Cinegalicia 2019. Unha relectura de Urxa, Continental e Sempre Xonxa feita por artistas que naceron despois de 1989

Trinta anos despois do gran acontecemento cultural que supuxo Cinegalicia, a revista A cuarta parede celebra este aniversaro convocando a creadoras de menos de 30 anos para revisar as longametraxes fundacionais do cinema galego cunha perspectiva diferente. 

 

A finais de 1989 a cultura galega celebrou un fito histórico a estrea ao mesmo tempo de tres longametraxes galegas, as primeiras rodadas no formato comercial de 35mm: Urxa, de Carlos L. Piñeiro e Alfredo García Pinal; Continental, de Xavier Villaverde, e Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro

Tan transcendente era a ocasión que se armaron grandes fastos para esta estrea e creouse todo un evento ao que chamaron Cinegalicia, que incluía encontros, mesas redondas, proxeccións de filmes galegos anteriores, unha publicación e unha exposición. Cinegalicia quería ser o xermolo dun festival de cine para o país e neste acontecemento implicouse a Xunta, a Televisión de Galicia e o Concello de Vigo. En tres días consecutivos no Cine Fraga e o Centro Cultural García Barbón da cidade estreáronse Continental, Urxa e Sempre Xonxa, por esta orde. A idea de Vigo como capital cultural do país e lugar de integración de eventos promovidos pola Xunta queda agora algo vintage ou mesmo irreal, pero estamos a falar do Vigo dos anos 80, o da movida, co recentemente finado Manoel Soto como alcalde. 

O que supuxo daquela para o público a estrea de Sempre Xonxa xa o contamos por aquí e o esforzo institucional en darlle bombo a aquel acontecemento quixo repetirse de novo no 25 aniversario, en 2014, cunha gran exposición na Cidade da Cultura comisariada por Miguel Anxo Fernández, que tamén fora un dos artífices de Cinegalicia no 89. 

Unha nova xeración de creadores 

Repetir tal celebración no 2019 sería un pouco ridículo, pero o 30 aniversario non vai pasar desapercibido. E non van ser os vellos fundadores os que o reivindiquen, senón un grupo de creadores e investigadoras que queren darlle unha nova lectura a esta efeméride e a estas películas. Todas teñen algo en común: naceron despois de 1989. 

O proxecto Cinegalicia 2019 nace da revista A Cuarta Parede e está comisariado polo seu director, Brais Romero, e polo crítico e investigador Cibrán Tenreiro. Os dous naceron en 1990 e din que “queremos levar a cabo Cinegalicia 2019 non por dar a coñecer a importancia do evento, do que xa se ten dito e escrito moito, senón porque é necesario facer algo diferente. Moito se ten escrito sobre o evento, pero sempre desde as mesmas perspectivas e pola mesma xente. Cinegalicia 2019 quere poñer o de fóra cara dentro, á inversa e do revés o que se considera o nacemento do cinema galego”.

Así, para Cinegalicia 2019 encargáronlle a autores como Jesús Silva, Sara Donoso, Clara Coira, Laura Ramos ou Anxo F. Couceiro unha serie de textos críticos sobre que analizan distintos aspectos como o rol que xoga a muller nas tres películas de Cinegalicia 89, ou as posibles influencias que estes filmes tiveron en cineastas posteriores. Na parte máis creativa propuxéronlles a artistas audiovisuais como Lara e Noa Castro, Iria Silvosa e Adrián Canoura ou músicos como Charles Rapante, ELBA ou Oh! Ayatollah a creación de pezas inspiradas de algún xeito nos tres filmes. E na parte gráfica deseñadoras e ilustradoras como Roberta Vázquez, Pepa Prieto Puy, Julia Huete ou Montse Piñeiro fixeron unha nova cartelería para estes tres filmes. 

O resultado poderase ver a partir do 21 de decembro na web de A Cuarta Parede pero antes teremos dous adiantos: este sábado no festival Novos Cinemas de Pontevedra haberá unha primeira presentación do proxecto con sesión vermú a cargo de Oh! Ayatollah. Será ás 13h na Casa das Campás. A festa oficial de presentación será o 20 de decembro na Coruña, no Baixo, local multidisciplinar ubicado no barrio da Gaiteira (concretamente na Rúa Ponte, número 8), a partir das 20:30, coa proxección dos traballos feitos para Cinegalicia 2019 e a pinchada de ELBA DJ

Adianto do tema de Oh! Ayatollah en VINTE

Pero en VINTE xa tedes un adianto: a canción de Oh! Ayatolah inspirada (daquela maneira) en Sempre Xonxa. En todos.xuntos.unidos.sempre. A banda compostelá colleu as imaxes que lle evocaba o filme de Chano Piñeiro sobre unha vida na aldea que se está perdendo. Así o conta Nuno Pico, vocalista e autor da letra: “Ultimamente nós rallámonos moito co tema de que cada vez queda aquí menos xente, e xusto cadrou que vimos a película, que fala disto, non é moi apocalíptica pero quedamos marcados pensando en como será isto dentro de 50 anos”. O que viron en Sempre Xonxa non só foi drama, senón “escenas da vida deles na aldea que son moi entrañables, eu aínda acordo ver ese tipo de xente na miña aldea (Frexulfe, no Valadouro) cando era pequeno, e paréceme de xustiza que a primeira película importante do cinema galego recolla iso”.  

Nuno cre recordar ter visto a pelí de pequeno pero non o ten moi claro, así que cando lles propuxeron facer a canción decidiron ver Sempre Xonxa de novo, e pareceulles “super bonita pero nada simplista, ten a súa cara escura, que é o que fai que empatices máis con ela”. E dese espíritu triste pero positivo quixeron extraer a mensaxe de que “o panorama é bastante negro pero sempre está aí a túa xente”, que encaixa coa propia filosofía do grupo, que Nuno resume en que “a vida ten as súas cousas, pero nin tan mal”. 

 

Ver o vídeo da nova canción de Oh! Ayatollah.

© Oh! Ayatollah
María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.