EmigraSon. A música galega soa en Bruxelas

© EmigraSon

Karan Novo, Gara López, Mateo González, Cristina Amosa e María Dios son as galegas emigradas en Bruxelas que idearon o festival EmigraSon, unha aventura na que levan traballando varios meses para levar a artistas emerxentes e consolidados do país ata a capital belga, na que hai moita poboación galega emigrada por motivos laborais. 

 

O EmigraSon conta co apoio dos eurodeputados galegos Ana Miranda e Nicolás González Casares e celébrase esta fin de semana. Para a primeira xornada, o venres 24, organizan un espectáculo de contacontos musical e unha foliada; e no segundo día, o sábado 25, programan cinco concertos nos que reúnen a Familia Caamagno, Fillas de Cassandra, Berto, Filloas e The Rapants no escenario. En VINTE falamos coa equipa do festival para coñecer como naceu a que esperamos que sexa a primeira edición de moitas. 

Como nace o proxecto do EmigraSon?

O certo é que botamos de menos a nosa cultura, e acudir a festivais de música é unha das expresións culturais que máis nos gusta. Comezamos a ver a posibilidade de levar a cabo esta iniciativa cando un grupo de mozas e mozos de Valencia anuncian que van facer algo parecido en setembro do 2022, traendo a Zoo, entre outros grupos.

É así como comeza a bourar a idea, e comezamos a falar coa gran comunidade galega que hai na capital europea. Movidos por razóns tanto laborais como persoais, somos unha cantidade de emigradxs moi considerable, e dende a organización temos a sorte de ter dado con persoas que levan moito máis tempo ca nos en Bruxelas e sempre se prestaron para botar unha man.

A verdade é que cando comezamos coa idea non pensamos que esta iniciativa chegaría tan lonxe, pero estamos moi contentos con como está avanzando.

Cal é o voso obxectivo co festival?

O noso obxectivo principal é que as persoas emigradas poidan gozar dun anaco da súa cultura e pasalo ben, e tamén mostrar o músculo que ten a cultura galega alén das nosas fronteiras.

Esperemos que sexa soamente a primeira edición do festival, e que vendo isto dende Galicia a xente tamén se interese polos esforzos que facemos para levar a nosa cultura alí por onde vaiamos.

Sería óptimo que esta iniciativa teña continuidade, pero para iso necesitaremos apoio económico institucional ou privado. A organización terá que sentarse ao final desta edición e valorar como poder facer fronte ao reto do ano que vén.

Como xorde a idea de solicitar axuda aos europarlamentarios galegos? 

Por sorte, parte do equipo xa organizara un evento no pasado no que participaron tanto Ana Miranda (BNG) como Nicolás González (PSdeG), polo que coñecíamos a súa predisposición e o seu bo facer para apoiar iniciativas que veñen de xente nova e que, por suposto, non teñen fin lucrativo.

Quizais, o bo de Bruxelas é que as persoas que igual nun primeiro momento poden parecer inaccesibles están sempre abertas a, polo menos, escoitar o que lles pode dicir xente de a pé. Tanto Ana Miranda como Nicolás González aceptaron dende o principio apoiar a idea. Sen dúbida, sen a súa colaboración non poderíamos ter pasado de idea a realidade.

Como foi a escolla das bandas que van participar? Había algunha predilección no equipo?

O esencial é que nos gustaran aos integrantes do equipo, é unha forma de traballar máis motivados! Unha parte da organización está moi metida no seguimento da evolución do panorama musical galego, polo que xa coñecen o bo desempeño e o potencial das bandas que veñen, e quizais nos adiantamos, cando por setembro do ano pasado comezamos a montar a idea, ao merecido boom que están pegando por exemplo Fillas de Cassandra (enchendo a Capitol co seu concerto de presentación de disco), The Rapants (enchendo a Malatesta na presentación do disco), o que está por pegar Filloas e contando con artistas consolidados no panorama como Berto ou Familia Caamagno.

Unha liña que queremos seguir dende a organización é a aposta por músicas e músicos novos, por iso a media de idade da comitiva está ben por debaixo dos 28 anos, e a dxs integrantes da organización é de 26 anos. Queremos poñer sobre a mesa as capacidades que temos a xente xove.

Temos que agradecer a predisposición dos músicos en todo momento para tirarse á piscina nesta primeira edición do festival, e a confianza que están depositando no equipo.

A xente reaccionou moi ben coa compra de entradas, esperabades tan boa acollida?

A verdade é que queríamos alugar unha sala de concertos máis grande! Unha mágoa que non tiñamos orzamento para facelo. Soamente coñecendo a comunidade galega que hai en Bruxelas, confiabamos dende o principio en encher a sala na que finalmente decidimos facer o festival. É verdade que estamos algo tristes de que quedara tanta xente sen poder mercar entrada, pero polo menos poderán acudir as actividades que terán lugar o día anterior.

Hai moito máis que concertos arredor do EmigraSon: que vos moveu a organizar unha foliada? E de onde vén a posibilidade de colaborar co Instituto Cervantes para a actuación de Benxamín Otero e Celso Fernández?

Pensamos que a cultura se expresa de varias formas e a música é só unha delas. Sabendo do interese que xeraron os concertos nunha rolda de contactos previa ao anuncio, puxemos a máquina a funcionar e decidimos facer unha serie de actividades complementarias para todo tipo de público.

A actuación de Benxa e Celso, No tempo dun café, é un espectáculo de contacontos mesturado con música e apto para todos os públicos. Aquí temos a sorte de que unha persoa da organización ten boa relación co Instituto Cervantes e aceptaron de boa gana o ser os anfitrións desta obra.

Tampouco íamos facer un festival galego sen unha foliada! A música tradicional é parte de nós e é unha das nosas formas de pasalo ben. Tanto a agrupación Xirandola, que van vir dende Galicia, como Alumea, que son emigradxs galegxs en Bélxica, levarán a batuta do serán do 24 de marzo.

Aínda nos gustaría facer máis cousas, pero pensamos que para unha primeira edición, con limitado orzamento e sendo cinco persoas na organización, van quedar unhas xornadas moi xeitosas.

Máis Vinte

  • Fillas de Cassandra: «Queremos permitirnos errar»

    As Fillas de Cassandra publican o seu primeiro disco, Acrópole, que presentan o 4 de marzo na sala Capitol de Santiago. Din que «as fillas adoitan contar historias das súas nais e devanceiras», por iso recuperan a Cassandra, Antígona, Lisístrata, Pandora, Eco, As Moiras, Dafne e Syrinx e a través delas fálanlle ás mulleres de hoxe.

    Música
  • "Bucle". Filloas xúntase co MC Amorodo no videoclip do primeiro adianto do seu vindeiro LP

    O vigués Iago Galego, FILLOAS, estrea "Bucle", o primeiro adianto do seu vindeiro disco longo. Unha canción en clave urbana, en colaboración co MC de Arbo AMORODO e cun videoclip producido por TOXO VERDE, na que o de Coruxo volta explorar lugares comúns dos desacougos da xeneración millennial, sempre baixo a sombra do desamor. O 25 de marzo FILLOAS estará en Bruxelas no Festival Emigrason xunto a Familia Caamagno, Fillas de Cassandra, Berto e The Rapants. 

    Música
  • Berto: «A xente empeza a sentirse lexitimada para dicir que sofre e que está mal»

    Alberto Mira, Berto, está contento. Un pouco nervioso días antes de sacar nas plataformas o seu primeiro disco en solitario tralo éxito de Verto, o dúo pop que formou con Fer Peleteiro e que revolucionou a música en galego conectando coa xente da súa xeración. Pero confía neste momento porque está satisfeito deste traballo, ‘Viaxe ao espazo interior’, no que fala directamente dos seus problemas de ansiedade e depresión.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.