Vinte filmes galegos para ver na ponte dos Defuntos

VINTE

Achégase a ponte dos Santos, o día dos Defuntos, a noite do Samaín. E tamén o bo costume de ver un filme de terror na casa. A oferta é abondosa mais non fai falta ir ás pelis da Universal dos anos 30, da Hammer dos 50 ou da Troma dos 70. O cinema galego leva cinco décadas tendo a morte e o terror moi presentes, con longametraxes e curtas que van da serie B á nosa tradición oral, con todo tipo de fantasías góticas, pesadelos dark e comedias negras. Fixemos esta escolma con 20 pezas de culto de directores galegos ou rodadas en Galicia, por orde cronolóxica, para que fagades sesión continua na fin de semana. A maioría delas están na rede. 

Achégase a ponte dos Santos, o día dos Defuntos, a noite do Samaín. E tamén o bo costume de ver un filme de terror na casa. A oferta é abondosa mais non fai falta ir ás pelis da Universal dos anos 30, da Hammer dos 50 ou da Troma dos 70. O cinema galego leva cinco décadas tendo a morte e o terror moi presentes, con longametraxes e curtas que van da serie B á nosa tradición oral, con todo tipo de fantasías góticas, pesadelos dark e comedias negras. Fixemos esta escolma con 20 pezas de culto de directores galegos ou rodadas en Galicia, por orde cronolóxica, para que fagades sesión continua na fin de semana. A maioría delas están na rede. 

  • 01

    La noche del terror ciego (Amando de Ossorio, 1972)

    O ano pasado celebrouse o centenario do nacemento de Amando de Ossorio (A Coruña, 1918-2001), o director coruñés de terror fantástico que se converteu en cineasta de culto coa súa saga de filmes poboados de zombies templarios. Algúns deles están en Youtube, coma este, o primeiro desta saga e das 8 longametraxes de terror que fixo nos anos 70, e do que se anunciou un remake italiano o ano pasado. O centenario pasou bastante desapercibido en Galicia, mais hai un par de décadas, perto xa do seu pasamento en 2001, cineastas da Coruña como Ignacio Benedeti, Xosé Zapata ou Rafa Calvo rendéronlle homenaxe escribindo a biografía Amando de Ossorio: un galego fantástico ou coa curta documental Amando de Ossorio, el último templario. O libro e a curta están dispoñibles na Rede de bibliotecas de Galicia.

  • 02

    La campana del infierno (Claudio Guerín, 1973)

    En si mesma esta película é unha boa mostra do fantaterror dos anos 70, mais quedou terriblemente maldita pola morte do seu director, o andaluz Claudio Guerín Hill, ao caer da torre da igrexa de San Martiño de Noia durante a rodaxe. O director precipitouse ao baleiro cando instalaba unha cámara do alto da torre de cartón pedra que reconstruíran para a campana que lle dá título ao filme. Se lle facemos caso a Cuarto Milenio ou a esta reportaxe da Cadena SER, hai varias posibles maldicións que rodean esta traxedia. O caso é que o filme, rodado entre Noia e Betanzos, quedou feito e anda dispoñible enteiro polo Youtube. 

  • 03

    A romaría da morte (Alberto Estévez Piña, 1974)

    O cineasta Alberto Estévez Piña (Tui, 1937) foi pioneiro do cinema documental etnográfico en Galicia rodando en super 8 hai 45 anos esta peza sobre a romaría dos cadaleitos en Santa Marta de Ribarteme. Todo un exercicio de estilo cinematográfico para a época que contou coa colaboración de Miro Casabella na montaxe e na banda sonora e de Ánxel Vazquez de la Cruz no guión e na locución. Malia termos visto imaxes desta romaría repetidas ata a saciedade en televisión, velas en cine aínda impresiona e máis retratando os veciños da época, non os centos de curiosos e turistas que a visitan na actualidade. 

  • 04

    O cadaleito (Enrique Rodríguez Baixeras, 1976)

    Outra xoia dos anos 70 é O cadaleito, de Enrique Rodríguez Baixeras (Ribadeo, 1953) , baseada no relato de Ánxel Fole "A caixa do morto", que forma parte do libro Á lus do candil. Deste libro tamén procedía O documento, un filme anterior de Baixeras que foi censurado pola policía franquista dous anos antes por estar en galego. Con O pai de Migueliño, de Miguel Castelo, O herdeiro, de Miguel Gato, e Fendetestas, de Antonio Simón, foi parte dos cinco títulos que produciu o coruñés Víctor Ruppén nesta década e que marcaron un dos puntos de arranque do cinema de ficción en galego. 

  • 05

    Viuda Gómez (Xavier Villaverde, 1985)

    Xavier Villaverde (A Coruña, 1957) foi un dos pioneiros da videocreación nos anos 80 e o seu traballo percorreu festivais e inseriuse nas vangardas da época. Viuda Gómez é un dos máximos expoñentes: un traballo de fasquía gótica rodado no cemiterio de San Amaro a partir dunha canción o grupo punk coruñés Viuda Gómez e hijos. Pódese atopar enteira e dispoñible para a súa proxección na web de Hamaca.

  • 06

    El bosque animado (José Luis Cuerda, 1987)

    A película de José Luis Cuerda na que Rafael Azcona adaptaba a obra de Wenceslao Fernández Flórez foi un dos filmes españois máis populares dos anos 80. Conquistou o público e gañou 5 Goyas con Alfredo Landa no papel de Fendetestas. Inesquecible Miguel Rellán como Fiz de Cotobelo, o defunto que vai vagando pola fraga ata que un cristián peregrine descalzo no seu nome ata Santo André de Teixido. Pódese ver en Filmin

  • 07

    La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos (Antonio Blanco, 1992)

    Non pode faltar nesta listaxe o gran filme de culto galego, a nosa Matanza de Texas, esa cúspide do gore rural punk que é a longametraxe de Toñito Blanco (A Coruña, 1964-1994). Manuel Manquiña, Teté Delgado, Julián Hernández, César Strawberry e Silvia Superstar protagonizaban esta comedia na que unha panda de mozos acaba para a súa desgraza na casa da familia Machado, que superara a época da fame fabricando embutidos caseiros con carne humana. Na banda sonora hai cancións orixinais como “La sierra es la familia” de Siniestro Total ou “Terra brava” dos Diplomáticos de Monte Alto. Onde vela? Anda por aí no Youtube enteira.

  • 08

    Cuando el mundo se acaba te seguiré amando (Pilar Sueiro, 1998)

    Esta película non é de terror pero é ben acaída para ver en Halloween por varios motivos: Primeiro, é un filme de culto instantáneo, tan singular que merece visionado colectivo para dar creto á serie de inenarrables elementos que desfilan pola pantalla, desde Nieves Herrero, Andrés Aberasturi, Paul Naschy ou o mesmísimo Luis G. Berlanga facendo del mesmo. Segundo, pola homenaxe ao cosplay da súa protagonista, que adopta diferentes disfraces para atraer a atención da súa atormentada parella, nunha actuación de Cristina Piaget só á altura da dos seus compañeiros de reparto Beatriz Rico e Lucas Fuina. Terceiro, porque malia rodarse en Madrid a súa directora, a viguesa, Pilar Sueiro, foi a primeira galega en dirixir unha longametraxe, producida por ela e polo seu marido Juan Pinzás, impulsor do cinema dogma en Galicia. Cuarto, porque esta xoia está dispoñible en Filmin e celebrou o seu vinte aniversario hai un ano. Quinto, porque tamén pode producir pesadelos.

  • 09

    El váter susurra (Rafa Calvo, 2000)

    A vida dunha parella de recén casados é moi corrente e tranquila ata que un día o inodoro empeza a realizar unha serie de preocupantes sucesos. Con esta máis que inquietante premisa Rafael Calvo (A Coruña, 1972) dirixiu este éxito do cinema fantástico de comezos de século, con Luís Tosar, Guadalupe Calvo e Luís Zahera no reparto. O filme, que recibiu homenaxe hai dous anos no Galician Freaky Film Festival, pódese ver enteiro na canle de Vimeo do seu director. 

  • 10

    Os difuntos falaban castelao (Virginia Curiá e Tomás Conde, 2001)

    Á lus do candil de Ánxel Fole foi, como vemos, unha das obras da literatura galega que máis cinema inspirou nos inicios da nosa creación audiovisual. No 2001 os animadores Virginia Curiá e Tomás Conde, especializados en stop-motion con plastilina e gandes admiradores da factoría Aardman, presentaron esta curta que transcorre na noite de defuntos, cando os veciños dunha aldea empezan a escoitar voces desde o camposanto que falan castelán. 

  • 11

    Dagón, la secta del mar (Stuart Gordon, 2001)

    Empezamos coa droga dura da man da Fantastic Factory, un proxecto que o fonsagradino Julio Fernández (Filmax) creou entre o 2001 e o 2007 producindo cinema fantástico en inglés para a súa distribución directa ao circuíto internacional da serie B e do vídeo doméstico. Un dos seus primeiros filmes foi Dagón, la secta del mar, que adaptaba un relato de H.P. Lovecraft e que o seu director Stuart Gordon ambientou na vila mariñeira de Combarro. Todo un filme de culto protagonizado por Ezra Godden, Raquel Meroño (daquela coñecida pola serie Al salir de clase), unha aínda descoñecida Macarena Gómez e Paco Rabal facendo de pescador local. Tamén se pode atopar en Youtube enteira facilmente Aviso: mellora cos anos. 

  • 12

    Romasanta, la caza de la bestia (Paco Plaza, 2004)

    A outra gran aposta da Fantastic Factory por rodar en Galicia foi o debut como director de Paco Plaza (REC, Verónica, Quien a hierro mata), e desta vez era unha historia galega: a de Manuel Blanco Romasanta, tamén coñecido como o lobishome ou o sacaúntos de Allariz. O guión baseouse na novela homónima de Alfredo Conde, os protagonistas eran o actor británico Julian Sands e a española Elsa Pataki, e as localizacións eran os montes da Fonsagrada e do Caurel. A Deputación de Lugo, na época de Besteiro, quixo promover hai uns anos unha ruta turística polos lugares onde se rodou o filme. 

  • 13

    A promesa (Héctor Carré, 2004)

    Carmen Maura, Ana Fernández e Chete Lera protagonizan a terceira longametraxe de Héctor Carré (A Coruña, 1960), rodada en castelán e localizada entre Cedeira e Cariño, pois a acción sitúase perto de Santo André de Teixido. A enfermidade mental e a violencia de xénero están de fondo neste thriller escuro no que a personaxe de Maura, Gregoria, comenza co nome de Celia unha nova vida servindo na casa dunha acomodada familia galega, sen deixar de estar atormentada polos seus fantasmas. Foi unha das grandes estreas galegas de 2004 e xa só se pode conseguir en DVD

  • 14

    A meiga chuchona (Pablo Millán, 2006)

    Esta curta de Pablo Millán (Santiago de Compostela, 1976) levou ducias de premios en festivais de cine de animación. A súa persoal estética está inspirada pola animación checa e foi apadriñada na súa estrea por Isaac Díaz Pardo. Baseada nunha lenda tradicional galega, conta a historia dunha muller que vai perdendo todos os seus fillos por mor dun estraño mal que os debilita ata acabar con eles. Pablo Millán é, xunto con Peque Varela, dos poucos autores de animación que se insiren dentro do Novo Cinema Galego.

  • 15

    Maldito bastardo (Javi Camino, 2007)

    A película de Javi Camino (Compostela, 1982) vendeuse na súa estrea como “a longametraxe galega máis bizarra do século XXI”. Esta comedia de terror gore e surrealista, autoproducida polo seu director e protagonizada por Juanillo Esteban, Pilar Miguélez e Tamar Novas tivo un interesante percorrido en festivais de cinema fantástico, entre eles o de Sitges. Non se atopa online e é das difíciles de ver, pero non deixamos de reivindicala e recomendamos ir á canle de Magnetova, a produtora de Javi Camino, para ver o seu interesante traballo no mundo do videoclip e das webseries, mentres agardamos a estrea da longametraxe documental Nación de Muchachos que conta a historia da Cidade dos Muchachos de Bemposta. 

  • 16

    Lobos de Arga (Juan Martínez Moreno, 2011)

    Vaca Films produciu esta comedia de terror protagonizada por algúns dos mellores cómicos españois do momento, como Carlos Areces, Gorka Otxoa, Secun de la Rosa ou Manuel Maquiña, con locacións tan senlleiras como o mosteiro de Carboeiro en Silleda, Pontemaceira en Ames ou o ceminterio de Boisaca en Compostela. Se quitamos o fastío que nos produce ver unha vez máis os galegos estereotipados e o acento mal imitado, como película de lobishomes e humor absurdo é bastante entretida. Pódese ver en Filmin

  • 17

    O apóstolo (Fernando Cortizo, 2012)

    Se hai unha película galega que debera ser obrigatoria cada Samaín é O apóstolo, unha singularísima obra cunha non menos singular e accidentada historia detrás, que a sitiou como un dos filmes malditos desta década. Máis alá das súas circunstancias, a primeira longametraxe de Fernando Cortizo (Compostela, 1973) era tamén o primeiro filme en stop-motion e 3D que se facía en Europa, e un dos primeiros que botaba man do crowdfunding, con máis de 500 mecenas. Os personaxes animados estaban feitos coas caras e voces reais de Carlos Blanco, Luis Tosar, X.M. Olveira ‘Pico’ ou Paul Naschy, e na banda sonora participou Philip Glass. Un proxecto moi ambicioso que levou ao borde da quebra aos seus produtores, logo de problemas coa distribuidora e dunha subvención do Xacobeo que a Xunta retirou no último momento, tal como contaba a súa produtora, Isabel Rey. Malia ser gañadora do Mestre Mateo á mellor película, mereceu moita mellor sorte na súa exhibición pero a película está feita e pódese ver na plataforma GaliciaLe de xeito gratuíto para quen teña carné da Rede de bibliotecas de Galicia.  

  • 18

    Santoalla (Andrew Becker e Daniel Mehrer, 2016)

    Outra que non pode faltar na listaxe é este documental que conta moi de perto unha das historias reai de terror rural máis impactantes dos últimos anos: a desaparición e asasinato do holandés Martin Venfondern a man dos seus veciños da aldea de Santoalla, en Petín de Valdeorras. Dirixida por dous norteamericanos que coñeceron a historia por casualidade, o documental narra esta historia a xeito de thriller apoiándose no testeuño de Margo, a viúva de Venfondern, e mesmo dos que ao final resultaron culpables, pois comezouse a rodar cando o holandés aínda estaba desaparecido e a familia veciña finxía non saber nada. A nai desa familia, Jovita, é un dos personaxes máis sinistros que deu o cinema recente feito en Galicia. A fita pódese ver en Vimeo On Demand.

  • 19

    Las brujas de E’lente (Simón Vázquez, 2018)

    De Ourense chega estoutra longametraxe de xénero fantástico financiada con crowdfunding, dirixida polo debutante Simón Vázquez e protagonizada por Luís Iglesia, Rubén Riós, Uxía Morán, Sabela Arán ou Isabel Blanco. Velaquí a sinopse: E’lente, o fillo do Demo, destinado a sementar o caos na Terra, foi roubado do berce do seu pai. Deus escondeu no entre os mortais, lonxe das garras do mal, para protexer así a súa creación. Pero o Demo no está así: conta con aliadas en la superficie para buscar ó seu fillo perdido. O filme presentouse no OUFF do 2018 e na pasada edición do FKM da Coruña. Na súa web e no seu Facebook podemos estar ao tanto das vindeiras proxeccións.  

  • 20

    Limbo (Dani Viqueira, 2018)

    A curta de Dani Viqueira (A Coruña, 1983) leva un ano colleitando premios en festivais de cinema fantástico e vén de gañar o Mèlies de Prata no Festival Court Métrange de Rennes, un recoñecemento que o coloca na competición polo Méliès de Ouro á mellor curtametraxe fantástica europea, que se outorgará en 2020. Este filme de terror conta a historia de Xosé (Xosé Eirín), un home que, incapaz de aceptar a nova realidade da súa vida, remata caendo nunha espiral de autodestrución pola que arrastra a súa muller e a súa filla. Destaca a fotografía de Lucía C. Pan e a música do compositor e zanfonista Germán Díaz, que logra crear unha atmósfera angustiosa cun soberbio tratamento narrativo do son. Polo de agora só se pode ver en festivais e está de periplo estadounidense: vén de gañar un premio á mellor curta de terror en Michigan e en decembro competirá no NYC Horror Film Festival. 

Máis escolmas de audiovisual galego

  • 15 filmes que nos ensinan a defender o planeta desde o activismo local

    Na semana da folga contra o cambio climático vaise mobilizar moita xente nova, seguindo o exemplo da activista sueca Greta Thunberg. Un movemento internacional que esixe acordos políticos a nivel global, mentres apela ás accións individuais para protexer o medio ambiente das emisións de CO2. Pero máis alá do consumo individual hai moita máis capacidade de acción no ámbito local. E Galicia ten unha intensa tradición de activismo: contra a contaminación, contra os incendios, para preservar os bosques e a biodiversidade contra o espolio das multinacionais. O cinema leva máis de catro décadas dando conta delas. Velaquí unha escolma de pezas que calquera activista ambiental debería ver para coñecer como no ámbito local tamén podemos loitar polo noso futuro. 

    Pantallas
  • Outras películas de Oliver Laxe que podemos ver na rede

    A chegada da triunfante ‘O que arde’ ás salas comerciais suscita o interese de moito público por ver, tal vez por primeira vez, o resto da súa filmografía. A boa nova é que a maioría deslas están dispoñibles online. Se ben o mellor espazo para velas é unha sala escura, non hai moita excusa para non coñecer a fondo o traballo do noso cineasta máis prestixioso. 

    Cinema
  • Luis Zahera nunha ducia de personaxes

    É un dos actores galegos con máis currículo en cine, teatro e televisión. O vindeiro sábado pode gañar o seu primeiro Goya á mellor interpretación masculina de reparto pola película 'El reino', de Rodrigo Sorogoyen. En Galicia hai ben anos que coñecemos a Luis (Castro) Zahera. Facemos un repaso polos seus papeis máis destacados. 

    Cinema

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.