A Familia Caamagno saca novo disco e en VINTE temos en primicia un adianto. Había que intentalo, que así se chamará o lp, sairá en quince días e para facer máis levadeira a espera aquí está “Guapos de primeira”, un dos novos temas dos de Sigüeiro.
Xa hai data para o lanzamento mundial do novo disco da Familia Caamagno. Será o día 8 de abril cando Había que intentalo botará andar nas plataformas habituais. O lp contará con 8 temas novos e 1 bonus track, e será máis bailongo e enerxético ca nunca. O primeiro single e videoclip chamarase “Castromil” e estrearase o vindeiro mércores 3 de abril.
Había que intentalo foi gravado novamente nos estudios Circo Perrotti, e está producido e masterizado por Jorge Explosión. O bonus track foi gravado e mesturado polo Hevi no Laboratorio Soyuz. A portada e o deseño do disco é obra de Leo Sousa, do que xa publicamos aquí unha extensa entrevista.
Para abrir boca e mentres non chega a data de lanzamento en VINTE temos como primicia un dos temas novos. Titúlase “Guapos de primeira” e foxe un pouco do estilo habitual Caamagno. Trátase dunha canción baseada nos ritmos de ultramar, un rocanrol tropical que invita ao baile e que de seguro será un dos temas máis celebrados nos directos da Familia.
Sobre a letra non imos dicir nada, porque para iso está este video lyric, que é o que máis se leva agora. Pero ollo, este fíxoo Wanda Buluba e mirade que cousa tan chula.
A Familia Caamagno ten un feixe de datas confirmadas pero, polo de agora, só poden adiantarnos dúas. E as dúas son especiais. A primeira será o día 13 de abril na sala Capitol de Santiago de Compostela, xunto con Oh! Ayatollah. Unha data especial porque será a presentación do disco e porque estará todo Sigüeiro e toda a súa xente alí. E a segunda data tamén é moi interesante porque será o sábado 15 de xuño no festival O Son Do Camiño, canda Iggy Pop, nada menos. Aquí tedes o cartel da Capitol para ir apuntando xa na axenda.