Familia Caamagno crea unha simulación dos 90 sen saír da pantalla
Unha simulación da nostalxia dos 90 é a "Máquina virtual" na que nos introducen Familia Caamagno con este videoclip creado polos irmáns Xaime e Antón Miranda. Semella que de fondo aínda se poida escoitar o son do router conectándose a internet a través do teléfono. O 'Familia Caamagno 95' (que non Windows 95) lévanos de volta nun segundo a aquel entorno informático co que medramos. De cartafol en cartafol chegamos ao máis íntimo da máquina. Din que non, non é unha canción de amor, pero se cadra un pouco si que o é...
A canción "Máquina virtual" é o último adianto do que vén. Toni, Lano, Francesco, Jess e Manuele presentan o seu novo traballo, O mundo está derrotado, o sábado 29 de outubro na Sala Capitol de Santiago. Un concerto moi especial para os de Sigüeiro, que queren xuntar amizades sobre o escenario e entre o público. «Vai ser o concerto máis especial das nosas vidas», aseguran. A celebración está asegurada, pois veñen de levar o Premio Martín Códax da Música na categoría de rock.
Créditos
"Máquina virtual", de Familia Caamagno
Producida, gravada e masterizada en El Castillo Aléman (Pedrezuela) por Carlos Hernández
Un videoclip de Xaime e Antón Miranda
Tremendo Audiovisual