Antía Vázquez e Eloy Vidal, durante o concerto da Capitol cando presentaron 'Un saber'. © Klásiko
Falamos con Antía Vázquez (Oleiros) e Eloy Vidal (Ponteceso), dous dos tres membros que forman Alana. Nesta conversa faltou o gaiteiro e percusionista Pablo Castro (Vimianzo) pero estivo ben presente nas verbas tanto da súa compañeira como do seu compañeiro de grupo. Alana vén de publicar o seu novo disco, “Un saber”, un segundo traballo que consolida a formación con apenas tres anos de existencia e co que quixeron homenaxear, xa desde o título, ás informantes, esas mulleres que achegan as súas coplas sen darlle moita importancia aos seus propios coñecementos. “Elas teñen un saber non só a nivel musical, senón tamén a nivel cultural, a nivel lingüístico, a nivel social e a nivel de comunidade”, asegura Antía Vázquez. O achado de cada cantiga é o comezo dun traballo protagonizado polos contextos e a experimentación sonora. Mellor escoitalo.
En realidade, vós comezastes hai ben pouco, en 2023. Xa vos coñeciades de antes? Como xurdiu este trío que conformades xunto a Pablo Castro?
Eloy: Xurdiu porque un día vin a Antía nun concerto, na Capitol, saíu a colaborar nunha canción de Ailá e dixen guau, como canta esta nena! Entón o que fixen foi falarlle, dicirlle se lle apetecía facer unha canción xuntos porque eu sempre tiven ganas de investigar neste mundo. Ela díxome que si, pero que tiña que aprender. É verdade, que tiña que aprender. Pero pronto comezamos a facer a canción xa Antía e mais eu e fixemos “Foliada de Negreira”; despois comezamos con "Liñares", e dixemos, bueno, podemos facer cousas para trasladar aos concertos, para gravar outro tipo de instrumentos tradicionais, e chamamos a Pablo, que eu xa o coñecía había tempo, e foi así como nos xuntamos.
Antía: Foi así un pouco sen querer, porque a verdade que non tiñamos pretensión de facer un grupo. Eloy un pouco máis, que me fixo un pouco a envolvente, eu non tiña moita gana, pero despois, ao final, como os tres tiñamos unha mentalidade parecida da música e tal, pois si que xurdiu. Comezamos hai tres anos, moi pouco relativamente para, creo eu, para certas cousas que vivimos e que estamos a vivir.
Tamén, cadrou nun momento en que a música galega ou a nova onda do tradicional, pois está en voga, e vós sumades nesa nova visión do tradi.
Antía: Si, a ver, ao final é verdade que xa fai ben de anos que existían grupos que mesturaban tradi con outro tipo de cousas. Mercedes Peón é a precursora para nós do tradi con electrónica, e fai, non sei cantos anos, 15 anos, 20 anos? tamén Berrugüeto, Radio Cos ou Leilía, non? Xa había moitos grupos. Agora quizais isto está nun foco máis mediático, non? Eu creo que toda o fenómeno Tanxugueiras puxo o tradi, non só aquí senón tamén no resto da península, as músicas de raíz, no foco mediático. Entón, si que é verdade que hai moita xente que non lle prestaba atención, non só á música tradicional, senón á música en galego. E agora, como está nese punto, quizais falar de moda é un pouco complicado, que está nun punto en auxe e que hai moita máis xente que se interesa por isto, si que é certo, e nós podemos estar nesa onda.
Antía Vázquez: "Eu como profesora de pandeireta e Pablo tamén de gaita e de baile, notamos que hai moitísimos nenos e nenas que se apuntan agora a pandeireta e a baile. Eu na miña vida tiven tantos alumnos, é unha pasada"
Pode ser moi positivo a moitos niveis para a mocidade, que se interesa pola música tradicional e que o pase ben, porque ademais son concertos divertidos.
Antía: Si, si, claro, tamén sempre dicimos que é moi positivo para a lingua, non? Quizais estes grupos son o único contacto que estes nenos e nenas teñen coa música en galego, non? E iso pódese trasladar tamén aos pais e ás familias e ás nais. Ao final é como un diálogo entre as dúas partes, e non só coa lingua, senón tamén co tradicional. Hai moita xente que só lle gusta a música mesturada, digamos, pero hai moita outra xente que ao final vai rascando e descobre isto e acaba apuntándose a pandeireta, a baile tradicional ou ao sexa. E que tamén é moi guai. Eu como profesora de pandeireta e Pablo tamén de gaita e de baile, notamos que hai moitísimos nenos e nenas que se apuntan agora a pandeireta e a baile. Eu na miña vida tiven tantos alumnos, é unha pasada.
Dicides deste segundo disco que reflicte un cambio, en varios sentidos, tamén un cambio vital. A que vós referides?
Eloy. Si que é certo que seguimos pola mesma liña do que tiñamos feito. Non cambiamos moito, por así dicilo. Pero evolucionamos, máis que cambiamos, creo eu. Neste novo disco nótase a aprendizaxe destes tres anos que levamos facendo concertos, que levamos indagando na música tradicional, sobre todo pola miña parte, como produtor. Ao principio, cando empezabamos, eu estaba experimentando moito e agora, despois de tres anos, pois si que é certo que xa teño máis coñecementos, considero, tamén porque me esforcei por coñecer un pouco máis o mundo tradicional. Entón, claro, á hora de producir non teño a mesma visión que hai tres anos
Antía. Nós temos unha visión de como entender a música e iso non cambiou moito, que é ao que se refire Eloy, pero ao final son tres anos nos que estás vivindo cousas diferentes, nos que fas moitos directos e contactas e compartes con moita xente e iso, obviamente, cámbiache a nivel profesional, pero tamén a nivel vital. Non somos as mesmas persoas que hai tres anos, e creo que ninguén o é. Eu sempre conto un detalle, que Pablo cando empezamos dicía que non quería tocar a gaita. “A gaita, un pouquiño e xa está”. E agora se o deixas tocar a gaita en todas as cancións, faino, porque está máis solto no escenario, goza moitísimo. Agora atrevémonos a experimentar con outros sons que igual no primeiro disco non nos apetecía ou o que fose, e ao final tamén as colaboracións inflúen bastante. Cada un ten o seu estilo, entón, xuntar estilos tamén fai que te fagas outras preguntas, que che apeteza experimentar con outras cousas ao final é todo como un percorrido que vas tendo e iso che vai marcando a nivel musical e a nivel persoal.
Tedes moitas colaboracións neste disco
Eloy. Poucas me parecen (risos). Gústame moito colaborar coa xente próxima, coa cultura en galego. Gústanme que nos apoiemos uns aos outros e que colaboremos neste tipo de cousas que sempre suman.
Antía. Si, ao final, Eloy sempre di unha frase que a min me gusta moito e é que as músicas teñen que colaborar, non? E a nós, persoalmente, gústanos moito colaborar con xente da casa ou próxima, independentemente do tipo de música que fagan, que tamén inflúe, obviamente, porque nós cando empezamos a facer unha canción hai estilos de música, grupos de música que se che veñen á cabeza que dis, ui, con estas persoas sería ideal pero si que é verdade que nos gusta colaborar con xente próxima, con amizades.
Queredes destacar algunha porque vos fixese especial ilusión?
Eloy. A verdade que todas, pero quizais o máis sorprendente foi Guillerme Fernández, porque desde que comecei no mundo este da música -porque eu antes de subir aos escenarios montaba os escenarios, son técnico de son- traballei con Guille en moitos proxectos. Fun técnico de son de De Vacas tamén algunha vez incluso con Guadi e tiven a oportunidade de traballar e Guillerme (Fernández), sempre estivo aí e fixome moitísima ilusión, a verdade, poder contar con él neste CD, sen desmerecer a nadie, que tiñamos moitísimas ganas de colaborar cos demais.
Antía: eu creo que cada un tiña como unha causa especial que nos facía ilusión porque, eu que sei, por exemplo, eu fun membro de Pan Sen Fron 11 anos da miña vida toda, entón como quen di, levo toda a vida en Pan Sen Fron, Bieito (Pereira) para os tres é unha das mellores voces agora mesmo a nivel galego; Casapalma xurdiu así un pouco espontaneamente, pero a verdade é que temos unha idea de como facer música moi parecida… entón tamén iso á hora de crear foi moi fácil, Charanga Benofán creo que foi un puntazo, así que lle dá un toque moi diferente ao disco; Galician Army tamén os coñecemos sobre todo a un deles que é do mesmo sitio ca min... Ao final eu creo que todas, como nos gusta colaborar con xentes da casa eu creo que tamén nos fai mais ilusión precisamente por iso.
Este segundo álbum leva por título Un saber , quén ten ese “saber”?
Antía. Era unha idea que nos roldaba na cabeza moito porque as informantes moitas veces, cando vas recoller, dinche que delas que non son importantes, quítanse valor. En certa medida é normal porque para elas era algo do día a día, común pero para nós era algo e sigue a ser algo impresionante e cada vez que traballamos máis nas recollidas neste mundo nos reafirmamos máis en que elas teñen un saber non só a nivel musical, senón tamén a nivel cultural, a nivel lingüístico, a nivel social e a nivel de comunidade. É algo a valorar e queriamos ter esa conversa con nós mesmos de poñelas no lugar que para nós merecen.
Sobre isto, como funcionades? Pasades moito tempo de recollida, ides vós directamente?
Antía. Nós imos de recollida tamén. Gustaríanos ir máis pero si, si que vamos Pablo e mais eu sobre todo. E despois tamén tiramos moito do arquivo do Museo do Pobo Galego, do Apoi, que é un arquivo amplísimo, para min moi fácil de utilizar. Entón nós o que facemos normalmente é ir escollendo algunha zona ou algún informante que nos apeteza no momento. Eu adoito ser a que me encargo de escoller un pouco a melodía e despois xa chega o traballo a Eloy, que se pon coa produción e sempre nos fixamos moito en todo o que pasa que non é música porque á hora de crear as cancións para nos é moi importante. Por exemplo, neste disco, "Xota de Joapita" está feita utilizando só elementos de cociña, cunchas, botellas, un prato, unha lámpada porque a recollida transcorría nunha cociña. Entón inflúenos moito o que nos transmite ese contexto, no que a Eloy lle evoca á hora de facer a música pois se a señora igual che canta un pouco con máis nostalxia ou che canta cun pouco con algo máis de picardía ou que sexa no momento.
Aí está o labor de produción, de adaptar ou modernizar cada cantiga.
Eloy. Si, eu recibo a recollida e interprétoa ao meu xeito, no sentido de como me imaxino que é a situación de recollida, non só a melodía en si senón como me imaxino que é o contexto e vou metendo os meus instrumentos, o que sei facer.
Antía. El é o moderno do grupo (risos).
Eloy Vidal: "Eu recibo a recollida e interprétoa ao meu xeito, no sentido de como me imaxino que é a situación de recollida, non só a melodía en si senón como me imaxino que é o contexto e vou metendo os meus instrumentos, o que sei facer"
Xa levades varios directos de Un Saber, pero a presentación foi nun fermoso concerto na Capitol. Como foi iso?
Antía: Asimilando (risos).
Eloy: Sí, foi bastante incrible, a verdade.
Antía: A verdade é que ver a Capitol chea de xente que coñeces, e doutra xente que coñeceches na xira e dos que igual che vían por primeira vez... Había un pouco de todo e ao final sentímonos súper arroupados, súper queridos, a xente bailou moitísimo, que é algo que nós agradecemos moitísimo. As colaboracións foron impresionantes, non sei. Estamos un pouco asimilando todavía porque realmente levamos moi pouco tempo de vida como grupo, entón, xa encher unha Capitol e poder facer ese tipo de concertos ao final parece que non o cres.