Resurrection Fest. Media ducia de bandas galegas que van tocar no festival de Viveiro

Chega o Resurrection Fest e canda el unha morea de actuacións co mellor da escena metal e hardcore. Haberá cabezas de cartel internacionais e tamén unha boa representación galega, e nós recomendámosche media ducia de grupos de aquí que poden sorprender nesta edición.

Slipknot, Slayer, Millencollin ou The Adicts son algúns dos grupos máis importantes do Resurrection Fest deste ano, os que todos os asistentes coñecen, pero a maiores haberá un feixe de bandas portuguesas, moitas españolas e ata 10 propostas galegas. Entre as galegas, unha banda de Viveiro, Back in town, que fará un tributo ao festival tocando temas que foron importantes na historia do evento. A maiores aquí recomendámosche media ducia de concertos de grupos do país que poden facer shows importantes no Resu deste ano.

 

Cró!

Cró! son inclasificables e un exemplo diso é que teñen tocado en festivais tan diferentes como o Arteficial de Ribadavia, o Wos INC de Santiago ou o Osa do Mar de Burela. Agora van ao Resurrection e de seguro que moitos estranxeiros van quedar fascinados coa mestura, improvisación e visuais do seu directo. Están preparando novo disco, así que igual caen temas novos.

MØURΔ 

MØURΔ, banda formada por músicos experimentados da escena roqueira coruñesa, estará en Viveiro nun momento parecido a Cró!, a punto de sacar disco. Por iso supoñemos que tocarán temas novos, sempre nese estilo seu que, cantando en galego, mestura rock progresivo, psicodelia e folk a partes iguais.  E todo coa fama que teñen de excelente directo. 

Lóstregos

Desde a Coruña pagan black metal en galego, esta é a presentación de Lóstregos. Terán a difícil tarefa de abrir o festival o xoves 4 ás 14:30 horas, un horario complicado para transmitir todo o seu imaxinario baseado na nosa tradición e nas nosas lendas, pero todo un escaparate para un público (moito del de fóra) que aprecia moito as propostas como a súa. Esperemos que leven para vender as novas camisetas que amosaron no seu Facebook coa imaxe d 'O Fauno de Castelao, das máis orixinais que se venderán no Resurrection este ano.

Archivo Adxunto

Archivo Adxunto son unha banda bastante nova de Muros, fan punk en castelán (con algunhas cancións en galego) e van tocar na festa de presentación do Resurrection Fest nun horario bastante bo, ás 18:30 horas. Estarán presentando o seu disco Libertad de opresión, e para celebrar a chamada do Resu deixaron no seu Instagram un pequeno vídeo no local de ensaio tocando unha versión de "Txus" de La Polla Records.

Morgen

Morgen son unha banda coruñesa de hardcore melódico, moi ao estilo californiano dos anos 90. Cantan en inglés e teñen un LP, Restart. Estarán tocando no Resurrection o sábado ás 16:10 da tarde. Os fans de Pennywise ou Bad Religion seguro que quedan encantados co seu directo.

Talesien

Talesien naceron a partir doutra histórica banda, Kraken, e actualmente son un dos grupos máis relevantes do heavymetal de Galicia. Levan xa moitos anos de concertos, e varios discos, e coa súa actuación no Resurrection faise un acto de xustiza, ao levar ao seu palco Ritual (o mesmo no que tocarán Cradle of Filth ou Berri Txarrak) unha banda con tanta traxectoria e tan respectada na escena metálica.

Máis festivais

  • Vinte imaxes do Son do Camiño

    Nun festival tan grande e variado como o Son do Camiño xúntase moita xente. Cada unha coa súa historia e coas súas circunstancias, e por suposto, cos seus gustos. Uns ían por David Guetta e outros por Iggy Pop, pero todos tiñan en común algo: as ganas de disfrutar. Fixemos esta galería co público e traballadores do festival. Dalgunha persoa sabemos o nome e as circunstancias. E doutras non, desculpádenos. Con todo aquí vai esta colección de imaxes do festival, 20 de VINTE, feitas por de Tamara de la Fuente.

    Música
  • Mileth. A banda que fai metal con pandeiros e zanfonas

    Mileth cantan en galego e fan pagan folk metal. Acaban de sacar o seu primeiro LP, que se distribúe en todo o mundo cun selo ruso. Titúlase 'Catro pregarias no albor da lúa morta' e preséntano este venres 29 na SalaSon de Cangas. En VINTE falamos con Christian e Xacobe, baixista e guitarrista da banda, para saber máis deles.

    Música

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.