hydn: «A peor sensación do mundo é facer algo e que se esqueza aos dous días»

Sandra Guedev sente que está a vivir nunha simulación, que isto non é a vida real. Ás veces, cando pasan as cousas que estabas a agardar, tamén é difícil procesalo. Deixara un pouco de lado as súas aspiracións na música ata que sentiu que era o momento de explorar iso que tiña dentro e quería sacar. Así, baixo o nome de hydn, sacando para fóra todo o que leva oculto dentro, está a conseguir que a súa música se achegue a soar onde quería: no Benidorm Fest.

 

«Eu xa quixen ir a Eurojunior», asegura agora que é finalista na mesma enquisa popular sobre os representantes ideais para o festival de Eurovisión que iniciou a aventura das Tanxugueiras, o de Eurovisión Spain. A coruñesa comparte final con Megara, Bulego, María Peláe, Julieta, La Casa Azul,María José Llergo, Lola Indigo, Neomak, Ana Mena, Guitarricadelafuente e Ptazeta. «Eurovisión de adultos sígoo menos. Como non vexo xa nada en directo, busco os grupos cando vexo unha proposta que me parece interesante. Como me pasou con Måneskin ou coa canción ″Fuego″, de Eleni Foureira, que a teño marcadísima», explica Sandra Guedev.

A coruñesa Sandra Gueved é hydn © Nuria Rey

″Drowning Fire″ é a canción coa que chegou á final desta sondaxe popular eurovisiva. É un tema producido por David Vázquez. Pero para presentarse ao Benidorm Fest, algo que fará pase o que pase nesta enquisa, e que tamén saben na organización do concurso de RTVE, pois hydn rematou entre as 11 artistas favoritas deste ano para os seguidores do programa. «Teño máis ou menos claras as referencias, pero non teño nin idea do que nos vai saír cando me meta no estudo de gravación. Vou cun pouco de medo pero a por todas. Que saia o que teña que saír, e se hai que descartar xa o veremos», avanza.

«Fun tan fan da xente e das cousas, que xa non quero volver a saber nada de ser tan fan»

«Eurofan son a medias porque tiven unha época na adolescencia na que fun tan fan da xente e das cousas, que xa non quero volver a saber nada de ser tan fan en xeral», confesa. Sandra Guedev ten 26 anos e naceu na Coruña, e aínda que vivíu varios anos en Cee, agora reside na Coruña. Alí estudou na escola de imaxe e son e coñeceu a Iago Vilarinho –recoñecido no audiovisual galego como director de fotografía– con quen fixo o seu cambio de lingua cara ao galego.

Esta transición lingüística vai moi parella ao proxecto de hydn: «Xa tiña pensado en facer algo en galenglish, e como o galego tamén está bastante oculto, creo que lle vai ben. Tamén xogo un pouco con todo o que escondemos, con esa parte de nós que pode que non sexa tan boa e que tratamos de ocultar». hydn deuse a coñecer en febreiro deste ano, pero Sandra levaba dous anos dándolle voltas ao concepto porque quería ter as cousas moi claras antes de lanzarse. Xa tiña experiencia a experiencia co seu anterior grupo, Inland Valley, co que non logrou a repercusión que desexaba. «A peor sensación do mundo é facer algo e que se esqueza aos dous días. Eu vivina co meu grupo e non quero volver a vivila nunca máis. É moito traballo para que despois pase iso. Esta vez, as cousas van ser diferentes», asevera.

«Son neofalante e sempre consumín música en inglés. O galenglish está presente no meu día a día»

Non pasamos por alto o emprego do galenglish, unha mestura do galego e o inglés que para Sandra ten todo o sentido. «Son neofalante e sempre consumín música en inglés. O galenglish está presente no meu día a día. Penso que así podo chegar, quizá, a máis xente. Sobre todo, o que mola disto é que despois máis xente escoite música en galego, incluso xente que non sabe nin que existe o idioma», sinala. Decidiu facer a súa vida en galego arredor do ano 2017, na base da idea estaba o pouso que lle deixaron algúns dos seus profesores de galego e, sobre todo, a literatura.

«No instituto escribía poesía e tiven de profe a Concha Blanco na ESO e a Vicente Reboleiro en Culleredo, que me fixeron namorar máis do galego. Comecei a ler máis e tiven unha pequena obsesión con Celso Emilio Ferreiro. Un día pensei que non tiña sentido estar lendo en galego e escribindo cousas, pero falando castelán. Por iso decidín facer o cambio de lingua. Agora para min o natural e o máis sinxelo e falar o galego, penso en galego e agora é a lingua na que máis cómoda me sinto», debulla Sandra.

«Tiven unha pequena obsesión con Celso Emilio Ferreiro»

A ilusión é o que a levou a deixar o seu traballo nunha tenda para centrarse en hydn. «Para traballar do que non me gusta teño toda a vida. Quixen facer esta aposta porque penso que é o momento e teño xente ao meu arredor que cre moitísimo neste proxecto. Agora que pase o que teña que pasar, pero eu teño 100% de confianza no proxecto e non teño un plan b», revela. Como formación, é produtora audiovisual, pero tamén ten traballado en marketing. Para Sandra isto é un traballo en equipo, aínda que a cara de hydn sexa ela. Conta que os produtores das primeiras tres cancións que ten publicado axudárona moito a aprender no proceso de creación, e a saber o que quere e o que non. Con Berto produciu ″Firetouched″ e con Chris Indian ″Midnight Hunt″.

Os xéneros musicais están un pouco obsoletos para Sandra, con todo, explica que no seu anterior grupo facía dream pop e que o de agora é máis ben dark pop con algo de electrónica. «Aínda así, non quero clasificarme», di, pois considera que vai «fluíndo». É consciente de que non ten moita formación musical, realmente nunca tivo a oportunidade de apostar pola música como agora, e está a aprender de cada canción nova. Todo isto provoca que apareza con frecuencia a síndrome da impostora no seu camiño. «Na miña cabeza resoa o de ′non es tan boa Sandra, queda na cama un par de días e xa todo isto vai pasar. Xa non vas estar en ningunha lista′. E claro, isto xoga na miña contra porque se non fas ruído, se non aproveitas o momento, xa non te van escoitar en ningures. Entón, intento loitar un pouco contra isto», razoa.

«Se non fas ruído xa non te van escoitar en ningures»

«Para min isto é moi gordo. Os primeiros días a miña forma de pasalo era vivir vendo series todo o día. A miña forma de asimilalo era non estar, pero xa me deron un toque para que non me deixara ir. Pero si que quero estar presente. Isto faime moitísima ilusión. Gustaríame moito quedar nos postos de arriba da lista de Eurovisión Spain, sería unha fantasía, pero xa estar entre os 12 finalistas xa o é. Agora que pase o que teña que pasar cara ao Benidorm Fest», salienta, sen esquecer a xente que a está acompañando neste proxecto como a fotógrafa Nuria Rey, a deseñadora Madame Caolin ou a tatuadora Rut Malasanta.

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en Faro de Vigo, El País, Europa Press e Nós Diario. Vogal no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e membro da asociación Xornalistas Galegas. Agora, entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.