Berlai publica “Ao outro lado da porta”, arte para metabolizar a dor do pobo palestino
Berlai vén de estrear “Ao outro lado da porta”, unha canción de amor ao pobo palestino producida en colaboración con Fanny & Alexander. Segundo explican desde A Regueifa Plataforma 2.0 esta peza naceu froito da desesperación pola dor que chega a diario de Palestina en forma de imaxes indescriptibles que só a arte é capaz de metabolizar. Un pranto que sementou en forma dunha canción que naceu espida con voz, piano e guitarra e foi medrando ao longo do proceso de gravación e produción até chegar a ser un todo, único, co seu emocionante apartado visual.
O tema vai acompañado dun videoclip artellado sobre a curtametraxe Home Sweet Home, dirixida por Omar Rammal co apoio de Amnistía Internacional, onde o realizador palestino denuncia o apartheid e vulneración de dereitos sistemática que sofre o seu pobo.
Créditos
Música e letra: Xiao Berlai
Produción: Fanny & Alexander
Videoclip baseado na curtametraxe "Home Sweet Home", dirixida por Omar Rammal