Eurovisión 2022. Eurodramas baixo unha eclipse de sol

Cal dirías que é a data máis sinalada do mes de maio? O 17 de maio? Brrrrr… ERRO! O evento máis esperado do ano para as amantes da televisión e a música é o Festival de Eurovisión, que se celebra habitualmente (e salvo pandemia) no mes das letras.

Se chegas aquí este ano por primeira vez despois de convertirte ao Eurovisionismo no Benidorm Fest, benvida. Tanto se eres principiante como eurofán de vello, seguro que esta guía rápida por esta edición do festival che axudará a ter temas de conversa na festa á que estás convidada para ver a final do sábado. Let’s go!

Unha telenovela coma poucas

Mimá! Pasaron tantas cousas nos últimos meses relacionadas con Eurovisión que non sei por onde comezar. O Benidorm Fest abriu en xaneiro as preseleccións cun auténtico drama nacional, asentando xa o ton dramático para toda a temporada eurovisiva. Dúas semanas máis tarde Alina Pash, a candidata escollida por 🇺🇦 Ucraína renunciou a representar o seu país despois de que saíse á luz unha viaxe súa a Crimea que xerou unha onda de odio cara ela. Pouco despois diso, o inicio da guerra en Ucraína deixou en 40 os países participantes en Eurovisión 2022 despois de que a Unión Europea de Radiodifusión decidise excluir a Rusia do concurso e expulsase ás cadeas rusas da entidade. 

Aínda hai máis. Ao comezar os ensaios no Pala Alpitour de Turín, a finais de abril, os xornais italianos filtraron a nova de que o elemento principal do escenario deste ano, un sol xiratorio con dúas caras, unha de luces e outra de pantallas, non podía moverse tan rápido como estaba previsto, superando o tempo habitual entre canción e canción. En Eurovisión os cambios de escenografía fanse en menos de 2 minutos, o tempo que dura a postal na que se mostran as marabillas do país anfitrión e a representante do país que está a piques de actuar. Para solucionar este problema a RAI, canle organizadora, propuxo gañar tempo presentando ás artistas no escenario despois da súa postal, como fan no seu Festival de San Remo, pero a súa proposta non foi aceptada. Como solución e para manter un “xogo bonito” que asegurase a equidade de condicións entre todos os países, a UER acordou que os arcos do sol quedasen estáticos no lado das luces, facendo que moitas das delegacións que tiñan pensado empregar o sol na súa escenografía tivesen que cambiar por completo os seus plans a días de comezar os ensaios. Víronse afectadas principalmente 🇦🇱 Albania, 🇩🇰 Dinamarca, 🇪🇪 Estonia, 🇫🇮 Finlandia, 🇱🇹  Lituania ou 🇧🇪 Bélxica.

En plenos ensaios, Milhanas, unha das coristas de Maro, a representante de 🇵🇹 Portugal, deu positivo nun control rutinario da Covid-19 dos que hai para acceder ao recinto. Este feito puxo en perigo a participación do noso país veciño, xa que corría o risco de que máis persoas da delegación puidesen ser positivas a días da súa actuación na primeira semifinal. Afortunadamente, todo o equipo deu negativo e “Saudade, saudade” estará na final do sábado.

E por último e por se non fose pouco, nos últimos días moitas das delegacións están comentando tamén que a RAI está tendo moitos problemas coa realización de varias candidaturas, sendo especialmente chamativos os problemas da representante de 🇸🇪 Suecia, unha das favoritas cunha actuación calcada á que fixo no Melodifestivalen, a espectacular preselección sueca.

Hai partido

Ao igual que o ano pasado, non hai unha clara favorita para conseguir o micrófono de cristal. Nesta edición a xeopolítica pode ser, se cadra, fundamental para entender as puntuacións tanto do xurado coma do televoto. As miradas están postas obviamente en 🇺🇦 Ucraína debido á guerra, e non sería raro que esta situación lle asegurase un bo posto na clasificación do sábado ou mesmo a vitoria. Outros dos países que, segundo a prensa especializada e as eurofáns, teñen máis papeletas para gañar son pouco habituais dos primeiros postos da táboa. Ademáis de 🇸🇪 Suecia e 🇮🇹 Italia, que teñen un moi bo historial nos últimos anos, destacan entre as favoritas 🇬🇧 Reino Unido e 🇪🇸 España, países que o ano pasado quedaron último e antepenúltimo respectivamente con 0 e 6 puntos.

Raios de luz entre tanto inglés

A estas alturas da película a ninguén lle sorprende que a maioría de cancións en competición teña maior parte da súa letra en inglés, algo que vén sendo tendencia desde xa hai máis dunha década. Máis da metade das cancións, 26, empregan o inglés na letra, fronte a 14 delas que empregan outro idioma, principalmente o oficial do seu respectivo país. Chama tamén a atención que é a primeira vez desde a fundación do festival que non hai nin rastro do francés. A “resistencia” deste ano compóñena os 🇳🇱 Países Baixos, que volven a unha letra integramente en neerlandés despois de 12 anos, 🇱🇹  Lituania, que non cantaba un tema completamente en lituano desde hai case 30 anos (1994), 🇫🇷 Francia, que leva unha canción en bretón por primeira vez desde o 1996, e 🇷🇸 Serbia, que fai historia levando trozos en latín.

🎵 Love, love, peace, peace 🎵

As que somos eurofáns de vello sabemos que os temas que máis se repiten nas cancións de Eurovisión son o amor e a paz, como ben recolleron Måns Zelmerlöw e Petra Mede en “Love, love, peace, peace”, o entreacto da final do ano 2016 en Estocolmo. No lado das cancións de amor (ou desamor) temos por exemplo as de 🇬🇷 Grecia, 🇸🇪 Suecia, 🇮🇹 Italia, 🇱🇹  Lituania ou 🇷🇴 Romanía. Tamén temos cancións sobre a saúde, tanto mental como física, como as de 🇷🇸 Serbia, 🇦🇺 Austrialia e 🇬🇧 Reino Unido. Hai outras que falan sobre ausencias, como a de 🇵🇹 Portugal, a dos 🇳🇱 Países Baixos ou a de 🇧🇪 Bélxica.

TikTok quere ser o novo Twitter

Cada vez son máis as iniciativas para manter vivo o espírito de Eurovisión durante todo o ano, especialmente por parte das eurofáns, que enchen as redes sociais e os blogs de infinidade de contidos: novas sobre antigas representantes, actualizacións sobre as preseleccións dos distintos países, reaccións ás cancións cando se presentan, curiosidades sobre outros anos… É tal o poder da dobre pantalla que ata este ano a propia UER decidiu dar un paso adiante na súa estratexia dixital, e vén de lanzar un podcast oficial e tamén de firmar un acordo con TikTok como partner oficial de entretemento. Esta alianza estratéxica con Eurovisión busca roubarlle cota de mercado a Instagram dándolle á rede social china contidos exclusivos como os vídeos dos primeiros ensaios e emisións especiais en directo, algo cabreou á prensa especializada encargada en cubrir o festival.

Sen dúbida hoxe en día TikTok é unha das opcións favoritas da xente nova para o consumo (e a creación) de contidos en Internet. Se cadra por iso non é tan raro que moitas das representantes dos distintos países empregasen esta plataforma para promocionar a súa canción antes do festival a través dos famosos retos (ou challenges), destacando os Subwoolfer de 🇳🇴 Noruega e os Citi Zeni de 🇱🇻 Letonia, que intentaron replicar as coreografías e os videoclips das súas rivais. Tamén é curioso o caso de Sam Ryder, o representante do 🇬🇧 Reino Unido, para quen TikTok foi o seu Operación Triunfo. Durante o confinamento comezou a subir vídeos á rede social facendo versións das súas cancións favoritas e agora é o artista británico con maior número de seguidores, máis de 12 millóns. Para seguir contido exclusivo do festival podes buscar pola conta oficial de @Eurovision en todas as redes que se che ocorran.

Unha auténtica sangría nas semifinais

Con só 25 prazas na final, 5 delas aseguradas aos países que máis diñeiro aportan á UER coñecidos como ‘Big 5’ e 20 asignadas ás 10 mellores de cada semifinal, son 15 as cancións que xa non escoitaremos este sábado na Gran Final. As ausencias máis sonadas serán as de 🇦🇱 Albania, co seu tema étnico ao estilo Major Lazer, os ‘vexetarianos’ de 🇱🇻 Letonia, o temazo digno de (H)ermo de 🇦🇹 Austria, as Dover que representaban a 🇩🇰 Dinamarca, o ‘stripper’ de 🇸🇲 San Marino, a serea de 🇨🇾 Chipre ou a Ke$ha de 🇮🇪 Irlanda. Estarán sempre nas nosas listas de Spotify e nas mellores festas.

Os momentos máis agardados

A megaconstrución que leva o 🇬🇧 Reino Unido.

O retrouso onomatopeico dos 🇳🇱 Países Baixos.

O momento discoteca da 🇨🇿 República Checa.

O ‘¡Ay, mamá!’ de 🇺🇦 Ucraína.

O retrouso en castelán e os bailes de 🇷🇴 Romanía.

O “zumo de mengo” de 🇪🇸 España.

O pelo “á taza” da cantante de 🇱🇹  Lituania.

O outfit do representante de 🇦🇺 Austrialia.

O círculo xiratorio e o micrófono con cable de 🇸🇪 Suecia.

As Franxugueiras bretoas de 🇫🇷 Francia.

As paredes cheiñas de post-its da escenografía de 🇦🇲 Armenia.

As tres irmás de 🇮🇸 Islandia que cantan country.

Toda a sección de sillas do IKEA na escenografía de 🇬🇷 Grecia.

A banda mítica dos 2000 que leva 🇫🇮 Finlandia.

A performance política de 🇷🇸 Serbia.

O aquelarre de 🇵🇹 Portugal.

Os estilismos e a química do dúo de 🇮🇹 Italia.

O entroido de 🇳🇴 Noruega.

Y no se confundan, señora’ y señore’...

Non vaian vostedes esquecerse de que a final de Eurovisión se celebra este sábado 14 de maio ás 21:00 en directo desde Turín! O seu é escoller unha pantalla para ver a gala, e teñen varias opcións para iso. Unha forma é seguila pola televisión, en La 1 de TVE, cos comentarios de Julia Varela e Tony Aguilar ou “a pelo”, escollendo a versión de audio orixinal da emisión. Outra, e a recomendada por este servidor, é vela desde YouTube nun dispositivo compatible (ordenador, móvil, televisión intelixente) para gozar da gala sen publicidade e dos espectáculos dos descansos, que esperemos sexan mellores que os das semifinais. O seguinte paso, pero non menos importante, é compartir o momento e rexoubar ben con comentarios en Twitter baixo o cancelo #Eurovision ou ben coas amigas xogando a algún Euroxogo de beber. Todo listo? Pois veña! Let the Eurovision Song Contest 2022 begin!

Héctor Anllo

Héctor Anllo

Parezo un toxo, pero son moi riquiño.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.