A túa ausencia neste ar. Volven Fanny & Alexander, 12 anos despois.

«Un novo álbum no que, coma o mariñeiro embarcado, a emigrada retornada ou o exiliado político, voltan a casa na percura do que foron». Así presentan Fanny & Alexander o seu cuarto álbum tras 12 anos ausentes da música galega. A túa ausencia neste ar é un disco de querencia conceptual no que «todas as cancións xiran arredor da perda, da ausencia, do que se pode perder nun simple xiro argumental da vida: os pais, os avós, un fillo, o amor, a consciencia dun mesmo, a individualidade coma persoa...» e nel o dúo compostelán continúa coa tradición dos seus anteriores traballos adubando versos emprestados de poetas galegas co seu pop saudoso cargado de experimentacións bastardas co folk, o shoegaze, a electrónica e mesmo a música de cámara

Nesta nova entrega a lista de autoras que emprestan as súas verbas é 100% feminina e máis longa ca nunca, tanto nas letras das cancións (Lorena Souto, Antía Otero, Arancha Nogueira, Marga Tojo, Ledicia Costas, Xess Mondelo e Charo Lopes) coma nos miúdos spoken words que arrolan por todo o disco, con voces como as de Lara Dopazo, Alba Cid, Luz Fandiño, Theresa P. Lousame, Xela Arias, Nuria Vil ou Lucía Aldao, a quen atopamos neste primeiro single, titulado coma o disco.  

O álbum terá un formato físico pouco habitual, alonxado dos contaminantes plásticos: un lenzo coa capa do disco montado en madeira para poder pendurar onde tamén haberá un código QR que che leve directamente á súa escoita en plataformas dixitais. Ademais, seguindo co seu tradicional apoio ao Copyleft o disco tamén estará dispoñíbel gratuitamente en múltiples formatos en www.fannyealexander.net. 

Créditos

Letra e música: Fanny & Alexander 

Spoken Word: Lucía Aldao 

Vídeo: Fanny & Alexander

Editado ao abeiro de A Regueifa Plataforma 2.0.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.