Muchachas. Unha colección inspirada no Circo de los Muchachos.

A colección creada pola deseñadora de Goián (Tomiño) Marta Portela inspírase no mundo dos monicreques e no afamado circo de Benposta. Arancha Brandón, unha fotógrafa e documentalista da veciña vila da Guarda, achegou o seu traballo na parte visual do proxecto. 

As dúas son veciñas do Baixo Miño, unha de Goián e a outra da Guarda. De feito estudaron na mesma escola. Marta Portela e Arancha Brandón son amigas desde a infancia e comparten inquedanzas artísticas. En Muchachas xuntáronse para darlle forma a unha idea inspirada no Circo de los Muchachos de Benposta.

"Empecei este proxecto hai tempo, como proxecto de final de curso da escola de deseño téxtil Goymar de Vigo, e díxenlle a Arancha que tiña que facer unha colección cun toque reivindicativo, ela comentoume o do Circo de los Muchachos e empecei a investigar", relata Marta Portela. A partir dese momento fixo varias visitas ao lugar e coñeceu a fondo a historia de Benposta e do seu circo. E de xeito natural a colección foi indo cara aí e cara o mundo dos monicreques e produciuse en Portela unha reflexión sobre o papel da muller en ámbolos dous. "A colección pretende reivindicar a muller dentro dese mundo. As propias posturas das modelos nas fotos semellan monicreques que romperon as cordas coas que estaban presas", describe a de Goián.

As modelos Cris Puertas e Laura Villanueva, e ao fondo Marta Portela. © Arancha Brandón

A sesión fotográfica de Muchachas foi no propio lugar onde se atopaba o circo. "En Benposta produciuse por parte dos membros desa comunidade unha reivindicación moi forte dese espazo, e eu quería que tamén estivese presente en Muchachas esa reivindicación. Que Arancha e máis eu puidésemos facer a sesión de fotos alí veu redondear todo o proxecto", comenta Marta. 

Para Arancha Brandón foi unha oportunidade moi boa poder achegarse ás mesmas reflexións pero con outra linguaxe diferente. E sobre todo, poder utilizar elementos reais do antigo circo que aínda están alí: "Fomos xogando co uso das cordas, coas propias modelos tirando delas e nalgúns casos rompendo as ataduras. As propias cordas das fotografías son do circo, aínda seguen no sitio e teñen moita carga histórica". 

Outra fotografía da sesión. © Arancha Brandón

A sesión de Muchachas transcorreu no exterior, no interior e arredor da carpa do circo, que aínda segue en pé e pode ser visitada. Tanto Brandón como Portela non querían que se vise a decadencia do lugar, querían prestixialo e reivindicar a súa historia. "É un lugar fascinante cando o visitas, de feito sempre te recibe algún veciño que che conta a loita tan forte que houbo alí tantos anos", relata Arancha Brandón.

Muchachas estivo ata hai ben pouco en exposición na Galería Jazz de Vigo. Alí podíanse ver as fotografías de Arancha Brandón e todos os deseños da colección de Marta Portela, que estaban permanentemente colocados en manequíns. Nos próximos meses é moi posible que vexamos Muchachas noutras galerías do país, pero "aínda non se pode adiantar nada", segundo a súa creadora.

Cartel da exposición Muchachas. © Arancha Brandón

Desde a Guarda, novos proxectos

Marta Portela vive na Guarda e é compoñente do colectivo Fento, do que xa falamos aquí hai pouco. Agora mesmo está preparando a súa propia marca de roupa ecolóxica, que se chama Monoke e atópase en pleno proceso de produción e desenvolvemento. Mentres, ela deseña roupa para a empresa de seu pai, que coa súa marca Slanca, distribúe e vende roupa desde a Guarda para todo o norte de Portugal desde hai xa moitos anos.

No caso de Arancha Brandón atópase agora mesmo formándose en Barcelona pero non para de filmar, especialmente documental, que é unha das súas paixóns. A typical morning foi a primeira obra e xa estivo en varios festivais. Este ano compite no Festival de Cans na sección Furacáns coa peza Cando mamá pechou as caixas, que xa gañou o OUFF en Curto e que conseguiu o segundo premio no concurso Curtas Prima organizado polas Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga) do Carballiño. Tamén ven de dirixir a peza para o proxecto colaborativo de pintado do espigón norte de abrigo do porto da Guarda A Guarda escrita nas estrelas.

Máis de moda

  • Melania Freire: arte e moda a partir de panos, cadros e cobertores

    A deseñadora Melania Freire presenta o 24 de xaneiro na pasarela EGO da Madrid Fashion Week a súa colección "Merquei unha postal de David Hockney". Esta artista nacida en Lugo en 1991 conta para VINTE como fixo esta colección e tamén outros proxectos nos que investiga a tradición téxtil das casas galegas (roupa, cobertores e sobre todo panos da cabeza) para traelas á contemporaneidade a través do deseño, da fotografía e da intervención artística.  

    Moda
  • Chema Díaz. O deseñador do Grove viste as Spice Girls no seu retorno

    Deseñador de moda, DJ e emprendedor graduado en estudos ingleses, Chema Díaz (O Grove, 1990) leva un tempo revolucionando a escena queer e hardcore londinense. En xaneiro presentou a súa colección ‘Bandido’ e agora está no equipo creativo que fixo os estilismos para a xira de reencontro das Spice Girls, que comezou a semana pasada cun concerto en Dublín. 

    Moda

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.