Festivais. Esmorga, Melona e Fa Ce La, tres imprescindibles desta primavera

Achégase a primavera e con ela empezan os festivais. Hoxe ímosche recomendar tres que polo seu carácter, polo seu cartel e polo que simbolizan son para non perder por nada do mundo. 

Disque os festivais son para o verán, e máis por aquí, onde no inverno non acompaña o tempo moitas veces. O normal é que de setembro a maio sexa o tempo das salas nas grandes cidades e nos meses de verán sexa o tempo dos festivais. Pero non sempre é así, hai xente que segue arriscando e organizando propostas moi interesantes fóra dos circuítos habituais e no medio da temporada invernal. E o mellor é que, despois duns anos, estanse a converter en referentes. Aquí van tres que che recomendamos.

Esmorga Fest (15 e 16 de marzo) en Sarria

Un festival independente no medio de Lugo no inverno. A priori a cousa parece complicada, pero se ese lugar é Sarria a cousa xa cambia. Sarria é terra de músicos e de bandas: Disco Las Palmeras, Voltem ou mesmo Igloo son probablemente as bandas máis coñecidas vencelladas a Sarria. Ademais contan con Sonacustic, unha das mellores empresas de sonorización en directo do país. Como punta do iceberg de todo isto funciona o Esmorga Fest, que este ano cumpre a súa quinta edición. Por el xa pasaron Triángulo de Amor Bizarro, Belako, Los Bengala, Nueva Vulcano ou Mujeres, ademais dos propios Disco Las Palmeras. Pero o cartel deste ano é o mellor desde que empezaron. Contan con dúas das bandas revelación do panorama estatal (Carolina Durante e Toundra), cunha das bandas con máis historia do rock e pop granadino como Lagartija Nick, e con propostas tan interesantes como as de Za!, Sierra ou os zamoranos El lado oscuro de la broca (nunca unha banda tan boa, e con tan bo directo estivo tan lastrada por un mal nome). Dous días de festival por 25 euros. Aquí as entradas.

© Esmorga Fest

Melona Fest #4 ( do 3 ao 6 de abril) en Santiago de Compostela

O colectivo La Melona leva desde 2015 revitalizando o underground do underground en Santiago de Compostela. Concertos, eventos ou sesións de DJs sempre co seu selo persoal e coa vista posta en bandas que non acostuman vir por aquí. O Melona Fest será outra vez un festival diferente e apostando por proxectos moi novos e moi prometedores. Este ano haberá ata 7 escenarios distintos repartidos por toda a cidade e do cartel destacamos 4 propostas. Por un lado Soledad Vélez, a chilena afincada en Valencia sería a cabeza de cartel, por nome e por traxectoria, xa que ten catro discos no mercado e leva actuado en festivais tan importantes como BBK, FIB ou Pimavera Sound. Dentro do afán do festival por chegar a outras disciplinas temos á peruana Rocío Quillahuaman, artista audiovisual moi interesante polos seus vídeos animados. Pony Bravo será un dos grupos con máis expectación, despois dunha longa tempada sen sacar disco volven con "Gurú", e como sempre, será unha experiencia disfrutar do seu inclasificable directo. E por último Blanco Palamera, o dúo compostelán afincado en Madrid que contan con só 21 anos cada un e que acaban de sacar “Promesas”, o seu debut de pop con aires trip-hop que apunta a ser unha das revelacións do ano. As entradas véndense aquí. E ollo que aínda faltan confirmacións. Para entender mellor a natureza do festival podemos ver este vídeo da edición do ano pasado. 

Fa Ce La Fest (17 e 18 de maio) en Lugo

O Fa Ce La Fest chega con boa saúde á súa cuarta edición ao facer nunha cidade como Lugo un evento de primeiro nivel apostando por bandas de pop independente (se aínda existe o concepto). O ano pasado conseguiron dous triunfos importantes ao traer a Carolina Durante antes de que estivesen na boca de todos, e, sobre todo, coa actuación de Richard Lloyd de Television, que interpretou xunto a Ramirez Exposure, “Marquee Moon” e algún tema máis da banda de Nova York. Este ano todo apunta a que poden volver facelo. Ademais de Cooper e Nacho Vegas, que son dous nomes moi coñecidos e cunha carreira moi ampla (especialmente o primeiro) e con tirón de público, no cartel destacan algunhas bandas máis pequenas, pero moi interesantes. Por un lado Michel Cloup Duo, o que fora líder de Diabologum e de Experience, e sen dúbida, un dos referentes do rock europeo de vangarda, recalará en Lugo con este proxecto e poderiamos estar ante un dos directos do ano en Galicia. No Fa Ce La tamén estarán Cariño, no inicio dunha temporada de festivais para elas, que podería ser a da súa revelación definitiva como banda. E por último Anari, unha das razóns para ir ao festival desde calquera punto do territorio galego xa que a cantautora vasca é difícil de ver ao vivo fóra de Euskadi. As entradas pódense mercar aquí.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.