Ana-Come-PAN! Os mellores memes do 'tradi' están en Instagram

Co patrocinio de

© Instagram @ana.come.pan

O tradi está de moda, e máis agora co triunfo moral das Tanxugueiras no Benidorm Fest. Pero xa leva tempo moi presente a nivel social na rede. Case poderiamos dicir que se está a converter nunha subcultura de internet, grazas a contas como Ana-Come-PAN!, con 2.500 seguidores, que publica en Instagram chistes gráficos e memes que só a xente familiarizada coa música tradicional poderá entender. 

 

Empezando polo nome da conta: Ana-Come-Pan popularizouse como a frase coa que se aprenden a dar os primeiros toques na pandeireta. Calquera que fose algunha vez a clase deste instrumento recoñécese xa no título desta conta de Instagram, detrás do que hai unha persoa que non quere saír o anonimato pero que accedeu a responder as preguntas de VINTE. 

Entón non queres dicir quen es?

O do anonimato foi algo que cobrou forza segundo me ían preguntando quen era. Non foi premeditado. Case todxs xs fans cren que os coñezo de algo ou que toco con eles. Mesmo me preguntaron se era algún home ou muller concretos, xa coñecidxs dentro do tradi ou o humor. E obviamente fíxome chiste manterme así. Algo que sempre lles digo, que mentira non é, é que son tan fan eu deles ou máis ca eles de min. 

Algunha pista? 

Levo anos escoitando, tocando, bailando e aprendendo o que podo pero non son unha persoa "famosa" no tradi. E non me chamo Ana, nin como moito pan. Sinto desilusionar a todas as persoas que me chaman Ana por privado. Ata aquí as pistas.

Como se che ocorreu a idea de facer unha conta de memes sobre o mundo tradi

Deume por crear a conta no medio da pandemia, nun momento no que eu e moitxs necesitabamos rir con máis frecuencia e volver ás foliadas. Polo anhelo desa volta aos torreiros e porque era do que eu tiña anécdotas, fíxena sobre o tradi. Xa facía memes no meu grupo e non investiguei moito o que había sobre o tema, metinme na roda sen saber puntos.

Tiñas algún referente ou algunha outra conta que te inspirase? Hai que estar moi posto ao día na cultura do meme? 

Non tiña referentes concretos. A diario pasan tantos memes por nós... Pero si que son unha forma de expresión divertidísima, rápida e visual. Gústame o reto de tratar de facelos orixinais, con esta temática algo limitada. Pero tamén é moi divertido adaptar ao tradi os memes clásicos e os de actualidade.

Os chistes que fai a conta xa circulaban de maneira oral no mundiño da música tradicional? Cantos deles saen de experiencias propias? 

Os chistes están baseados en expresións habituais ou en situacións comúns nas foliadas, actuacións e ensaios. E moitísimos son de experiencias vividas, para ben ou para mal, por min e polos fans. Outra fonte de inspiración son as cantigas. Temos un folclore tan rico que toda a retranca e humor intelixente implícito nas coplas son unha fonte inesgotable. Tamén me inspira o cine, podcasts, humoristas e a banda deseñada. A actualidade política sempre está plagada de humor tamén.

En que momento empezan a crecer con máis forza os seguidores da conta? Agardabas chegar a tantos nun ano?

A conta foi crecendo de maneira bastante progresiva dende que a creei, ou iso penso. Con cada meme vexo que sube un pouquiño o seguemento. 2500 seguidorxs son moitxs! Pero lévanse de marabilla porque a maioría interactúan comigo a diario, son xente do tradi ou xente á que admiro musicalmente (alucino), comentamos batallas en común e sodes simpatiquísimxs.

Podemos falar xa do ‘tradi’ como unha subcultura de internet? 

A afección pola música tradi leva anos crecendo de forma orgánica e natural, deixando atrás complexos doutras épocas. E internet é un espazo no que cada vez máis mocidade expresa abertamente a súa afección por esta música. Penso que é un bo síntoma.

Como ves a evolución a nivel social da música tradicional (escolas, agrupacións, artistas, público…?) A que cres que se debe?

A nivel social, este tipo de música sempre tivo aceptación. Penso que é porque temos un tipo de celebracións moi inclusivas, como as foliadas, nas que todxs teñen cabida para tocar, aprender, compartir e perder o medo. Coma en todo hai boas e malas épocas pero mantense grazas á labor de persoas e colectivos que loitan moito por manter isto vivo sen ánimo de lucro.

Non podían faltar os memes sobre o tema do momento, Tanxugueiras

O fenómeno Tanxugueiras é un deses impulsos que inspirarán a moita xente a aprender música tradicional. Levan uns anos triunfando e consolidando o seu estilo e reivindicacións dentro do tradi, con dous discos que son canela. E tamén souberon integrar con moitísimo gusto e humildade o tradi con estilos actuais. Isto só pode traer cousas boas.

Recoméndasnos seguir algunha outra conta ou canle de contido similar a esta?

Como recomendacións persoais suxírovos que sigades a asociacións e proxectos de divulgación e inclusivos como Proxecto Pesquedellas, Andar cos tempos ou grupos coma Pansenfron. A festivais de música tradi como Pardiñas, Ortigueira, A Carballeira de Zas, Foliada da Fonsagrada, O Son do Pazo ou Festiletras, entre outros. E a todos os grupos que poidades. Pero asistide tamén a foliadas e festis, escoitade moita música, participade no que poidades. Ride moito de vós mesmxs e rexoubade en boa compañía.

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.