O escritor e xornalista Camilo Franco comezou este ano un experimento novo, a app Piso Franco. Un espazo compartido no que busca darlle a volta á relación coas persoas lectoras e unha experiencia en constante cambio, pois vai mudando conforme publica uns textos ou outros. Vexamos en que consiste este libro de peto para levar no móbil.
O Piso Franco é un piso deseñado ao gusto do autor para ser compartido coas lectoras e lectores que pidan unha copia da chave. Un piso que cabe no teu móbil e ao que podes entrar a ler en calquera momento. Atopas textos breves –uns máis que outros– que van do literario ao xornalístico. Da realidade á ficción, ou precisamente mesturando un pouco de ambas. Cun ritmo de publicación continuo, é preciso subscribirse para poder lelo todo, aínda que –de cando en vez– aparece algún contido ′en aberto′. «É unha proposta na que é máis importante como evoluciona que como nace. É a publicación semana a semana a que marca o seu carácter e, como case toda a literatura, é unha carreira de fondo», di o autor.
«Esta é a app dun escritor», di Camilo Franco, quen recoñece que cada día distingue menos entre a faceta de escritor e a de xornalista. «En realidade, para o xornalista que eu era, pois era escritor porque escribía a diario. Creo que agora que o xornalismo xa non se define polo que os xornalistas contan, se non polo medio no que traballan, cada vez é máis difícil distinguir. E para min, polo que se vai ir publicando en Piso Franco, vai haber menos distinción. Na posta en práctica da idea final de todo isto ten que haber un momento no que non se distinga se está publicando o escritor ou o xornalista», debulla.
En realidade, este libro de peto dixital funciona desde finais de 2021, cando Franco se decidiu a aproveitar as pantallas que máis nos acompañan, as dos móbiles e as tabletas. «A experiencia está en marcha e vai cambiando conforme publico unhas cousas ou outras. A app cumpre como aparello de publicación e presta servizo ás cousas que eu pretendía. Nas vindeiras semanas van pasar moitas cousas novas que teñen que ver co literario. Haberá unha actualización da app para facilitar esa relación cos lectores e, por outra banda, haberá máis contidos específicos para Piso Franco e máis estreas, en parte porque esta é a finalidade real do proxecto», conta.
O escritor pretende atopar un modelo para que a xente que non queira participar en conversas como as que se dan todos os días en Twitter, entenda que pode facelo a través de Piso Franco, ou das súas redes.
«Á xente hai que propoñerlle unha maneira de relacionarse, e a miña maneira de facelo tampouco creo que sexa habitual. Pero a xente tamén ten que querer. O que non pretende Piso Franco é forzar unha conversa. Agora mesmo, as conversas están cheas de ruído –non só nas redes– e a miña proposta é a contraria: falemos sen necesidade de levantar a voz, simplemente falemos e vaiamos ao asunto. E hoxe, o que eu vexo na conversa é moito ruído e dispersión. Unha incrible falta de foco no álbum», argumenta Camilo Franco.
«As conversas están cheas de ruído e a miña proposta é a contraria: falemos sen necesidade de levantar a voz, simplemente falemos e vaiamos ao asunto»
Vai levar tempo porque a relación entre autor/lector está moi definida –aínda que hai exemplos de que non é inamovible– e semella que só pode funcionar como fonte/receptor. «Falta que o lector entenda que ten esa posibilidade de participar doutra maneira. Tamén é certo que a miña intención é darlle a volta á relación cos lectores, pero que eles poden non querer. Neste caso, a idea da app funciona igual», engade.
Con todo, este camiño non é novo só para as lectoras. No fondo, Camilo Franco estase a buscar como autor dentro da app. «Agora mesmo, debo ser o escritor galego máis fóra do sistema literario do país no caso de que exista (o país e o sistema). Non dependo das editoras, non dependo da crítica, non dependo dos medios, non dependo das redes, dependo do que escriba e da xente lectora que queira subscribirse», asegura.
«Non dependo das editoras, non dependo da crítica, non dependo dos medios, non dependo das redes, dependo do que escriba e da xente lectora que queira subscribirse»
«Os autores que publicaban en revistas literarias do século XIX ou do XX estaban influídos polo soporte no que traballaban. Ao final, alguén lles dicía ′cómproche un relato de 3.000 palabras′ e tiñan que axustarse a iso, ou non vendían o conto. Esa influencia –aínda que literariamente pareza ser irrelevante– á hora de escribir é moi relevante. Os condicionantes acaban por facer que o escritor chegue a un punto distinto. Se eu fora publicar un libro de relatos como calquera anterior tería uns condicionantes e agora teño outros distintos, que debo ir salvando dentro da miña intención de contar. O fulanito escritor que houbera en Palabras contadas (Xerais, 2006) é o mesmo tipo, pero ten outras solucións para as cousas», razoa Franco.
Como comentabamos, en Piso Franco hai textos literarios e textos máis xornalísticos, de análise do presente. Nótase que a barreira entre a ficción e a actualidade vaise esvaecendo, aí están por exemplo eses diarios dos últimos días de Feijóo en Galicia e a súa marcha a Madrid. Ou pezas para ler devagar como o relato titulado Frasco de nervios, que desde aquí recomendamos especialmente.
Tamén atopamos outros textos publicados hai tempo polo autor –como o artigo Nervios sen normalizar, inxerido na sección Fatiga ocular, que pese a ser de 2009 non caducou en absoluto–, críticas como a da última edición dos Premios Mestre Mateo –Que di o mundo, que din os rumorosos– e incluso podemos ler relatos dos que foi publicando ao longo dos anos en distintos soportes –como as narracións de Por conto alleo que ideou coas achegas das lectoras do desaparecido xornal Vieiros–.
«A maneira na que chegas ás cousas é importante». Por iso Piso Franco é unha app e non unha páxina web. «Para min, o feito de abrir unha app implica entrar nun sitio. Entre as cousas que tes no móbil, podes ter un espazo de lectura», sinala Camilo Franco, que prepara unha actualización da aplicación que traerá consigo máis contidos pensados especificamente para este soporte. «Haberá unha especie de novela por entregas», avanza, que gardará relación con eses diarios de Feijóo que vén publicando.