade dous millóns de persoas. Na última estatística do Instituto Nacional de Estadística (INE), con todo, as cifras non eran tan impresionantes, aínda que si eran moi positivas en termos de protagonismo turístico. A cidade estaba a bater os seus récords. Vigo chegou en 2022 ao millón de visitantes ao ano, a cidade galega máis visitada sen contar Santiago. Ninguén pode debaterlles que a cidade gañou proxección e que si reciben turistas, moitos turistas, pero máis alá das clásicas novas de canto custan os hoteis na ponte turística ou cando comezan as reservas, non existen eses datos granulares que permitan facer unha comprobación en serio e en profundidade do que deixa. E o mesmo pasa en todas partes. Vemos os turistas nas rúas e os hoteis e restaurantes parecen contentos, pero están mercando nas tendas, volvendo fóra de temporada ou tendo un gasto medio elevado? E que acontece con todo o que teñen que despregar en paralelo as cidades que entran na batalla luminosa, como servizos de limpeza ou seguridade? 

Isto impide tamén analizar ben de que falamos cando falamos do crecemento do turismo e do modelo que supón o boom de visitantes en tempos natalicios. Atopámonos ou non ante unha versión do mesmo turismo masivo que tanto preocupou no verán pero noutra época do ano? 

Uns enormes elfos iluminan o centro de Vigo. CC-BY-SA Raquel C. Pico

Unha análise da consultora Torres y Carrera apuntaba a peche de verán que, se ben España estaba vivindo «datos históricos de visitantes» e a achega do sector turístico ao PIB subía, tamén estaba crecendo a chamada «turismofobia». A cuestión estaba xa nas conversas da cidadanía e era xa percibida como «unha preocupación real». O verán estivo tomado por protestas, queixas e chamadas á acción. E esta non é unha realidade á que Galicia sexa allea. «O turismo masivo é un problema medioambiental e comeza a ser un problema social», dime Manoel Santos, portavoz en Galicia de Greenpeace. Cando o fluxo dos visitantes supera un certo limiar, ten un custe para as persoas que viven neses espazos e para os seus ecosistemas, dime. Está o frenesí luminoso destes anos creando este mesmo problema nunha época distinta do ano? 

Unha investigación recente de Appinio e IPMARK conclúe que o 56% da poboación española viaxará durante as vacacións de Nadal. Se hai uns anos asumiriamos que o fan para pasar as festas coa familia, agora o máis probable é que o fagan por turismo. Un 63% deses españois viaxeiros fan as maletas por ocio e un 59% para ir a algún outro lugar do Estado (aínda que no top 3 non está Galicia: si Madrid, Andalucía e Canarias). Unha análise paralela da Universitat Oberta de Catalunya (UOC) fala de que o Nadal xa se consolidou como «tempada alta turística»: a xente vai a sitios de sol para fuxir do inverno, a lugares invernais e de neve e, por suposto, a cidades ultra iluminadas polas datas festivas. 

Se nós imos ver mercados de Nadal a Centroeuropa, como non haberá quen queira vir ver de que vai toda esta escalada luminosa tan soada que viven as nosas cidades? 

O que é incuestionable é que o Nadal é cada vez máis unha época para viaxar e as atmosferas inmersivas luminosas unha escusa para ir a un lugar ou a outro. Se nós imos ver mercados de Nadal a Centroeuropa, como non haberá quen queira vir ver de que vai toda esta escalada luminosa tan soada que viven as nosas cidades? 

O do modelo económico 

E aquí volvemos ao de sempre: porque no do turismo, no da campaña de Nadal e en tantas cuestións que marcan a axenda nestes tempos modernos temos que acabar falando de cartos. Acabamos sempre pensando no modelo económico. 

Pode que o Nadal sexa, simplemente, o punto candente de algo que pasa o resto do ano e que o frenesí luminoso sexa unha visión máis do frenesí consumista. «En xeral o consumo, que nas sociedades occidentais xa é moi elevado durante todo o ano, chegado o Nadal dispárase dun xeito irrefreable, promovido por un estado de ánimo incapaz de resistirse aos impulsos das compras na maioría dos casos innecesarias», escribe Branco Buxán. É un «modelo socioeconónico tolo», como sintetiza Santos.

O Nadal é cada vez máis unha época para viaxar e as atmosferas inmersivas luminosas unha escusa para ir a un lugar ou a outro. CC-BY-SA Raquel C. Pico

O portavoz de Greenpeace apunta que non se opoñen ao Nadal nin discuten a idea de celebrar as festas. «Discutimos o volume», di. E este non é un problema de Vigo: «Abel Caballero é o líder, pero todos queren ser», sinala. 

Este Nadal cheo de luces e máis luces ten un impacto. Santos xa nin entra no que pode custar ou non e vai á cuestión da enerxía. Toda esta fantasía luminosa é un malgasto, un despilfarro enerxético; mesmo se unha das palabras clave destes Nadais poderosamente iluminados é «LED», polas bombillas de baixo consumo coas que se fan as decoracións. Santos fala de efecto rebote. Pouco importa que cada bombilla teña un gasto máis baixo que unha incandescente se logo pos millóns delas. «É un gasto enerxético inasumible», advirte. E puntualiza tamén que, hoxe en día e tendo en conta como se constitúe o mix enerxético no Estado, é imposible asegurar con total certeza que toda a electricidade que se usa para prendelas sexa renovable. Así que, se colla por onde se colla, as luces de Nadal si están lanzando toneladas de CO2 á atmosfera. 

O portavoz de Greenpeace apunta que non se opoñen ao Nadal nin discuten a idea de celebrar as festas. «Discutimos o volume», di. E este non é un problema de Vigo: «Abel Caballero é o líder, pero todos queren ser», sinala

O peor é «a mensaxe de malgasto que se manda á cidadanía», sinala. Ao fin e ao cabo, pregunta, como lle podes pedir á xente responsabilidade e logo dilapidar durante as festas, por moito que o Nadal sexa algo puntual. «Xogámonos o futuro dos nosos fillos e fillas», lembra. As consecuencias da emerxencia climática non son algo fútil. Santos lamenta igualmente «o pouco caso que lle facemos á ciencia» e a pouca importancia que lle estamos dando, por tanto, á contaminación luminosa, que merecería moita máis atención. O exceso de luces afecta aos seres humanos e os seus ritmos, pero tamén á natureza. «Non somos a única especie no planeta», lembra. 

A bóla iluminada na entrada da rúa Príncipe, un "clásico" do Nadal de Vigo. © Miguel Blanco Arango

En parte, posiblemente, que o frenesí luminoso parta da política municipal non axuda. Custa comprender que as cuestións climáticas son tamén algo que hai que traballar dende os concellos e non só con obradoiros de reciclaxe de cando en cando? Santos apunta que o feito de ter que traballar a curto prazo e que as cousas rechamantes sexan máis recoñecidas pola cidadanía vai en contra das medidas climáticas, que requiren tempo e que non son moitas veces tan vistosas. Pero facelas é posible. O experto pon o caso de Pontevedra, cunha política municipal que actúan contra os factores estresores do cambio climático e que logrou mellorar a calidade de vida da cidadanía. Levan traballando niso décadas. Claro que a primeira vista non é tan impresionante como a carreira luminosa. «É unha mágoa», apunta. 

Non hai que renunciar de todo á festa. Un Nadal sostible é posible, dime. «Podemos gozar igual», se cadra apostando máis polas conexións sociais ou a cultura que polas contas de bombillas que dan titulares e máis titulares. «O que nos fai felices son outras cousas», engade.

Raquel C. Pico

Raquel C. Pico

Xornalista e escritora. Escribo sobre a vida moderna, a de agora e a de hai cen anos, nunha ecléctica variedade de cabeceiras, como boa freelance millennial.

Tamén che interesa

  • Vigo. A maldición da luz

    Un percorrido pola megalomanía política, o buraco identitario e a fascinación polas luces de Nadal. Disto se nutre o actual alcalde de Vigo para exercer a súa memecracia. Por Fran P. Lorenzo. Fotos de Miguel Blanco Arango. 

    Lugares

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.