Retratos do ‘tradi’. A revolución do folclore como forma de vida

O Serán’03 xuntou hai uns días centos de persoas no macroencontro de cultura tradicional que, logo de dous anos de pandemia, volveu á Cidade da Cultura para celebrar o vivo que está o folclore: como feito cultural, como actividade de lecer, como modo de socializar a todas as idades. Achegámonos ao Gaiás con O Novo Normal para retratar algunha desa xente para a que o tradi é unha maneira de estar no mundo, aínda que o seu traballo cotián non teña nada que ver con isto. 

«Galicia é un dos países de Europa que ten o folclore máis vivo. Arredor de 40.000 persoas, desde nenas e nenos ata maiores forman parte de grupos folclóricos galegos, dentro e fóra de Galicia», afirmaba Quique Peón, director artístico do Serán’03, nunha reportaxe de Praza.gal na que, con motivo do encontro deste sector cultural que xa está a ser o folclore, analízase a súa evolución nos últimos anos. Unha evolución moi positiva, porque cada vez hai máis xente que baila ou toca algún instrumento, e faino para moito máis que para subir a un escenario: é unha forma de diversión perfectamente viva, un xeito de divertirse as fins de semana. Mesmo unha arma de sedución. Disque as foliadas son as novas discotecas. Quen llelo ía dicir aos nosos avós. 

 

Pilar

© O Novo Normal

«Son de Ferrol, e son profesora de Historia. Coñecía o coro de Toxos e Froles de sempre, claro, porque é unha institución na cidade. Pero non foi ata o 2014 que comecei neste mundo, e podo dicir que me cambiou a vida. 

Ese ano estaba a pasar por unha situación persoal complicada, sen traballo e co meu pai pachucho, e necesitaba algo que me sacase un pouco da casa, algo que me enchese. Como sempre me gustou o baile decidín probar nesta agrupación, e integreime de marabilla dende o principio. Toxos e Froles é un coro tradicional que leva funcionando sen interrupción desde o ano 1925 —fomos os primeiros en gravar o himno galego, hai agora cen anos—, e aquí seguimos. Somos cultura galega viva. É moi reconfortante ver como todos os anos se achegan a nós desde nenos moi pequeniños —de cinco ou seis anos— para aprender baile ou percusión, ata xente maior, señoras e señores que levan sesenta anos… e que aí seguen. 

A nivel persoal atopei compañeiros estupendos cos que compartir o día día, os esforzos e a fatiga e, por riba de todo, atopei amigos que xa son da familia. Ademais, encántame formar parte dun proxecto que leva a cultura e o baile galegos por tantos sitios. Para min, estar hoxe vestida así representando o ‘Toxos’ é un orgullo».

«A nivel persoal atopei compañeiros estupendos cos que compartir o día día, os esforzos e a fatiga e, por riba de todo, atopei amigos que xa son da familia»

 

Aurora, Noa, Sofía e Vanesa

© O Novo Normal

Aurora: «Empecei no mundo do folclore con sete anos, nun grupo de danza daqueles herdeiros da Sección Femenina, en Vigo. Despois naceu en mi esa inquedanza por querer saber máis, por aprender da tradición e por ir á raíz, e metinme en O Fiadeiro. Facíamos recollida: iamos de aldea en aldea recollendo e recompilando cantigas. O que tiña unha gravadora, bárbaro, e o que levaba unha cámara, xa era o rei do mambo. Era moi emocionante chegar a unha aldea e escoitar esas mulleres —e digo mulleres porque elas foron sempre as gardiás da tradición—, que eran historia viva. Ao principio desconfiaban, en plan “Esta xente de onde vén? Que queren de nós?”, porque non lle daban ningún valor ao que facían, pero pouco a pouco vías como se abrían e, sobre todo, como se decataban de que o que elas facían era importante. Era algo bonito de ver.

O Serán é un evento fantástico, porque non había nada así, e era necesario. As redes non son suficientes, e este é un xeito de vernos as caras, de botar uns bailes e de compartir o que nos gusta. Ao final non temos moitas ocasións. Para a rapazada, ademais, moitas veces esta é a única oportunidade que teñen de coñecerse fora dos concursos. Onte foi a‘foliadiña’ e non había competencia, estaban todos de festa e a pasalo ben, nada máis. Estaban a convivir. E é importante porque estes rapaces, se non teñen o gancho de facer grupo e amizades, cando cheguen a adolescentes vano deixar. Non o podemos permitir, pero penso que hai futuro. Porque os nenos o desfrutan, verdade, Noa?»

Noa: «Si, a min encántame. Levo seis anos tocando a pandeireta e bailando desde os tres, e teño trece anos. Gústanme as dúas cousas por igual. Ademáis fixen moitas amizades coas que comparto os mesmos gustos. Eu véxome toda a vida tocando e bailando». 

Sofía: «Eu toco a pandeireta e canto e bailo, igual que Noa. Teño dez anos e levo desde os tres. A primeira vez que vin unha pandeireta foi na casa da miña avoa sendo moi pequena. Estaba colgada na parede e xa a collín, despois ensinoume o meu pai a tocar. Gústame estar cos meus amigos pasándoo ben, ir a calquera foliadiña e divertirme. E bailar, sobre todo, que é o que máis me divirte».

Vanesa: «Xa saíu bailando nun videoclip de Xabier Díaz, “Illas de sal”, e antes noutro que se fixo viral, en Ribadeo con seu pai».

Sofía: «Tamén bailei con Carlos Núñez e con Oscar Ibáñez. Gustoume gravar o videoclip, pero foi raro, porque estaba moi nerviosa». 

Vanesa: «Tivo que bailar toda a tarde sobre a area, pero pasouno ben. Eu estou metida neste mundo un pouco por cuestión familiar, polo meu marido, pero en realidade son capitán do exército do aire. Nada que ver [ri]. Xa coñecía o mundo do folclore pero non estaba tan inmersa, tampouco participaba en foliadas ou concertos. Agora ata estou aprendendo a tocar a pandeireta, pero o que máis me gusta, igual que á miña filla, é bailar nas foliadas e nos seráns».

Aurora: «Unha cousa tamén importante é que estaren metidos neste mundo axúdalles moito ás nenas e aos nenos co galego. Nas reunións escolares sempre nos din que Noa é a que mellor o fala da clase, e iso é algo que tamén me parece importante. É un xeito de manter viva non só a nosa tradición, senón tamén a nosa lingua».  

 

Carlos e Sergio

© O Novo Normal

Sergio: «Somos membros da federación XOC, que aglutina as agrupacións Xacarandaina da Coruña, O Fiadeiro de Vigo e Cantigas e Agarimos de aquí, de Santiago. Levamos dez anos traballando xuntos, como un xeito de facer forza entre todos. Eu son o director da sección de baile da agrupación O Fiadeiro, pero o que me dá de comer é de ser contable nunha oficina. Ese é o meu traballo, pero isto é outra cousa, e unha forma de vida. Levo dende os nove anos bailando, e nesta agrupación desde que se fundou. Para min é un xeito de coñecer amizades, mesmo parellas, e de socializar. E, sobre todo, de gozar da cultura».

Carlos: «Eu son monitor en Cantigas, e tamén bailador e pandeireteiro. Levo neste mundo dende os dezasete anos, desde o 99. Traballo de administrativo na CIUG –estamos agora a tope coas probas ABAU–, e penso igual que Sergio, que isto é unha forma de vida e unha escusa para vernos. Ademais penso que estamos nunha boa época para o tradicional».

Sergio: «Si, e non só polas Tanxugueiras».

Carlos: «É verdade que as rapazas teñen ese fenómeno fan, pero a cousa xa viña de antes».

Sergio: «Xusto. En outubro veremos como van as matrículas. Por agora a xente pregunta, pero pouco máis».

Carlos: «Penso que todo axuda, e que é bo que este mundo estea máis presente, que se vexa con naturalidade que saian unhas pandeireteiras na tele. É como que colle máis peso e, de repente, xa non é só unha actividade extra escolar. A pandeireta sempre tivo máis presencia que o baile, por exemplo, que ten máis altos e baixos. O que nos falta agora son máis homes».

Sergio: «A ver, aínda temos…».

Carlos: «Si, pero na sección oficial, porque nas escolas hai moi poucos nenos. Non sei porque sucede, pero pode ser que, no fondo, non cambiamos tanto como creemos. Seguimos sen evolucionar. Os nenos seguen orientados ao fútbol e pouco máis. As rapazas teñen moitas mais opcións».

Sergio: «Cando eu empecei a ir a baile ao colexio eramos dous —eu e outro neno—, e unhas quince nenas. Nós éramos os raros… chamábannos os mariquitas por ir a baile. É algo que sigue a pasar. Os nenos teñen que xogar ao fútbol».

Carlos: «O que si que hai é bastante xente LGBTI no mundo ‘tradi’, moita. Non sei se é porque uns chamamos polos outros ou que, e non sei se pasa nas outras agrupacións, pero na nosa é así».

Sergio: «Nós, fifty-fifty».

Carlos: «Eu teño un grupo de iniciación de adultos, xente que eu non coñecía de antes, de entre trinta e cincuenta anos, e dos dez homes só un é heterosexual, así que…»

Sergio: «Algo hai. A min pasoume o mesmo nunhas aulas tamén de adultos, que os cinco homes que tiña eran gais. Igual é coincidencia».

Carlos: «O que si vemos é mais xente maior nas clases. Xente de máis de trinta a quen lle apetece aprender a bailar».

Sergio: «E pasalo ben. Non tanto por competir, senón para ir ás foliadas e divertirse. O tradi esta moi vivo».

Carlos: «É un bo momento».

«Cando eu empecei a ir a baile ao colexio eramos dous —eu e outro neno—, e unhas quince nenas. Nós éramos os raros… chamábannos os mariquitas por ir a baile. É algo que sigue a pasar. Os nenos teñen que xogar ao fútbol».

 

Pepé e Obdulia

© O Novo Normal

Obdulia: «Traballei de ama de casa —que xa é bastante traballar— toda a vida, pero sempre bailei. Comecei con catorce anos, e coñecín alí ao que foi o meu marido, na agrupación Cantigas e agarimos. El era primeira voz, solista. Namoreime e casamos. Despois quedei viúva. Sempre estiven vinculada a este mundo e a esta asociación. O meu padriño, Manuel Pita Garcia, foi un dos fundadores».

Pepé: «Estamos na Asociación do Traxe Galego. Nós non cantamos, nós desfilamos: a nosa función é ensinar os traxes. E que non marche a tradición, claro. O que levo hoxe, por exemplo, é un traxe de casamento de Santiago. Ademais ten unha capa, pero non a traio, porque facía tanta calor que a deixei por aí. Este traxe é novo, e leva ouro, prata e acibeche, pero esta outra peza, que é o ‘pano do namorado’, pertenceu á miña familia por xeracións.  Ten máis de cen anos, e é de seda natural».

Obdulia: «Eu fixen o meu traxe enteiro, e non foi fácil, pero desde o amor todo é posible. Foron dias e meses, e habilidade, claro. Aínda me falta un pouco de corte, pero voulle dando xeito. Gústanme os remates perfectos e por iso non lle choro tempo. É algo que hai que facer con amor».

 

Serafín

© O Novo Normal

«Traballo no Parlamento, pero non son deputado [ri], e comecei neste mundo por un amigo. Ao principio era remiso, parecíame algo de xente maior, e pensaba que igual me ían tratar raro por ser novo, pero foi ao contrario: foron moi agarimosos comigo, moi acolledores. Xa son un máis da familia. 

Cando comezas a vestir así sénteste estraño, claro, porque estas afeito a levar un pantalón vaqueiro e unha camiseta, e isto é distinto. Despois xa non. A roupa que levo hoxe é prestada, pero teño outro traxe, propio, que é moi especial. É a chaqueta de Cafú, un gaiteiro moi famoso. Leva unha chaqueta distinta a todas as demais, que chama moito a atención, e é un traxe para bailar. Vino unha foto e pensei “Isto gústame, quero que me vexan lucíndoo”.  E ten moito éxito. A xente achégase, felicítanme, e dinme que o coide moito, que é un traxe especial.

Nós, na Asociación do Traxe Galego, ao contrario que noutras asociacións, non actuamos: mostrar os traxes é a nosa actuación. Somos un museo andante».

«Comecei con tres ou catro anos, e sempre o gocei, pero ao facerme maior descubrín que o tema das foliadas está xenial —ao mesmo nivel cunha discoteca—, e que mola moito máis que o reguetón.»

 

Noa

© O Novo Normal

«Chegoume aos oídos que hai agrupacións que seguen sen permitir que as mulleres toquen a gaita, porque din que é un instrumento de homes. Non sei se é verdade, pero si que vexo que, sobre todo canto máis elitista é un evento, menos gaiteiras hai. É un concepto que alimentamos entre todos, pero que non se corresponde coa realidade. A gaita non é un instrumento masculino nin feminino, iso é só un estereotipo.

Agora mesmo son á única gaiteira en Cantigas e Agarimos, pero somos moita xente nova. Comecei con tres ou catro anos, e sempre o gocei, pero ao facerme maior descubrín que o tema das foliadas está xenial —ao mesmo nivel cunha discoteca—, e que mola moito máis que o reguetón. O tempo voa, sácante a bailar, e coñeces a xente de tódalas partes de Galicia. E tamén se liga, claro. [ri] Eu non tanto, porque son máis de dicir “Vaia, vaia, mira con quen está bailando, ese”, ou “Mira esa, que é de tal agrupación”… É un salseo total, pero é moi divertido. Mira que teño amigos que son de facer botellón na Alameda, aos que levei a algunha festa de Cantigas, e que marcharon para casa ás oito da mañá gritando “Viva a gaita! Viva a pandeireta! Viva o folclore!”. En xeral en Santiago nótase un aumento do interese por parte do alumnado universitario. Hai moita xente que non tiña contacto co folclore galego, e que de repente quere aprender. E porque as discotecas abren tódolos dias e as foliadas son só en dias puntuais, que se non... [ri]. É algo que está efervescente». 

 

O Novo Normal: A Coruña

O Novo Normal: A Coruña

O Novo Normal: A Coruña xurdiu dun momento histórico, dunha pandemía que nos mudou a vida a todos, e como un xeito de darlle sentido ao que estabamos a vivir. É un proxecto fotográfico vivo, que segue a evolucionar. Podedes seguilo en Instagram e en Facebook.

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Tamén che interesa

  • Ana-Come-PAN! Os mellores memes do 'tradi' están en Instagram

    O tradi está de moda, e máis agora co triunfo moral das Tanxugueiras no Benidorm Fest. Pero xa leva tempo moi presente a nivel social na rede. Case poderiamos dicir que se está a converter nunha subcultura de internet, grazas a contas como Ana-Come-PAN!, con 2.500 seguidores, que publica en Instagram chistes gráficos e memes que só a xente familiarizada coa música tradicional poderá entender. 

    VINTE na rede

    Co patrocinio de

  • A Coruña queer. Historias da mocidade LGTBI no primeiro ano sen Samuel

    Comeza o mes do Orgullo LGTBIQ+ e falta pouco para o aniversario dun feito que conmocionou A Coruña, o asasinato homófobo de Samuel Luiz. Estes días a cidade ferve coa axenda cultural, lúdica e reivindicativa do Corufest. Nós quixemos saír á rúa para coñecer historias en primeira persoa da mocidade queer que vive na Coruña e que atopou nela certo refuxio, pero tamén aínda situacións de inseguridade e incomprensión. E facémolo estreando colaboración con O Novo Normal: A Coruña, a cargo das imaxes e dos textos.  

    Xente

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.