Luis Zahera nunha ducia de personaxes

María Yáñez

É un dos actores galegos con máis currículo en cine, teatro e televisión. O vindeiro sábado pode gañar o seu primeiro Goya á mellor interpretación masculina de reparto pola película 'El reino', de Rodrigo Sorogoyen. En Galicia hai ben anos que coñecemos a Luis (Castro) Zahera. Facemos un repaso polos seus papeis máis destacados. 

É un dos actores galegos con máis currículo en cine, teatro e televisión. O vindeiro sábado pode gañar o seu primeiro Goya á mellor interpretación masculina de reparto pola película 'El reino', de Rodrigo Sorogoyen. En Galicia hai ben anos que coñecemos a Luis (Castro) Zahera. Facemos un repaso polos seus papeis máis destacados. 

  • 01

    Anselmo Riós, o carteiro de 'Luar'

    Foi, canda Socorrito (Mela Casal) un dos primeiros personaxes que se popularizaron no Luar, traendo o correo dos espectadores a finais dos 90. Coa aparición do Twitter e do email, e a evolución da carreira de Zahera, o carteiro foi desaparecendo, aínda que regresa de cando en vez, como neste vídeo que ten a TVG publicado na súa web. Se ben é o único rexistro visual que podemos atopar na rede deste personaxe. Luis Zahera e o seu uniforme de Correos perdura na memoria dos luareiros e luareiras. 

  • 02

    Petróleo en ‘Mareas Vivas’

    Zahera puido ter pasado á historia da TVG só como Anselmo, pero no camiño púxose Petróleo, o memorable taberneiro de Mareas Vivas. Agora que se celebran 20 anos da estra serie lembramos este personaxe, que colleu o bar da confraría de pescadores de Portozás logo de botar varios anos nas plataformas petroléiras, de aí o seu alcume. Ou o derivado que lle dicía Currás: Chapapote.

  • 03

    Tuto en ‘O matachín’

    Xunto a Luis Tosar protagonizou esta curta de Jorge Coira, de aquel primeiro cine que faceía a mocidade dos 90 combinando dúas das grandes influencias culturais da década: Tarantino e o bravú. Fran (Tosar) e Tuto (Zahera) son dous traficantes de medio pelo que van ao aeroporto a buscar a Lola (Carolina Vázquez), a moza de Fran, que chega de Venezuela portando cocaína no estómago. Cando parece que todo saíu ben, ela comeza a atoparse mal e comezan os problemas. Terán que acudir a un matachín (Xan Cejudo) para solucionalos. 

  • 04

    Señor Nieto en ‘O ano da carracha’

    Uns anos despois Zahera volveu colaborar con Jorge Coira na primeira longametraxe deste, O ano da carracha. A película non tivo demasiado éxito nos cines pero curiosamente esta secuencia fíxose viral nos anos seguintes, e aparece publicada en moitas canles de Youtube dedicadas ao coaching e a motivación laboral. O que Coira e Zahera (con María Vázquez e Xosé Manuel Esperante) querían levar á parodia, agora o mundo da empresa úsao pero en serio. Que cousas. 

  • 05

    Pizarro en ‘Concursante’

    A primeira película do realizador ourensán Rodrigo Cortés, antes de ter éxito internacional con Buried ou Blackwood, foi a produción galega Concursante, que contaba a caída en desgraza dun individuo (Leonardo Sbaraglia) logo de gañar o gran escaparate dun concurso de televisión. Unha fábula sobre o capitalismo na que Zahera interpreta un peculiar asesor fiscal que lle valeu o seu segundo Mestre Mateo.

  • 06

    Aníbal en 'Matalobos'

    Aníbal é un misterioso e sanguinario personaxe que chega a Sardiñeira, o único capaz de ter poder por riba dos clans dos Matalobos e dos Veloso. E que resulta ser un comisario da Interpol con ansias de vinganza. O máis inquietante, porén, deste personaxe era o seu parecido con Alberto Núñez Feijoo, tal como comprobaba esta imaxe do blog Zentolos

  • 07

    Pertur en 'Sin tetas no hay paraíso'

    Xunto con El Gitano era un dos matóns que acompañaban a El Duque na exitosa serie de Telecinco que deu a coñecer a nivel estatal a galegos como María Castro e o propio Zahera. Como podemos ver neste clip, o seu personaxe nesta serie non era tan diferente ao do traficante de medio pelo que protagonizaba a curta O matachín.

  • 08

    Releches en 'Cela 211'

    Anos despois do Matachín e de Mareas vivas Zahera reencontrábase co seu amigo Luis Tosar en Cela 211, que rachou as billeteiras dos cines a finais do 2009. O seu xonqui carcelario Releches foi un dos personaxes que máis chamou a atención neste filme que triunfou nos Goya e nos Mestre Mateo.

  • 09

    Luis en 'Entre pipas'

    En xaneiro de 2012 estreábase na rede Entre pipas, unha das primeiras webseries galegas, dirixida por Jorge Cassinello e protagonizada por Xúlio Abonjo e Luis Zahera, dous amigos que se reúnen de cando en vez no mesmo banco. Unha simple bolsa de pipas da pé a pequenos momentos e reflexións que marcan esta amizade. Por este traballo os dous actores levaron o premio á mellor interpretación na primeira edición do Carballo Interplay

  • 10

    Ferro en 'Vivir sin permiso'

    Tras o éxito de Fariña en Antena 3, Telecinco apostou por outra historia baseada no narcotráfico galego. Vivir sin permiso parte da novela de Manuel Rivas Todo é silencio para retratar unha familia de narcotraficantes encabezada por José Coronado, do que Ferro, interpretado por Luis Zahera, é o seu home máis fiel. De novo estamos diante dun secundario roubaplanos ao que é difícil non lle coller cariño por moi matón que sexa. 

  • 11

    Cabrera en 'El reino'

    O papel polo que Luis Zahera aspira ao Goya este sábado é o de Cabrera, un dos membros da panda de políticos corruptos que acompañan, ou non, a Antonio de la Torre na súa espiral para safar da persecución xudicial cun partido que lle vira as costas, enlamado ata o máis alto. Esta escena do balcón demostra en dous minutos por que o compostelán merece gañar todos os premios que se poñan por diante. 

  • 12

    Luis Zahera, monologuista

    Malia estar sempre, como vemos, moi ocupado facendo cine e televisión entre Galicia e Madrid, Zahera foi atopando tempo para dedicarse a outra das súas paixóns, os monólogos de comedia. Estivo de xira polo país con varios espectáculos. Un deles é Chungo, un monólogo autobiográfico do que aquí podemos ver un extracto sobre as peripecias dun adolescente compostelán visitando A Coruña. O Zahera máis xenuíno estará sempre nos teatros. 

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.