"A pantasma do espello". Fanny & Alexander adaptan un poema de Lorena Souto no seu novo single

"A pantasma do espello" é o segundo sinxelo de " A túa ausencia neste ar" (A Regueifa Plataforma 2.0, 2022), o álbum que supuxo o rexurdimento do dúo compostelán Fanny & Alexander trás unha década en barbeito. Baseado nun poema de Lorena Souto escrito ad hoc para o disco, a canción enfía a temática común do disco, a ausencia, dende o prisma máis persoal posíbel, a ausencia dun mesmo, da propia conciencia. Un enfoque ao que aporta un especial valor engadido o Spoken Word de Theresa P. Lousame arredor da arbitrariedade da memoria extraido do seu videopoema "Senseno". 

A banda, de novo autora do video sendo fieis á súa devoción polo Do It Yourself e o amateurismo vocacional, contrúe a través de filmacións propias e de stockunha metáfora visual da destrucción interior do "eu" que serve de soporte a unha canción e poema que retrata con crúa honestidade a demencia dxs nosxs maiores: a perda da memoria ("Van caendo recordos coma se fosen pel morta"), da consciencia de quen és ("Que me queda se non me recoñezo?") e a súa imparábel progresión ("Mentres se expande o xeo como planicie no ártico"), imaxes poéticas ás que todxs podemos poñer nomes propios máis ou menos próximos. 

Coincidindo coa estrea do videoclip, Fanny & Alexander estrearán tamén estes días un novo EP, "Dopazo", no que compilan nun único disco as catro cancións baseadas en poemas de Lara Dopazo que foran saindo ao longo da última década e que ficaban espalladas polas plataformas dixitais: "Illa Pedra" (banda sonora da curta do mesmo nome), "Lipilape" (no compilatorio de apoio á Liga Nacional de Billarda), "Píntamas de escuro" (aparecida no compilatorio Vozes Novas editado polo Novas da Galiza) e "Mentres todos os meus libros arden" (incluida no seu último traballo).

Créditos

Editado por A Regueifa Plataforma 2.0

Tamén che interesa

  • A túa ausencia neste ar. Volven Fanny & Alexander, 12 anos despois.

    «Un novo álbum no que, coma o mariñeiro embarcado, a emigrada retornada ou o exiliado político, voltan a casa na percura do que foron». Así presentan Fanny & Alexander o seu cuarto álbum tras 12 anos ausentes da música galega. A túa ausencia neste ar é un disco de querencia conceptual no que «todas as cancións xiran arredor da perda, da ausencia, do que se pode perder nun simple xiro argumental da vida: os pais, os avós, un fillo, o amor, a consciencia dun mesmo, a individualidade coma persoa...».

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.