15 filmes que nos ensinan a defender o planeta desde o activismo local
Na semana da folga contra o cambio climático vaise mobilizar moita xente nova, seguindo o exemplo da activista sueca Greta Thunberg. Un movemento internacional que esixe acordos políticos a nivel global, mentres apela ás accións individuais para protexer o medio ambiente das emisións de CO2. Pero máis alá do consumo individual hai moita máis capacidade de acción no ámbito local. E Galicia ten unha intensa tradición de activismo: contra a contaminación, contra os incendios, para preservar os bosques e a biodiversidade contra o espolio das multinacionais. O cinema leva máis de catro décadas dando conta delas. Velaquí unha escolma de pezas que calquera activista ambiental debería ver para coñecer como no ámbito local tamén podemos loitar polo noso futuro.
Na semana da folga contra o cambio climático vaise mobilizar moita xente nova, seguindo o exemplo da activista sueca Greta Thunberg. Un movemento internacional que esixe acordos políticos a nivel global, mentres apela ás accións individuais para protexer o medio ambiente das emisións de CO2. Pero máis alá do consumo individual hai moita máis capacidade de acción no ámbito local. E Galicia ten unha intensa tradición de activismo: contra a contaminación, contra os incendios, para preservar os bosques e a biodiversidade contra o espolio das multinacionais. O cinema leva máis de catro décadas dando conta delas. Velaquí unha escolma de pezas que calquera activista ambiental debería ver para coñecer como no ámbito local tamén podemos loitar polo noso futuro.
- 01
O monte é noso (Llorenç Soler, 1978)
Nos anos 70 o documentalista valenciano Llorenç Soler fixo en Galicia varios filmes de denuncia social como Gitanos sin romancero (1976), documental sobre o asentamento xitano no Vao (Pontevedra) ou Autopista, unha navallada á nosa terra (1977). En 1978 realizou O monte é noso, que narra a loita de labregas e labregos para recuperar a propiedade dos montes que foran usurpados pola ditadura a partir do ano 1939 para destinalos á explotación de eucaliptos por parte de ENCE, daquela empresa pública.
- 02
Incendios (Mabel Rivera e Henrique Banet, 2005)
Henrique Banet é un histórico do audiovisual galego, especializado en temas ambientais (foi realizador do programa Senda Verde, que se emitiu na TVG nos 90), e combativo en cuestións ecolóxicas do país. Canda a actriz Mabel Rivera realizou unha serie de pezas documentais na década pasada como esta sobre as consecuencias dos incendios forestais no ecosistema dos montes, que formou parte do filme colectivo “Hai que botalos” ás portas das eleccións do 2005.
- 03
2050, é xa demasiado tarde? Ruth Chao, 2006
Co título dunha canción dos Smiths, “How soon is now?”, a viveirense Ruth Chao (de quen xa falamos en VINTE) iniciaba a súa traxectoria como realizadora e produtora de documentais científicos. Antes de que Al Gore gañase o Oscar en 2006 co seu filme-conferencia sobre o cambio climático e moito antes de que Greta Thunberg levase a urxencia polo clima ao foco mediático, Ruth Chao e Javier Silva asinaban esta peza gravada en inglés que contaba coa participación dos máis eminentes científicos relacionados co tema no mundo. Foi Premio Mestre Mateo ao mellor documental ese ano. Tempo máis tarde, coa súa produtora Somadrome Ruth Chao dirixiu outros dous documentais en torno ao cambio climático: The Climate Blueprint (2014) e Red Ice (2015).
- 04
Ciclo Combinado (Nuria Castro e Sabela Pernas, 2007)
A vila das Pontes enfróntase ao futuro peche da central térmica de Endesa, unha das máis contaminantes de Europa e a que máis contamina do Estado español. No ano 2007 dúas novas realizadoras pontesas, Nuria Castro e Sabela Pernas, facían este retrato socioeconómico das Pontes no que veciños, traballadores e prexubilados da central, falan do futuro da comarca ante a desaparición da mina de carbón (onde agora está o lago). Vense vivindo nas Pontes no futuro? Hai alternativas de traballo que non pasen pola extracción e queima do carbón.
- 05
Encrobas: a ceo aberto (Xosé Bocixa, 2007)
Se temos que falar dun creador audiovisual preocupado pola loita social pola defensa do territorio ese é Xosé Bocixa, veterano realizador nacido nas Encrobas (Cerceda), a aldea que protagonizou en 1977 un conflito contra a mina de lignito e a expropiación de terras para a instalación da central térmica de Meirama. Neste documental de 2007 recóllese a memoria de aquela loita e as consecuencias para a comarca, vaias décadas despois.
- 06
Apash, os de fóra (Cora Peña, 2011)
Cora Peña é unha das primeiras creadoras que empezou a traballar no audiovisual galego nos albores deste século, con divertidas curtas de ficción como The Last Patrol ou Galáctea. Anos despois deriva a súa ollada cara aos temas sociais e ambientais, con esta longametraxe documental, que debería ser a crónica dun aventureiro galego que viaxa ao Alto Marañón, en Perú, na procura dun fillo do emigrante ourensán chamado “o rei dos xíbaros” un século atrás. Pero os gardiáns da selva teñen mellores cousas que contar: están acurralados pola voracidade extractiva de Occidente e a Amazonía, o seu fogar e pulmón da Terra, que está en serio perigo de destrución.
- 07
Como será a Galiza pospetróleo? (Véspera de nada, 2013)
Fóra das coordenadas da industria audiovisual, internet facilitou a divulgación en vídeo de todo tipo de temas promovida desde o activismo. Un exemplo é esta serie de entrevistas gravadas pola Asociación Véspera de nada por unha Galiza sen petróleo na que tratan de explicar a súa visión sobre o futuro de Galicia despois do "peak oil" e as súas propostas para o decrecemento e o descenso enerxético.
- 08
Tesouro de Corcoesto (Cora Peña, 2015)
Uns anos despois de Apash, os de fóra, Cora Peña regresa a Galicia para abordar desde aquí o mesmo tema: o novo modelo extractivo que as multinacionais están a instalar en territorios dunha gran riqueza ambiental e economicamente deprimidos. Neste caso a protagonista é a mina de ouro de Corcoesto, na comarca de Bergantiños, que desencadeou un forte movemento social, aínda que tamén unha gran división entre os veciños. A loita é a de sempre: a protección dos recursos naturais que alimentaron a zona durante séculos ou a creación de postos de traballo a curto prazo. O documental financiouse cunha campaña de micromecenado e pódese ver enteiro, ou tamén fragmentado por temas, na súa web.
- 09
En todas as mans (Diana Toucedo, 2016)
De novo unha ollada aos montes comunais de Galicia e Portugal e á súa maneira de gobernanza, explotación e posibilidades de futuro. A cineasta Diana Toucedo (Trinta Lumes) realizou este documental para Trespés Cooperativa que tamén se financiou cunha campaña de crowdfunding e distribuíuse en cines comerciais baixo demanda. Na actualidade pódese conseguir en DVD.
- 10
Redes contra a política do espolio. Aire, auga e terra limpas (Xosé Bocixa, 2018)
De novo Bocixa realiza unha longametraxe activista este ano recollendo os testemuños de «agresións medioambientais contra as que están a loitar os diferentes colectivos cidadás que integran a Rede de Plataformas Compostela-Ulla-Tambre», como explican os impulsores nesta reportaxe de Praza.gal. Entre elas, o documental denuncia os eólicos mal planificados na comarca de Ordes, a mala xestión do lixo que fai Sogama no macrovertedoiro da Areosa e o novo vertedoiro en Lesta, a minaría agresiva en Mesía e Frades por parte de Erimsa, o proxecto para abrir unha nova mega mina de cobre en Touro-O Pino, a contaminación do río Sar na comarca de Santiago ou a defensa das fragas de Catasos en Lalín fronte ás liñas de alta tensión.
- 11
San Finx 1960 (Irene Pin, 2019)
Desta vez é a realizadora Irene Pin (Lugo, 1995) a que recolle os testemuños das veciñas e veciños de Lousame para contar como en 1960 a maior das presas de decantación de lodos das minas de San Finx tivo unha falla crítica que provocou unha avalancha de residuos mineiros que arrasou co curso fluvial até a mesma ría de Noia, deixando a súa pegada contaminante durante décadas. Un «exercicio de memoria histórica medioambiental», en palabras da directora, coa pertinencia do presente: aínda hai na zona balsas abandonadas das que ninguén se fain responsable.
- 12
Brigadas deseucaliptizadoras (Agostinho Iglesias e Inés Mirás, 2018)
Outra serie de contidos audiovisuais producidos e difundidos desde o activismo para a difusión do seu traballo. Coa iniciativa Brigadas deseucaliptizadoras a asociación ecoloxista Verdegaia quere promover a biodiversidade nos nosos montes coa plantación de especies autóctonas. Estas brigadas axudan a propietarios e comunidade de montes a eliminar os redutos de eucalipto para rexenerar os bosques e favorecer que se poidan dar nela outro tipo de árbores, contribuíndo así tamén a evitar o risco de incendio.
- 13
Contralume (Borja Casal, 2019)
De novo, os incendios son unha das principais preocupacións ambientais, tanto a nivel global coma nos nosos montes. Varios creadores novos fixeron este ano pezas sobre este tema. Na curta documental Contralume Borja Casal Fraga achégase ás vagas de incendios máis recentes, recollendo as gravacións caseiras que fixeron moitos cidadáns do lume chegando a perto das casas, e entrevista a diferentes activistas e expertos na materia. É unha peza de fin de carreira destinada á xente nova, cada vez con máis interese e sensibilidade coas cuestións ambientais.
- 14
O que medra por dentro (Nacho Ozores, 2019)
A ficción do noso país non se aproximara demasiado aos problemas medioambientais, pero este ano os incendios si que están presentes neste tipo de cinema, cunha ollada de autor moi persoal, e como primeira mostra temos a curta O que medra por dentro, doutro director moi novo, o lugués Nacho Ozores. Conta como un ecoloxista ambiental (Jaime Olías) descobre a un pirómano a piques de prender un lume no monte (Xavier Deive) nesta peza na que se encontran o amor pola biodiversidade e a carraxe contra quen lle fai dano. O filme está percorrendo festivais e preséntase en Curtocircuíto o martes 2 de outubro dentro da sección Supernova.
- 15
O que arde (Óliver Laxe, 2019)
A terceira longametraxe de Óliver Laxe, premiada en Cannes e a piques de chegar ás salas, vén ao caso nesta lista porque é todo un canto de amor á natureza, a do bosque pero tamén á humana, e ten clara a súa posición a respecto do que se está a facer co monte e co rural en Galicia. A fraqueza e volatilidade dos eucaliptos fronte á robustez das árbores centenarias é toda unha afirmación e unha alegoría contra as modas e as actuacións curtopracistas. Sen ser unha película estritamente activista, O que arde si que é cine comprometido co territorio e coa xente que o habita, desde unha ollada intimista e moi autoral. O filme ademais naceu parello a outros proxectos de Óliver Laxe para revitalizar a aldea onde se rodou, da que procede a súa familia materna. A creación dunha cooperativa de agricultura ecolóxica e dun centro de formación cinematográfica alternativo están no horizonte do creador.