Willow GHZ e Pappaquino son Tapa D'Orella CC-BY-SA Cedida
Tapa D’Orella naceu apenas hai nove meses e este sábado sobe ao escenario de Revenidas para ofrecer moita festa. “Unha tapiña de orella das especiais”, aseguran. Os músicos Willow GHC (Darío Burgos, das Neves) e Pappaquino (Joaquín Limia, de Verín) están detrás deste proxecto cuxo apoio popular está a sorprender aos propios artistas de 28 anos. “A xente quérenos moito, coñécenos e dá gusto, a verdade”, subliñan.
A proposta transita entre o ska, a música latina e a verbena, nuns temas moi festeiros onde emana a identidade,o humor ou mesmo a denuncia social. “É unha música que lle gusta moito aos cativos, non sei por que, será porque ten un ritmo rápido, e tocar un tema deses e ver o cativo ou a cativa bailar co seu avó ou avoa, que tamén está desfrutando, é un dos momentos máis felices música”, detallan nesta entrevista.
En xaneiro saíu o primeiro sinxelo “O menos malo” unha boa demostración do proxecto que estaba a xermolar. Como nace a banda?
Willow GHZ: o proxecto naceu practicamente desde que nos coñecemos. Nós tiñamos gustos moi similares na música, non só nos gustaba o que faciamos nós, senón un amplo espectro de artistas e xa desde o comezo de coñecernos xa pensamos na idea de facer unha banda ou un proxecto en común.
Pappaquino: Xusto o verán pasado fixemos a primeira colaboración, o primeiro paso antes de montar a banda, que foi o tema “Mínteme”. Darío e mais eu coñecémonos desde hai dous anos e medio, pero foi unha conexión de amizade tan grande, con tantas cousas en común, que axiña nos decatamos de que algo había que acabar facendo.
Tiñades moitas cousas en común mais os vosos proxectos en solitario son bastante diferentes entre si, polo menos a nivel sonoridade. Tapa D’Orella exixiu sacrificar elementos do voso propio proxecto para sacar adiante o novo?
Pappaquino: eu penso que só tivemos que sacrificar tempo doutras cousas para dedicarlle a isto pero non considero que sacrificaramos tanto narrativa como recursos dos nosos proxectos para poñerlos neste. Simplemente imos facendo o que nos vai saíndo.
Willow GHZ: no meu caso se te refires a nivel creativo, se tiven que quitar algo de Willow para cantar en Tapa de Orella, pois supoño que si, pero tampouco é unha decisión consciente. O rap exíxeche unha maneira de falar, e de escribir das cousas menos metafórica, máis crúa, e igual a música, cando a sacas do rap, permite traballar doutro xeito: con máis metáfora, coa rima máis separada, que respire diferente... a min gústame moito a música e escribir. Entón, para min non é un problema senón unha posibilidade nova.
Esperabades a boa acollida de Tapa D’Orella?
Willow GHZ: a min colleume por sorpresa.
Pappaquino: si, foi sorpresa para os dous. Darío xa tiña uns números un pouco máis amplos e grandes en individual por iso que a min igual me colleu un pouco máis por sorpresa facer estes números así de primeras, pero a verdade é que imos a por máis. A nosa idea idea é aínda seguir seguir escalando.
Willow: sacamos “O menos malo” en xaneiro e funcionou moi ben. O Quino sacou unha guitarra e tocou un ska, eu tirei unha letra que medio tiña xa, cunha parte rapeada. Vimos que molaba e fixémolo. E logo Quino fixo unha cumbia por Tik Tok nun directo e eu metinlle unha parte, e cando tiñamos as dúas vimos que xuntas non soaban nin a Willow nin a Pappaquino realmente e decidimos facer Tapa D’Orella, que xa levabamos tempo dándolle voltas ao nome.
Si, por favor, por que Tapa D’Orella?
Willow GHZ: Tapa D’Orella é unha cousa que dicimos nós moito. Cando ves pola noite un que está amarrado a outro falándolle, coméndolle a orella, pois nós adoitamos dicir que está a dar unha tapa de orella ou que pediu unha tapa de orella. Entón, pensamos que non era mal nome para o noso grupo, porque aos dous nos gusto moito tanto dar como recibir a tapa de orella.
De momento coñecemos seis temas desde proxecto con moito aire festeiro, algúns máis urbanos, cumbia, orgullo de identidade, moito humor e non escapades ao posicionamento político. Como traballades a composición dos temas entre os dous?
Pappaquino: Cada un é do seu pai e da súa nai. O primeiro que sacamos, “O menos malo” xurdiu cando nos empezamos a rallar pensando que temos que facer algo xuntos e eu saquei a guitarra e el meteu esa letra preciosa coa que arranca o tema. “Fáltanlle dedos para sinalar...” Con “Punto de mira” foi totalmente diferente, porque eu estaba empezando a abrir directos en TikTok para producir para a peña en directo e saíu a cumbia esa que a el lle gustou tanto.
Willow GHZ: Eu ía escoitando no coche o directo e como ten que repetilo moitas veces, escoitas un compás, e logo outro, e eu xa cortei o TikTok e comecei a cantar a miña parte.
Pappaquino: A de “Gaiteira” si que foi algo máis de sentarse e dicir: imos facer esta canción.
Willow GHZ: Van saíndo, é algo bastante orgánico. E sobre todo o que vai pasando na nosa vida ou se nos vai ocorrendo, pois empregámolo.
Pappaquino: Darío e mais eu xuntámonos porque somos amigos pero para facer música. Era como o noso pasatempo que agora se está a converter no noso traballo e é co que nós desfrutamos. O día que vén Darío á miña casa e di “Mira que letra nova saquei” ou eu teño un beat novo para ensinarlle ou unha estrofa ou calquera cousiña. Ese é o día para nós que mellor o pasamos.
Willow GHZ: non lle poñemos unha dirección sobre que imos falar ou non. Somos demasiado tolos para poñernos cancelas a nós mesmos.
Na “Gaiteira” si que o tiñades claro.
Willow GHZ: si, eu tiña unha idea ao respecto. Gustábame mesturar unha historia de amor co antimilitarismo, me parecía moi difícil pero creo que o conseguín. A Quino gustoulle moito e tiramos por aí.
Está claro que es cancións enganchan. Atopastes unha boa fórmula.
Pappaquino: realmente nós xuntámonos para facer temas que nos gusten a nós antes que nada, temas que nós poidamos desfrutar. E logo se á xente lle gusta nós estamos más que encantados de que haxa apoio ao proxecto. Eu creo que a base de todo para que as cousas saian ben é que che guste o que estás a facer, que non o fagas a modo de fórmula ou produto. A prima idea é que nós o pasemos ben, desfrutar e desafogarnos. Quitarnos eses pesos de enriba que temos tanto coas letras como coas músicas, sacalo de nós, plasmalo no papel. Facelo xuntos sempre é divertido, reconfortante, sénteste entendido pola outra parte. Non prima a idea de ‘hai que facer algo para pegar un millón de views. Sen ten 100.000 ben e se ten 200.000 mellor.
"A base de todo para que as cousas saian ben é que che guste o que estás a facer, que non o fagas a modo de fórmula ou produto", subliña Pappaquino
Na actualidade hai que estar súper pendente dos clics, das redes sociais.
Willow GHZ: Eu entendo que en calquera punto da historia se lle dis a un músico que pode abrir o móbil e saber cantas persoas están a escoitar a súa música, a ver quen renuncia a iso. Estaría Freddie Mercury encantado.
Non resulta unha presión engadida?
Willow GHZ: Si, supoño, pero dá igual o que fagas. Se pintas cadros tamén queres saber canta xente foi a miralo e se vendes vermú tamén quererás saber canta xente consome o teu vermú. É algo moi normal.
Quizais o que cambiou foi a inmediatez.
Willow GHZ: si, agora es un pouco máis escravo diso.
Levades ben este aspecto do escrutinio inmediato nas redes sociais?
Pappaquino: Eu trato de inhibirme o máximo posible. Nunca miña nai me foi capaz de meter en verea, non vou dar o brazo a torcer polo resto da xente. Ao contrario, eu fágollo para que a xente o desfrute pero non estou a contabilizar canta o fai.
Willow GHZ: a min gústame saber, analizar que cousas funcionan e hai moitas ferramentas que te permiten ter información sobre o que a xente opina e hai que aproveitalas.
Pappaquino: eu doulle a razón, sei que a parte ben feita é a del, pero eu non son capaz de andar mirando esas cousas. Eu fágoo porque me gusta e porque desfruto tocando con Darío as movidas que facemos nós. Se logo lle gusta a moita xente, obviamente, iso pon contento a todo o mundo, pero non é algo que me preocupe moito.
Willow GHZ: eu son bastante máis escravo das redes. Fago tres TikToks por semana, tento coidar moito ese aspecto porque me parece importante. Hai que facer todo o que se poida. Non estou indo á fábrica a traballar pola mañá pois tentarei aproveitar o tempo doutra forma.
"A min o que máis me sorprende é como nos están a tratar por aí adiante, e dá igual onde, como se fósemos Fillas de Cassandra. É unha marabilla. A xente quérenos moito, coñecenos e dá gusto, a verdade", indica Willow GHZ
Destes meses de camiño en conxunto, con tantos bolos, que vos está a soprender máis?
Willow GHZ: a min o que máis me sorprende é como nos están a tratar por aí adiante, e dá igual onde, como se fósemos Fillas de Cassandra. É unha marabilla. A xente quérenos moito, coñecenos e dá gusto, a verdade. E iso é unha diferencia con Willow. Tamén chegamos a outra xente, a xente maior, o abano é máis grande. Vén xente cos fillos ou cos netos.
Pappaquino: é unha música que lle gusta moito aos cativos, non sei por que, será porque ten un ritmo rápido, e tocar un tema deses e ver o cativo ou a cativa bailar co seu avó ou avoa que tamén está desfrutando, para min é un dos momentos máis felices de facer música, tamén.
Willow GHZ: si, a min é algo que nunca me pasara e é bonito. O rango de idade aumentou, tanto para arriba como para abaixo.
Este sábado estaredes no escenario do Festival Revenidas. Que tedes preparado?
Willow GHZ: moita festa. Vano pasar moi ben. Vai ser unha tapiña de orella das especiais. O Revenidas é como un obxectivo cumplido.
Pappaquino: cando nós arrancamos o proxecto en xaneiro isto era algo que nin sequera se pasaba pola cabeza. Eu estou como un neno pequeno, con moita ilusión, froito do traballo realizado, tamén.
"A idea é ter 40 anos e seguir tocando. Poder vivir disto e desfrutar o máximo posible. Creo que proxecto non ten nin teito nin límites", di Pappaquino
Tapa d’Orella é un proxecto de futuro, non algo temporal. Onde queredes chegar?
Pappaquino: a idea é ter 40 anos e seguir tocando. Poder vivir disto e desfrutar o máximo posible. Creo que proxecto non ten nin teito nin límites.
Willow GHZ: creo que se de aquí a dez anos alguén nos quere aguantar, fixemos un traballo finísimo.