Vinte almorzando con 9Louro

Volve o Vinte almorzando con Deleite e nesta nova xeira comezamos con 9Louro. Almorzamos e parolamos cun dos artistas do momento en Galicia. Fai música urbana en galego con letras sobre o que lle acontece ou o que pensa no seu día a día como mozo de 21 anos e o público responde enchendo salas de concertos. 

O nome de 9Louro está en carteis de festivais por toda Galicia cada semana e, entre bolo e bolo, tivo tempo de atender a VINTE no bar San Francisco, ao pé do mar, en Louro (Muros). “Aquí volvo ser Martín e desconecto un pouco. Podo estar cos meus amigos e estar máis tranquilo”, explica Martín Louro.

Créditos

Gravación e edición: Xarda, cooperativa galega de comunicación.

Unha entrevista de Vanesa Vázquez.

Agradecemento especial para o Bar San Francisco, en Louro (Muros).

Coa colaboración de

Tamén che interesa

  • Vinte almorzando con Lucía Freitas

    Todo un luxo almorzar e parolar coa chef galega Lucía Freitas no seu primeiro restaurante, A Tafona. 

    De pequena quería ser xornalista coma o seu pai, mais adoraba a cociña e nesa mocidade indecisa xurdiu a oportunidade. Era unha nena introvertida, foi estudar ao País Vasco e “da man da cociña” naceu a nova Lucía. “Non levo moi ben estar tan exposta”, puntualiza, mais non dubida en seguir “abrindo melóns” para poder axudar a xente.

    Asegura que nunca tivo a ambición de acadar unha estrela Michelín pero todo foi chegando. Pasaron os malos tempos e agora hai que gozar dos bos.

    Falamos con Lucía Freitas do seu proxecto Amas da terra, de vangarda primaria, de reverter o éxito na contorna e pensar no ecosistema cando fas un menú. “Falta empatía e darse conta do esforzo que leva cultivar a terra, ser labrega e ir ao mar”, subliña.

    VINTE almorzando con Deleite

    Coa colaboración de

  • Vinte almorzando con Janet Novás

    Unha mirada ampla e un discurso propio que ten o corpo como eixe fundamental. A porriñesa Janet Novás vén de encadear o Goya como actriz revelación (2024) polo seu papel en O Corno, co Premio Nacional de Danza (2025) como intérprete. Asegura Novás que a interpretación é unha sorte de extensión da danza, na que o corpo sostén a palabra e gozou da experiencia de poñerse ao servizo de Jaione Camborda. 

    Almorzamos e parolamos con Janet Novás: bailarina, coreógrafa, mestra, actriz …  que está a crear agora “She Night” como peche dunha triloxía na que defende que “o corpo é o único que nos vai salvar”. Precisamos volver á orixe e parar. “A min o que o corpo me di é que apaguemos todo e paremos. Esa é a performance que precisamos”, defende. 

    VINTE almorzando con Deleite

    Coa colaboración de

  • Vinte almorzando con The Rapants

    Sempre divertidos, The Rapants aseguran ser xa como un matrimonio, dos bos, claro. Coñécense desde cativos e non deixan de pasalo ben no escenario, aínda que cada vez o nivel de traballo e profesionalización sexan maiores. 

    Estivemos coa banda de Muros no Festival Revenidas, en Vilaxoán, almorzando, falando e rindo con Matías, Xanma, Samuel e Xaquín, que están a gravar o seu novo disco. “Dámoslle grazas á xente do tradi por non facernos bullyng ”, chancean.

    VINTE almorzando con Deleite

    Coa colaboración de

  • Vinte almorzando con Bruno Arias

    Almorzamos e parolamos con Bruno Arias sobre cinema, momentos vitais e desexos para o vindeiro ano, que xa estamos no tempo. 

    Arias escolleu o café de Catro a Catro, en Vigo, para falar connosco. Relata a satisfacción e sorpresa que lle supuxo poder facer realidade a película documental “Os espazos en branco”, nun proxecto no que dialoga coa súa tía, a poeta Xela Arias, e foi merecedor do premio Mestre Mateo en 2024.

    “Estamos facendo o cinema que nos deixan facer”, asegura Bruno Arias. Defende a liberdade de formatos e linguaxes para segundo que contidos e sobre todo abrir a ventá para deixar voar a creación en galego e contribuír así á súa normalización. “Constrinxir a creación en galego é pegarnos un tiro no pé. Iso significa ser conscientes de que se poden facer cousas en galego que non nos gustan”; e pódense criticar, claro.

    VINTE almorzando con Deleite

    Coa colaboración de

  • Vinte almorzando con Vero Boquete

    Hai tempo que Vero Boquete é referente. Éo no campo e fóra. Con 20 anos como futbolista profesional e un estadio co seu nome na súa terra (Compostela) foi a primeira futbolista española en gañar unha Champions e a primeira muller comentarista dunha Eurocopa masculina, en 2024 con TVE. A que fora capitana da selección española segue en activo en Italia e estes días comenta os partidos da selección española feminina na Eurocopa de Suíza. 

    Almorzamos e conversamos coa crack galega sobre os seus comezos, a “soidade e morriña” na vida dunha futbolista profesional ou o seu futuro como adestradora co obxectivo de chegar “ao máximo nivel”. 

    VINTE almorzando con Deleite

    Coa colaboración de

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.