De viaxe? Cando os turistas son «os outros»

É, como poñían os estados do Facebook na súa etapa de gloria, unha situación «complicada». Nos últimos anos, as queixas da poboación galega ante os efectos do turismo foron en aumento. 

Unha tarde de verán na zona vella de Santiago pode convencer a calquera de que a situación é extrema. Pero —e máis alá de que as estatísticas e as versións da industria apuntan que a realidade é máis matizable— isto non quita que nós mesmas sexamos turistas noutros lugares. 

 

Era nos primeiros meses de 2017. Unha pintada nos paneis que separaban unha obra do resto da rúa explicaba en Lisboa á xente de fóra o que o turismo lle estaba a facer ao centro da cidade. «Querido turista: Gastar os cartos nun Airbnb no centro de Lisboa sostén a expulsión dos seus habitantes e destrúe o que viñas ver!». En Lisboa —e no Porto— xa se falaba entón dun fenómeno, o da turistificación, mentres no resto da Península o que preocupaba aínda era a xentrificación (no primeiro o que expulsaba aos habitantes eran os turistas, no outro eran os ricos). Anos despois, a pintada lisboeta —daquela sorprendente polo novidoso— é a tónica en cada vez máis lugares, Galicia incluída. O turismo esperta paixóns e non exactamente para ben. 

O crecemento das viaxes e o protagonismo que España en xeral ten no mercado turístico global está tendo un efecto directo sobre a calidade de vida da xente que ten que vivir naqueles lugares aos que van quen viaxan. Os «touristsgo home!» de hai un par de anos en Barcelona estendéronse como a pólvora por moitos máis lugares. Existe unha certa sensación de que se está a converter todo nun parque temático, no que a cidadanía son os extras que poñen o fondo para as experiencias auténticas e os momentos foto. 

Existe unha certa sensación de que se está a converter todo nun parque temático, no que a cidadanía son os extras que poñen o fondo para as experiencias auténticas e os momentos foto 

Pero esta realidade convive cun interesante paradoxo: se somos a xente que fai vulto nas fotos alleas, somos quen protagoniza as propias. Todas somos turistas, porque as cifras de crecemento das viaxes non se entenden se non existe un fluxo constante de idas e vidas. 

Pintada en Lisboa contra os Airbnb no centro da cidade. CC-BY-SA Raquel C. Pico

O certo é que, a pesar das críticas que cada vez se fan máis aos efectos do turismo, as pausas nas viaxes nos últimos anos estiveron moito máis relacionadas con cuestións pragmáticas que con remorsos. A pandemia do coronavirus bloqueou o movemento de persoas, limitando o acceso a destinos ou, noutras ocasións, levando a que a xente se cuestionase se realmente pagaba a pena asumir o risco de viaxar. Cando se deixou atrás o momento álxido da pandemia, as viaxes volveron con forza. Nos primeiros momentos falábase do verán do revengespending, o consumo «de vinganza». Mercábanse máis cousas para compensar meses de malestar e sacrificios e iso tamén levou a que se fixesen escapadas. 

E mesmo se o coronavirus segue andando por aí, como deixan claros os titulares das últimas semanas, non o fai como o facía e a confianza para se mover recuperouse.  As estatísticas sobre turismo falan xa dunha recuperación bastante plena a nivel global. A do Foro Económico Mundial sobre a proxección turística deste ano sinala que xa se logrou igualar os niveis de viaxes prepandemia. Estados Unidos, España, Xapón, Francia e Australia son as economías que lideran ese crecemento. A recuperación da industria turística en Europa en 2023 foi, mesmo, do 90%.

Os 1.332.893 pasaxeiros que transportou o aeroporto de Santiago en 2000 foron xa 3.537.445 en 2023

 E que papel ten Galicia en todo isto? O turismo en Galicia leva crecendo de xeito constante ao longo das últimas décadas. Os 1.332.893 pasaxeiros que transportou o aeroporto de Santiago en 2000 foron xa 3.537.445 en 2023. O Camiño de Santiago é un dos grandes motores de visitantes, pero o certo é que non é o único reclamo. Unha proxección de hai un par de anos de Airbnb falaba xa de Pontevedra e Lugo como «destinos emerxentes» e unha deste ano dun grupo de valoración —Tecnitasa— pon a Lugo como unha das provincias onde a suba de prezos do aluguer vacacional a pé de praia está sendo máis elevada. 

Vista da Catedral de Santiago cos turistas aos seus pés. CC-BY-SA Raquel C. Pico

Todo isto pasa en paralelo a un boom no turismo na chamada España verde, un norte peninsular que se está afianzando baixo un reclamo de «refuxio climático». Durante o verán pasado, as estatísticas e as análises dos medios nos paraban de repetir que o sur podía perder turistas fronte ao norte polas elevadas temperaturas, a seca e todos os efectos negativos que o cambio climático estaba tendo para eses destinos tradicionais de vacacións. As temperaturas máis agradables impulsaban o norte, polo que o número de visitantes podería ascender aínda máis nos tempos por vir. 

Cando lle pregunto pola cuestión a José Antonio Fraiz, catedrático da Área de Comercialización e Investigación de Mercados, na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo, dime que pensa que vai influír. «Non é algo positivo [o cambio climático], pero vai favorecer destinos fronte a outros», sinala. Ao final «o turismo é para gozar». Se non podes saír do hotel por calor a cuestión do gozo queda un tanto difusa.

A avalancha cantora

Todo isto son boas noticias para industria, pero é posible que para quen vive neses lugares de destino non o parezan tanto. Cidades como Santiago levan xa algún tempo protagonizando titulares sobre o impacto negativo que ten para a súa calidade de vida as masas de turistas. 

Pode que nada sexa máis emblemático [en Compostela] que as avalanchas cantoras que pasan de cando en cando polas rúas principais de entrada, sen ter en conta que alí vive xente á que os seus cánticos entusiastas van molestar

«Está todo cheo e leva así dende Semana Santa», confirma unha traballadora da hostalaría da zona vella santiaguesa. Calquera persoa que viva na área —ou que o fixera nestes últimos anos— pode confirmar que a situación achégase ás veces máis a vivir nun espazo para os visitantes que nun para quen pasa alí todo o ano. Pode que nada sexa máis emblemático que as avalanchas cantoras que pasan de cando en cando polas rúas principais de entrada, sen ter en conta que alí vive xente á que os seus cánticos entusiastas van molestar. A cidade monumental compostelá non deixa de perder habitantes e ten serios problemas para captar novos veciños. 

Nos últimos anos é un tema que entrou nos programas electorais, pero a pesar diso a cuestión está moi lonxe de ser resolta ou de cambiar. Non hai máis que dar un paseo por un par de rúas calquera para ir vendo como todo vai sendo conquistado por tendas «para turistas». E, se ben é certo que todo isto acontece mentres o pequeno comercio atravesa unha situación complicada e de crise que vai moito máis alá do que os turistas lle podan ou non facer, si hai unha certa sensación de que o que importan son outros. Non podía deixar de pensalo tras cear en inverno por casualidade nun lugar que ocupa un espazo emblemático e moi ‘foto-friendly’ no que me serviron comida-trapallada por un prezo elevado e ao que prometín non volver nunca. Non importaba: eu non era o seu público. 

En Santiago, a sensación de esgotamento convive co discurso de que ao final a cidade vive dos servizos e o turismo é unha parte crucial deses ingresos. Noutras cidades, a cuestión tamén empeza a ter ecos. Vigo é insoportable en termos de calidade de vida no Nadal, pero os últimas estatísticas falan de que é xa onde máis apartamentos turísticos hai das urbes galegas. Todo isto acontece mentres os prezos dos alugueres escalan e, á hora de atopar as razóns para esta situación, a airbnbización é unha das que se mencionan de xeito recorrente. 

O camiño de Santiago é un dos grandes motores de visitantes para Galicia, mais non é o único. CC-BY-SA Pexels_Burkard Meyendriesch

Pero está Galicia xa a dar sinais de esgotamento turístico? «Non temos para nada esa saturación», apunta Fraiz falando de Galicia en termos xerais. Na súa web, o Clúster de Turismo de Galicia recolle unha enquisa de YouGov que sitúa a Galicia como o destino percibido polos turistas en España como menos masificado, seguido por Asturias e Cantabria.

«O esforzo na promoción do destino, na profesionalización do sector, na busca da calidade  e a configuración dunha oferta moi diversificada levaron a Galicia a incrementar o número de visitantes ano a ano, especialmente na última década», responden dende o Clúster por mail. «É certo que hai lugares moi concretos como Santiago ou determinadas localidades da costa que  teñen momentos puntuais de elevado fluxo turístico que se concentran no verán e en determinados días», conceden, explicando que agora o que se busca é crecer pero «non tanto no número de persoas, como no incremento do gasto turístico, da rendibilidade, da creación dun emprego de calidade» e conseguindo que os fluxos de visitantes se distribúan mellor ao longo do ano. 

Para iso, o visitante internacional é fundamental, explican. Preguntáballes se recomendacións como a viral de The Sun —que fala de Galicia como a alternativa a Ibiza, insistindo xustamente en que está «menos chea»— poden agravar o problema de percepción entre a cidadanía. «Non nos sorprende que se fale de Galicia fóra das nosas fronteiras porque levamos moito tempo apostando por atraer ao turista internacional», dinme. «A internacionalización é clave para a rendibilidade do sector e tamén para afondar na diversificación e na desestacionalización», sinalan. 

Os turistas españois perciben a Galicia como o destino menos masificado. CC-BY-SA Pexels_Stas Knop

Con todo, a industria é consciente de que existe este clima de percepción negativa. «A preocupación da poboación está en relación con determinados problemas ou o agravamento dos mesmos que se asocian ao turismo: os problemas de vivenda, o encarecemento de produtos ou concentracións en determinados puntos e momentos», dinme dende o Clúster, onde cren que «é preciso atallar estes problemas e non prexudicar a imaxe dun sector clave na economía». 

O obxectivo a cumprir —prometen estar traballando nisto e que a cuestión foi e é transversal nas súas estratexias— é conseguir un turismo sostible. «Somos conscientes de que sen sostiblidade non hai futuro e de que temos moitas fortalezas que coidar en Galicia, (naturais, culturais, patrimoniais) para garantir a súa preservación para as futuras xeracións e poder aproveitalas como fonte de riqueza para a nosa economía», din dende o Clúster.

Viaxar de xeito sostible

A idea do sostible é unha desas que se levan repetindo como a guía para facer as cousas mellor en moitas industrias e moitas áreas, tanto que a palabra acabou sendo xa case como un cascallo baleiro que non significa nada. Pero as ideas que sosteñen o que se quere dicir con iso si están aí e si son algo. No turismo, implica pensar moitas cousas antes de viaxar e durante. Isto é, o turismo debe ter un impacto positivo no lugar que o acolle. E por positivo non se fala só de que a caixa non pare de cuspir tíckets. 

A idea do turismo sostible é moi recorrente pero está a perder significado. CC-BY-SA Pexels_veerasak Piyawatanakul

«O mercado ideal é o turismo rexenerativo, baseado na sostibilidade», explica Fraiz. Non se trata só de que respecte a natureza —que é ao final no que moita xente pensa cando se lle menta o termo— senón tamén que sexa responsable. E, como apunta o catedrático, aí entran cuestións como a economía do lugar e a vida dos seus habitantes. «É unha oportunidade económica, social… moi importante», di. 

O turismo sostible en Galicia sería un que se repartise por todo o territorio e un que non sexa só estacional. Ser é posible, posto que, como sinala Fraiz, «temos turismo patrimonial, de natureza, termal…» A paisaxe, a gastronomía, a cultura e o patrimonio poden ser vectores para a atracción durante todo o ano. Poderían ser tamén motores económicos —e responsables— para áreas que buscan reinventarse e solucionar problemas, como a Galicia rural. Fraiz lembra que xa hai iniciativas moi interesantes nesa liña en áreas como a Ribeira Sacra. O Clúster fala da iniciativa Galicia Destino Sostible, á que só poden pertencer iniciativas que cumpran con criterios sostibles. 

Os turistas son os outros, como demostra esa frase xa convertida en lugar común de «non son turista, son viaxeiro»

O da sostibilidade é tamén «un tema de educación e concienciación», como me explica Fraiz cando lle pregunto sobre como deberiamos pensar como viaxamos. 

Non son turista, son viaxeiro

E, ao final, é tamén o que pecha o círculo, porque falar de Galicia e a pantasma da turistificación leva a abordar a cuestión dende o punto de vista do que lle pasa á cidadanía como quen reside no lugar de destino. Pero esa poboación é tamén a que chega aos lugares turistificados nos que viven outros. Os turistas son os outros, como demostra esa frase xa convertida en lugar común de «non son turista, son viaxeiro». 

En realidade turistas son -somos- todas. CC-BY-SA Pexels_Tirachard Kumtanom

En realidade, turistas son —somos— todas. Pouco importa se vas a Benidorm ou calquera outro destino mainstream ou se o fas a ese lugar emerxente e supercool que descubriches polas recomendacións dalgunha revista pretensiosa estranxeira: es parte da engrenaxe da industria do turismo. Nós tamén peregrinamos ao Porto buscando o mesmo que agora buscan moreas de turistas que protagonizan as críticas que tan ben comprendemos dos seus habitantes. E eu fun a persoa que pagou por comida trapallada nalgún sitio bonito e fotoxénico nalgunha cidade na que os responsables dese restaurante nin pensaban nin se interesaban polos locais. 

Pouco importa se vas a Benidorm ou calquera outro destino mainstream ou se o fas a ese lugar emerxente e supercool que descubriches polas recomendacións dalgunha revista pretensiosa estranxeira: es parte da engrenaxe da industria do turismo

«Ten que haber unha crítica construtiva, non destrutiva», sinala o profesor da Universidade de Vigo sobre como se deben abordar os retos do turismo. Fraiz fala da importancia da xestión, tanto da pública e da privada, para protexer os lugares da masificación —que é, indica, unha consecuencia dunha mala xestión—. Cando se planifica o turismo hai que pensar en todos os puntos implicados. 

Raquel C. Pico

Raquel C. Pico

Xornalista e escritora. Escribo sobre a vida moderna, a de agora e a de hai cen anos, nunha ecléctica variedade de cabeceiras, como boa freelance millennial.

Tamén che interesa

  • Ao norte do norte: máis alá do Trópico de Mondoñedo

    As comarcas setentrionais da Coruña e Lugo foron quen de manter unha identidade gastronómica propia que tamén no ámbito contemporáneo está a desenvolver propostas e formatos diferentes. Percorremos desta vez manxares e lugares que dan forma a unha oferta diferenciada non como resposta a unha demanda do turismo ou dunha nova clientela senón como a vontade de manter viva a súa esencia, algo que continúa a ser un dos seus principais, e desde logo o máis saboroso, dos seus sinais de identidade.

    Gastronomía
  • Vinte en ruta

    Vinte en ruta #01: Da Coruña a Ferrol dando toda a volta

    Comezamos hoxe VINTE EN RUTA, unha serie de reportaxes que combinan a crónica de viaxes e o roteiro gastronómico, sen saírmos da provincia da Coruña. Microturismo de proximidade, cousa slow, facer pouca gasolina e gastar poucos cartos pero gastalos aquí ao lado. Con firmas da casa VINTE e firmas convidadas que se botan á estrada para ver, con outros ollos, o que temos aquí ao carón. Co apoio da área de Turismo da Deputación da Coruña. 

    Lugares

    Co patrocinio de Turismo da Deputación da Coruña

  • Verdades e mentiras da fantasía rural galega

    Protagonista das ilusións urbanas durante a pandemia e raíña dos feed de Instagram vía cottagecore, a romantización da vida rural ten un certo cariz aspiracional. Mais canto hai de certo e falso nesa fantasía millennial de que a vida nos irá mellor na calma da aldea? 

    Lugares
  • O Porto máis recóndito. Do mercado do Bolhao ao estuario do Douro

    En VINTE somos moi de ir o Porto e sabemos que as nosas lectoras tamén. Xa fixemos un percorrido por eses lugares de visita obrigada na cidade e agora imos perdernos por outros espazos e apuntar máis sitios aos que ir. Agora que xa pasou o Primavera Sound Porto, aínda queda moito por facer na capital portuguesa do norte!

    Lugares

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.