24 horas no Porto. Paseos, brunch, arte na rúa e pasteis de nata

Dá igual as veces que vaias, Porto sempre é unha boa idea. Para (re)descubrila post-pandemia cómpre perderse polas rúas da zona de Cedofeita, onde se concentran as artistas da cidade. A efervescencia cultural que a caracteriza ten agora o aliciente de asistir á transformación das súas interconexións. Percorremos a cidade a pé para suxerir (ou lembrar) visitas obrigadas na capital do norte de Portugal. 


En continuo cambio, a cidade experimenta agora a maior obra da década: a construción dunha nova liña de metro, que terá parada na Praça da Galiza no itinerario da nova linha rosa (que conectará a Praça da Liberdade coa Casa da Música). Tamén están a restaurar a ponte da que todas temos unha foto no móbil: a ponte Luiz I, que conecta con Vilanova de Gaia sobre o río Douro. Mais, a pesar da ebulición das obras, Porto recupera a ′vella normalidade′ despois de dous anos incertos. Aínda que, como reclama a veciñanza, facíalle falta unha ′nova normalidade′ na que se regulasen con firmeza os aloxamentos turísticos. 

Claro que todos somos turistas, e canto presta atoparse con persoas de calquera parte do mundo facendo unha foto duns azulexos pola rúa. Manter unha conversa sobre o que che gusta da cidade ou incluso explorar novas amizades. Porto é ese sitio no que un rapaz francés e unha rapaza portuguesa se coñecen na porta dunha cafetería un sábado pola mañá e acaban compartindo mesa para almorzar. 

Saímos camiñar por Porto, pois sempre presta, e recollemos algunhas propostas cara aos días festivos que veñen. 

Unha vista desde a rúa dos Mártires da Liberdade (Porto) © Ana G. Liste

Cedofeita

O mellor que podes facer no Porto é meterte por unha rúa na que nunca estiveches. A rúa de Miguel Bombarda é en si mesma unha galería de arte ao aire libre, paga a pena percorrela sempre para ver as últimas ilustracións que visten as fachadas dos edificios que fican en ruínas. As creadoras que montaron a Ó! Galería continúan no empeño de axudar aos artistas vivos a vivir –de facto– das súas obras e no CC Bombarda manteñen a terraza que serve de punto de encontro na zona (unha boa opción se ademais probas a torta de chocolate). 

Obra en solidariedade coa Ucraína de Nuno Costah no Largo de Alberto Pimentel © Gonzalo

Camiñando en sentido oposto, pola Travessa de Cedofeita cara a rúa da Conceição, chégase ao núcleo no que se move a mocidade que vive no Porto. E tamén a que viaxa á cidade, pois alí mesmo hai un hostal moi concorrido (tanto polo día como pola noite). As colas para almorzar ou facer brunch no Lazy Breakfast Club, na rúa das Oliveiras, ou no Nicolau do Largo de Alberto Pimentel, así o demostran. É moi duro ser hipster. 

Para ver todo tipo de tendas de segunda man, obxectos de memorabilia e antigüidades colle a rúa dos Mártires da Liberdade, un bo exemplo desta cidade a dúas velocidades pois ten edificios case derruídos por completo e casas totalmente restauradas a escasos metros de distancia. Se queres unha cámara de fotos vintage, tamén é o teu sitio. 

Graffiti de MrDheo en Trindade © Ana G. Liste

Santa Catarina

Cruzando da Praça da República ata Trindade vése ben o cambio na cidade. Esta zona máis nova colleu protagonismo co desembarco das principais marcas de roupa na rúa de Santa Catarina. O histórico Mercado do Bolhão está en plena rehabilitación, mais o espazo provisional mantense como referente para mercar peixe no centro. É certo que Santa Catarina substituíu nos últimos anos a Cedofeita como a ′rúa das compras′, pero aínda mantén un par de padarias e pastelarias con forno propio e o nunca desprezable Café Majestic (por moito que estea masificado). 

Antes de chegar á Praça da Batalha, coa igrexa de Santo Ildefonso (e a súa espectacular fachada de azulexos en liña coatorre dos Clérigos) nun extremo e o Teatro Nacional São João no outro, hai que subir pola rúa Passos Manuel ata a altura do Coliseo e mirar cara a beirarrúa de enfronte. No último piso do aparcamento en altura de acceso enrevesado está o Maus Hábitos, un local aberto da mañá á noite cunha programación cultural envexable. Concertos, exposicións,performances, festivais de cinema, ensaios de bandas de música… Todo isto cabe no espazo multiusos do Maus, que sempre ten aberta a cafetería. 

Entrada principal da estación de tren de São Bento © Ana G. Liste

Aliados e São Bento

Aliados non é a Praza do rei de Vigo –chamémoslle mellor Campo de Granada– nin tampouco a Praza do Obradoiro de Santiago, pero artella os dous ecosistemas do Porto e fai de núcleo entre a parte alta e baixa da cidade. Hai que pasar por alí si ou si. 

A estación de tren de São Bento é de sobra coñecida, pero é que remataron de restaurar a entrada principal e os azulexos brillan, sobre todo os da parte superior. Chea de viaxeiros, turistas e pombas, é necesario acceder e mirar cara arriba durante uns minutos. 

Pasteis de nata nunha terraza fronte a São Bento © Ana G. Liste

Rúa das Flores 

No comezo da rúa das Flores, fronte á estación de São Bento, congréganse as pastelarias con terrazas para tomar uns pasteis de nata como bos turistas-veciños. Nesta rúa peonil fican locais con encanto como a libraría de segunda man Chaminé da Mota, que dentro ten expostos instrumentos musicais aos que se tes sorte lle dan corda, ou o máis novidoso Museu da Misericórdia do Porto (MMIPO), que acostuma ter mostras temporais de fondos procedentes do Museu de Arte Contemporânea de Serralves

Exterior da libraría Chaminé da Mota na rúa das Flores © Ana G. Liste

Ribeira do Douro

O que está agora de moda é a beira do río do lado de Gaia. Alí xa non están só a maioría das adegas de vinho do Porto que se poden visitar, senón que hai un agradable paseo con xardíns. E sempre queda explorar as rúas do interior, con talleres mecánicos e restos do pasado máis industrial da zona.

Un solpor desde a ponte Luiz I con Porto á dereita do Douro e Gaia á esquerda © Ana G. Liste

Collendo o funicular desde a base da ponte Luiz I podes chegar a tempo para gozar do solpor desde a parte máis alta da ponte, e ver o sol despaparecer entre as dúas cidades.

Do lado do Porto, paga a pena ampliar o paseo da parte da ribeira do Douro máis próxima á ponte Luiz I cara a zona da Alfândega para pasarse polo Armazém, unha mestura entre tenda de antigüidades, galería de arte e bar.  

Interior do Armazém, na rúa de Miragaia do Porto © Ana G. Liste

Galería de París

O día remata nas rúas desde a torre dos Clérigos (onde é recomendable escoitar un concerto do órgano da igrexa) ata a Praça de Carlos Alberto (que mantén o mercado Porto Belo nas mañás dos sábados). Nesa praza está un dos museos municipais de historia da cidade que están repartidos polas freguesías, chámase Banco de Materiais e garda os azulexos que se foron recuperando das casas derruídas na parte histórica para que non se perdan. Moi preto está o Centro portugués de fotografía, con exposicións temporais interesantes entre as que destacan as retrospectivas dedicadas ás mulleres fotógrafas. 

Detalle do museo municipal Banco de Materiais © Ana G. Liste

Pódese rematar o día na rúa Galeria de París ou na de Cândido dos Reis e tomar unha copa nun bar no que perfectamente poderían estar Joan Holloway ou Betty Draper de Mad Men

Isto só é unha mínima escolma do que pode dar de si un día no Porto. Se hai tempo, a visita obrigada que falta é a de Serralves

Instalación artística no centro do Porto, na rúa que vai ata a Sé desde São Bento © Ana G. Liste
Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.