Viño e festivais. Unha alianza de éxito arredor da música

© Bodegas Martín Códax

Nos últimos anos lévanse organizado na nosa terra varios festivais que unen o mundo do viño e o da música. Eventos destinados a achegar a cultura vinícola a un público que, en principio, non era consumidor habitual. Cada vez hai máis propostas, máis público e oferta máis diversa: parece que a unión está a ser un éxito.

Estamos afeitos a que as marcas de cervexa ou de bebidas enerxéticas patrocinen os nosos festivais de música. Tamén as marcas de bebidas de alta gradación o fan. Pero o que non era tan habitual é o que está sucedendo agora, que bodegas ou denominacións de orixe de viño patrocinen ou directamente organicen festivais, ciclos de concertos ou eventos musicais. A continuación repasamos algúns dos que temos por diante este verán:

Os xoves de Códax

As Bodegas Martín Códax xa teñen demostrado moitas veces o seu compromiso coa cultura galega patrocinando e organizando eventos, tanto na propia bodega como fóra dela. No verán fan desde hai 8 anos Os xoves de Códax, un ciclo de concertos durante os meses de xullo e agosto na terraza das súas instalacións en Cambados. Este ano tocarán Zenet e Najla Shami, Abe Rábade e Salvador Sobral, e Kiko Veneno e Baiuca, entre outros. Podedes consultar toda a programación aquí, e bulide porque as entradas voan.

© Bodegas Martín Códax

Festival do Viño da Ribeira Sacra

En Monforte de Lemos temos o Festival do Viño da Ribeira Sacra, que xa vai pola terceira edición. Un festival máis humilde pero moi interesante no que haberá rutas turísticas, obradoiros para os cativos, contacontos e concertos de Habelas Hainas e The Teta´s Van. Toda a información está no seu Facebook.

© Festival do Viño da Ribeira Sacra

Festival Ribeiro Son de Viño

Vai xa pola sexta edición e é un dos festivais plenamente consolidados na nosa terra. Sempre cun cartel atractivo, con propostas interesantes e a celebrar nun lugar tan bonito como o Náutico de San Vicente do Mar. Este ano inclúe no cartel a Lois, do que non nos cansaremos de recomendar o vídeo que lle fixemos na súa aldea, Oh! Ayatollah e Kokoshca, entre outros. 

© Ribeiro Son de Viño

A boa acollida do Ribeiro Son de Viño en San Vicente do Mar propicia que este ano haxa dúas edicións máis noutros dous lugares. Unha será en Nigrán, o 28 de xullo, no Pazo de Cea. E nela actuarán Broken Peach, Nadie es perfecto, Bafana Bafana, Blue Monk e El síndrome de Penny Lane, ademais de dj´s.

© Ribeiro Son de Viño

E o outro lugar ao que chegará o Ribeiro Son de Viño é á Fundación Luís Seoane na Coruña. Será o 24 de agosto e contará cun cartel bastante atractivo. Por un lado terá a Cupido, nunha das poucas datas que farán en Galicia neste verán; Ortiga seguirá co seu periplo de festivais nos que sempre arrasa; e Natalia Ferviu que estará pinchando. Pero ademais tocarán o coruñés Pardo, Auto Sacramental, Grobas dj set e Adriana Proenza, unha artista moi nova asturiana que apunta moi alto. Toda a información dos tres eventos de Ribeiro Son de Viño está na súa web e no seu Facebook.

© Ribeiro Son de Viño

Festival 17º Ribeira Sacra

O Festival 17º Ribeira Sacra celébrase en múltiples escenarios espallados por toda a Ribeira Sacra. Conta cun impresionante cartel e desenvolverase na fin de semana do 18 ao 21 de xullo. Concertos en Monforte, Chantada, en bodegas como Regina Viarium e Abadía da Cova, e ata nun catamarán. Na programación están Los Enemigos, Soledad Velez, Papaya, Jonathan Wilson ou Marem Ladson, entre outros.

© Festival 17º Ribeira Sacra

E veña festivais

  • Vinte imaxes do Son do Camiño

    Nun festival tan grande e variado como o Son do Camiño xúntase moita xente. Cada unha coa súa historia e coas súas circunstancias, e por suposto, cos seus gustos. Uns ían por David Guetta e outros por Iggy Pop, pero todos tiñan en común algo: as ganas de disfrutar. Fixemos esta galería co público e traballadores do festival. Dalgunha persoa sabemos o nome e as circunstancias. E doutras non, desculpádenos. Con todo aquí vai esta colección de imaxes do festival, 20 de VINTE, feitas por de Tamara de la Fuente.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.