Novo videoclip para "A da misántropa riquiña"
Lucía Aldao e Fanny & Alexander estrean videoclip para "A da misántropa riquiña", unha peza protagonizada pola poeta coruñesa e realizada polo propio dúo compostelán que pon imaxes a un dos temas incluidos no álbum Manifestas Vol. I, editado o pasado mes de xaneiro.
Manifestas é un proxecto musical que reivindica o papel protagonista das abondosas voces femininas que habitan a escena galega, unha conquista que xunto co pulo da lingua e a naturalización da tradición teñen sido eixes fundamentais na normalización da nosa música nos últimos anos.
Para este primeiro volume, que xa se atopa en todas as plataformas dixitais, as sinerxias confluiron con Su Garrido Pombo, que aportou “O outro lado” do seu último traballo Patios de luz; Lucía Aldao, que emprestou “A da misántropa riquiña” do seu Pava 2; Ugia Pedreira, que fiou “Vida ainda” do seu primeiro traballo como A Pedreira, e Mai, que encomendou “Big Bang” do seu disco de debut, Nigredo.
Lucía Aldao estará ao vivo xunto a Anxo Araújo este venres, 19 de abril, na Sala Sonar de Compostela.
Créditos
Lucía Aldao - "A da misántropa riquiña"
Fanny & Alexander Remix . Manifestas Vol. I
Manifestas Vol. I é a primeira entrega dunha serie de EPs nos que Fanny & Alexander deconstrúen músicas dalgunhas das máis poderosas voces femininas da escena galega.
Unha proposta, tan sinxela como complexa de executar no musical, que ispe as cancións das súas roupaxes orixinais para voltalas construír dende os propios alicerces vocais en forma de reinvención en clave electrónica, levando as pezas orixinais a territorios tan inéditos como as pistas de baile.