Fanny & Alexander con Arancha Nogueira. Música para reivindicar a soidade
Fanny & Alexander estrea videoclip para "O ruxir da túa ausencia", terceiro sinxelo do seu último álbum A túa ausencia neste ar, publicado a finais do pasado ano. Unha peza audiovisual inspirada na estética da banda deseñada, manufacturado pola propia banda dende o máis estrito do it yourself, que conta ademais coa colaboración visual e sonora da poeta Arancha Nogueira, autora dos versos nos que se basea a letra da canción.
A propia Nogueira aparece no videoclip co seu spoken word nun tema que percorre os camiños do dream-pop e o shoegaze seguindo as pegadas de bandas coma Mazzy Star, Slowdive, Cigarettes After Sex, Beach House e mesmo os nosos inesquecibles Nadadora. "O ruxir da túa ausencia" reivindica o dereito á soidade, aleitando a individualidade non só como estratexia vital para reaxir tras unha ruptura sentimental senón como forma de vida social posible.
O dúo compostelán voltou estar en activo o pasado ano coa edición de A túa ausencia neste ar despois de máis dunha década en barbeito. Xa están preprando un novo disco no que levarán coplas tradicionais da comarca da Ulla ás sensibilidade indie do século XXI nas coordenadas sonoras de propostas como o Lucas 15 de Nacho Vegas, Beirut, Mumford & Sons ou os seus admirados Os Amigos Dos Músicos.
Créditos
"O ruxir da túa ausencia" é unha canción de Fanny & Alexander
Ao abeiro d'A Regueifa Plataforma 2.0