En VINTE somos moi de ir o Porto e sabemos que as nosas lectoras tamén. Xa fixemos un percorrido por eses lugares de visita obrigada na cidade e agora imos perdernos por outros espazos e apuntar máis sitios aos que ir. Agora que xa pasou o Primavera Sound Porto, aínda queda moito por facer na capital portuguesa do norte!
Comezamos por un espazo que levaba varios anos pechado, o Mercado do Bolhao. Tras unha restauración completa do edificio, este mercado de produtos frescos referente para a veciñanza da zona centro da cidade volveu abrir as súas portas e é unha boa nova tamén para as visitantes, pois desta volta conta cunha ampla oferta de comidas e bebidas para degustar in situ. Queixos, zumes naturais de froitas, bocadillos, sardiñas en pan, copas de vinho verde... A mediodía as escaleiras están cheas de xente comendo porque non caben nas mesas.
Arredor do mercado, que está entre a zona de Trindade e Santa Catarina (onde está o café máis antigo do Porto, o Majestic, agora completamente turistificado), agora hai unha rúa peonil e tendas pequenas nos baixos do gran edificio. Fixemos varios descubrimentos na rúa Guedes de Azevedo. O primeiro é un espazo que é tenda de discos, libraría e local de concertos, chámase Socorro e os seus donos son asiduos do Maus Hábitos, onde fan un podcast efémero en directo. Contan cunha selección de vinilos de segunda man que paga a pena explorar e fixeron unhas camisetas chulísimas cos deseños da artista Wasted Rita.
Nesa mesma rúa están o Negra Café, no que tomar café, bebidas de Nutella, cócteis ou facer brunch; e o Supernova, que é un espazo de múltiples usos: unha cafetería-restaurante que tamén é galería de arte, un lugar para traballar co teu portátil, un hostel e un local de concertos.
Pero saiamos da cidade, que cun raio de sol xa se pode ir á Piscina das Marés, deseñada polo arquitecto Álvaro Siza nos anos sesenta na praia de Leça da Palmeira, en Matosinhos. Ao longo da avenida da Liberdade hai un paseo paralelo á praia, con sitios para comer ao outro lado, que remata no Faro de Leça.
Seguindo na costa, as que dominan o Primavera Sound Porto xa saben que desde o Parque da Cidade, camiñando pola avenida Boavista, tamén se chega ao mar. A un lado a praia do Castelo do Queijo e ao outro o passadiço das ondas, un paseo de madeira ao carón de onde rompe o mar, que vai ata a praia urbana do Homen do Leme.
Se vas co coche, cruzando a Ponte da Arrábida sobre o río Douro ata Gaia, podes ir ata o miradoiro do Cabeledo e aparcar para percorrer a pé o camiño ata a praia que está na reserva natural do estuario do Douro. A cidade queda ao lonxe e alí o único que se escoita é o mar. Acostumadas a ver a paisaxe desde o alto da Ponte Luiz I, esta nova perspectiva axúdanos a completar a imaxe.
Na beira do Douro do lado de Gaia tamén hai unha senda ciclable –e peonil– para quen gosta das rutas urbanas en bicicleta. Pasa por debaixo da Ponte da Arrábida e chega ata a reserva natural do estuario do río.
Xa temos recomendado achegarse ao museo de arte contemporánea Serralves, desta vez destacamos a exposición Carla Filipe: In my own language I am independente, organizada pola Fundação de Serralves coa curadoría de Marta Moreira de Almeida, directora adxunta do museo, que se pode visitar ata o 17 de setembro.
Carla Filipe é unha artista multidisciplinar que emprega o portugués e o inglés á súa maneira para expresarse sobre fotografías, collages, pinturas, gravados ou mesmo bordados (con conversas que poderían ser parte dos guións das Girls de Lena Dunham). A mostra é un percorrido polos lugares que habitou, a xente que coñeceu e como se sentiu en cada momento. «I have the impulso for work to the comunidade! But I never found this comunidade», pode lerse nunha das súas obras.
E se estás en Serralves non marches sen pasar polo xardín. Ademais da observación que nos ofrece o Espelho do Céu de Anish Kapoor, agora é imprescindible facer o percorrido polas copas das árbores no paseo de madeira elevado que é apto para crianzas.