EmigraSON Un lustro espallando música galega e en galego desde a capital de Europa

Foliada na última edición do EmigraSON CC-BY-SA EmigraSON

Cinco anos xa reivindicando a música galega desde Bruxelas. O festival EmigraSON celebra os vindeiros 5 e 6 de marzo de 2027 a súa quinta edición, consolidado xa como un certame de referencia para as bandas do país como xeito de "achegar a cultura galega á diáspora e ao público internacional" 

 

A organización vén de pechar un cartel no que se inclúen Carlangas, 9Louro, Mondra, De Ninghures, Tapa D’Orella, Rager, Dani Cornes, ademais da Asociación Cultural Galega A Roda, de Lausanne (Suíza), que protagonizará a foliada da primeira xornada dun festival para o que as entradas sairán á venda o vindeiro 23 de novembro. 

Outra volta para un festival que naceu no ano 2023 grazas ao impulso dun grupo de galegas e galegos autoxestionados (Karan Novo, Gara López, Mateo González, Cristina Amosa e María Dios) emigrados en Bruxelas. Durante meses traballaron para levar á capital belga artistas e bandas galegas para actuar nun certame de pequeno formato dedicado sobre todo á importante comunidade galega que reside na cidade, pero tamén por outras partes de Europa. Pero o EmigraSON xa é moito máis. 

Concerto de The Rapants no EmigraSON © Pablo Vázquez

Na edición do pasado ano reuniu perto de 2.000 persoas nas salas La Madeleine e La Tricoterie e desde que empezou xa pasaron polos seus escenarios artistas como Tanxugueiras, Baiuca, The Rapants, Fillas de Cassandra, Ortiga, Terbutalina, Grande Amore, Lontreira, Ataque Escampe ou Catuxa Salom, entre outros. 

Carlangas, 9Louro, Mondra, De Ninghures, Tapa D’Orella, Rager ou Dani Cornes conforman o cartel da quinta edición do EmigraSON en Bruxelas

O éxito do festival traduciuse en diversos recoñecementos, como o Premio PALCO ao Mellor proxecto de comunicación no marco da segunda edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, organizados pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e a Xunta de Galicia. Tamén o Premio da Cultura Galega na categoría de Proxección Exterior, "consolidando o traballo do festival na difusión da música e da cultura galegas fóra do país", lembra o festival. 

Ademais, e tras o seu crecemento, o EmigraSON conta xa para esta quinta edición con apoio de institucións como a Xunta de Galicia, o proxecto europeo STORCITO, a Deputación de Pontevedra, o Instituto Cervantes, TurEspaña, a Embaixada de España en Bélxica e a Fundación Galicia Europa. 

Tamén a patrocinan marcas como Evolta, Deleite, AirEuropa, Liporca, e Aí Falaches. Ademais, volven contar co apoio dos tres eurodeputados galegos no Parlamento Europeo: Francisco Millán Mon, Nicolás González Casares e Ana Miranda Paz. 

Cartel da quinta edición do EmigraSON CC-BY-SA EmigraSON

"O noso obxectivo principal é que as persoas emigradas poidan gozar dun anaco da súa cultura e pasalo ben, e tamén mostrar o músculo que ten a cultura galega alén das nosas fronteiras", dicían os e as organizadoras do festival en VINTE tras a primeira edición, apostando por dar continuidade á iniciativa.

Abofé que o conseguiron. O EmigraSON consolidouse cunha cita que xunta concertos, foliada, música, reivindicación e difusión cultural galega desde a considerada capital de Europa e sede das institucións comunitarias. Unha aposta máis do país que hai fóra do país. Da Galicia universal para o universo. 

Miguel Pardo

Miguel Pardo

Entre A Coruña e o Ortegal. Antes en La Opinión, Depor Sport, L-V ou Xornal de Galicia. Co-autor de La imagen del mundo árabe y musulmán en la prensa española (2010, Fundación Tres Culturas).

Tamén che interesa

  • EmigraSon. A música galega soa en Bruxelas

    Karan Novo, Gara López, Mateo González, Cristina Amosa e María Dios son as galegas emigradas en Bruxelas que idearon o festival EmigraSon, unha aventura na que levan traballando varios meses para levar a artistas emerxentes e consolidados do país ata a capital belga, na que hai moita poboación galega emigrada por motivos laborais. O EmigraSon conta co apoio dos eurodeputados galegos Ana Miranda e Nicolás González Casares e celébrase esta fin de semana. En VINTE falamos coa equipa do festival para coñecer como naceu a que esperamos que sexa a primeira edición de moitas. 

    Festivais
  • Vinte almorzando con 9Louro

    Volve o Vinte almorzando con Deleite e nesta nova xeira comezamos con 9Louro. Almorzamos e parolamos cun dos artistas do momento en Galicia. Fai música urbana en galego con letras sobre o que lle acontece ou o que pensa no seu día a día como mozo de 21 anos e o público responde enchendo salas de concertos. 

    O nome de 9Louro está en carteis de festivais por toda Galicia cada semana e, entre bolo e bolo, tivo tempo de atender a VINTE no bar San Francisco, ao pé do mar, en Louro (Muros). “Aquí volvo ser Martín e desconecto un pouco. Podo estar cos meus amigos e estar máis tranquilo”, explica Martín Louro.

    VINTE almorzando con Deleite

    Coa colaboración de

  • Entrevista | De Ninghures: «A nosa música axuda a que a xente diga "que guapa é a miña cultura"»

    Apoteósico, unha pasada, brillante, unha feira, pero no bo sentido da expresión, claro. Hai case un mes que De Ninghures presentou o segundo disco, Feira, cunha gran festa chea de amigos na Sala Capitol de Compostela. Aínda coa doce resaca daquel momento falamos con Aldara Palmeiro (violín e voz), Manuel Fernández Cataqui (percusión, frautas e voz) e Hadrián García (clarinete e duduk) do seu disco máis desinhibido ou do gran momento da música galega en galego.

     «A xente hoxe en día non sabe moi ben nin de onde ben e de súpeto coñece música de aquí e decátase de que é o seu. É un tipo de música que te engancha dun xeito especial. Séntela como propia, ademais de bailar duramente», conta Cataqui. 

    Música
  • Entrevista | Tapa D'Orella “Somos demasiado tolos para poñernos cancelas a nós mesmos”

    Os músicos Willow GHC (Darío Burgos, das Neves) e Pappaquino (Joaquín Limia, de Verín) están detrás deste proxecto cuxo apoio popular está a sorprender os propios artistas de 28 anos. “A xente quérenos moito, coñécenos e dá gusto, a verdade”, subliñan. A proposta transita entre o ska, a música latina e a verbena, nuns temas que sempre convidan a bailar, onde emana a identidade, o humor ou mesmo, e por que non, a denuncia social. 

    Música
  • PALCO: unha fiestra aberta á música feita en Galicia

    A Asociación Galega de Empresas Musicais botaba en falta espazos de confluencia para todos os actores dun sector que está sempre en marcha. Ao comezo, como salientou a presidenta Patricia Hermida, non tiñan claro como ían reaccionar as diferentes profesionais a esta chamada, pero a experiencia do ano pasado nos primeiros premios da industria musical galega e o crecemento deste ano a dúas xornadas profesionais e a súa consolidación baixo o paraugas PALCO só confirman que este espazo era necesario. 

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.