Gañadores dos premios PALCO este martes na sala Capitol © Aigi Boga
A Asociación Galega de Empresas Musicais botaba en falta espazos de confluencia para todos os actores dun sector que está sempre en marcha. Ao comezo, como salientou a presidenta Patricia Hermida, non tiñan claro como ían reaccionar as diferentes profesionais a esta chamada, pero a experiencia do ano pasado nos primeiros premios da industria musical galega e o crecemento deste ano a dúas xornadas profesionais e a súa consolidación baixo o paraugas PALCO só confirman que este espazo era necesario.
PALCO son agora os premios que dan resposta ao bo momento que está a vivir a música galega, cunha madurez e unha diversidade extraordinarias, pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico do país.
Os premios enmárcanse dentro do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) co impulso da Xunta de Galicia. "Queremos celebralo e agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o crecemento da nosa industria e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten o sector nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia", salientan.
AGEM está integrada por empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.
Segundo explican, o impulso industrial propiciado pola entidade vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros.
A Sala Capitol de Santiago de Compostela acolleu este martes a segunda edición dos premios PALCO, cun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical. A Xunta Directiva de AGEM decidiu outorgar o Premio a artista do ano a The Rapants e o Premio a persoa do ano á Fundación Paideia, mentres que o público elixiu por votación popular ao festival de Pontevedra Surfing The Lérez como proxecto gañador do Premio á excelencia na experiencia do público.
Un xurado profesional integrado polas asociacións AGEM, AGATEC, TESGAL, AGPXC e CLUBTURA, xunto ás e aos gañadoras e gañadores da pasada edición, seleccionaron os proxectos gañadores entre un total de 42 finalistas, tres por cada unha das 14 categorías xerais contempladas nos premios.
- Mellor deseño de iluminación: Laura Iturralde e José Faro (Gala i Ovidio)
- Mellor implementación de son: Ricardo Barroso (The Rapants)
- Mellor produción de servizos: Global Setup
- Mellor profesional de produción: Olalla Camaño
- Mellor manager: Álvaro Creo (Off Stage)
- Mellor produción discográfica: Iago Pico, Gabi Fernández e Tanxugueiras (O Cuarto, Tanxugueiras)
- Mellor posta en escena: As dúas e punto (Tertúlia, Fillas de Cassandra)
- Mellor promotor / programador: Alberto Alfonso (Art Music Agency)
- Mellor proxecto de comunicación: EmigraSON
- Mellor identidade visual: Zeltia Iglesias (Mondra)
- Mellor evento cultural / musical: AC Fanto Fantini - Osa do Mar
- Mellor videoclip: Juan Barbazán, Sergio Goce e Manuel Seoane (Non sei como, The Rapants)
- Mellor espazo musical: Sala Rebullón
- Mellor proxecto de sustentabilidade: Sinsal
O novo escaparate sectorial da música impulsada desde Galicia, PALCO, converte este mércores e xoves o Museo Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia nun novo espazo de encontro, conexión e proxección para o sector musical. Participarán grandes nomes do sector como Kin Martínez, de Esmerarte Industrias Creativas e representante de artistas como Xoel López e Vetusta Morla; Fernando Gómez Pose, de Bring The Noise, responsable de proxectos como Resurrection Fest e O Son do Camiño; Ivone Lesan, coordinadora de booking de Primavera Sound; Jordi Lauren, de Play Plan, SonRías Baixas e BigSound Festival Pontevedra; ou Luis Campos e Julio Gómez, de Sinsalaudio, responsables do festival Sinsal e de SON Estrella Galicia Posidonia.
Tamén estarán presentes nas xornadas profesionais en Compostela Esteban Ruiz, músico, xestor cultural e fundador de WeAreWolves Records; Jordi Fosas, director artístico da Fira Mediterrània de Manresa; Germán Quimasó, de Sonde3, vinculado a Río Babel e Pirineos Sur; Josiño Carballo, de Ernie Records e representante de artistas como Grande Amore e Shego; Guillem Arnedo, presidente da Unión de Músicos e vicepresidente da Acadèmia Catalana de la Música; Elda Gómez, xerente da Asociación Estatal de Salas de Concertos (ACCES); Belén Álvarez, directora da Área de Dereito da Cultura de Gabeiras & Asociados; Aida L. Rosell, xornalista de Mondo Sonoro Noroeste; Juan Carlos Fernández Fasero, coordinador de direccións de Zona SGAE; María Galdón, stage manager de Zahara e xefa de produción de Ernie Records; Estefanía Serrano, fundadora e directorade Plan B Music; Miguel de la Cierva, responsable do Náutico de San Vicente (O Grove); e artistas como Abraham Boba, The Rapants, 9Louro ou o compositor de bandas sonoras Sergio Moure.
Abordarán cuestións centrais para o presente e o futuro da industria: a internacionalización dos proxectos, a sustentabilidade económica e profesional, a contratación pública, a circulación musical entre salas e festivais, a profesionalización e o relevo xeracional, a comunicación e a prescrición musical, o coñecemento dos públicos e a exploración de modelos de negocio máis alá dos concertos.
Ademais, PALCO trae consigo unha programación artística que reúne unha vintena de proxectos musicais que actuarán en directo en catro salas de Compostela entre este mércores e xoves, 4 e 5 de novembro: a Sala Capitol, o Salón Teatro, a Sala Sónar e o Riquela.
Abril, Amoebo, Antía Muíño, Apolo 18, Crow Machine, Filloas, Galician Army, High Paw, Lisdexia, Lumedoloop, Maricarme, Néboa, Raze, Tona, Terrae, Vimbio e Xan Campos son os artistas seleccionados para actuar entre un total de 162 propostas. Toda a información sobre horarios e entradas pode consultarse no sitio web de PALCO.