Un tesouro cerca de ti. Ouro de reis para os ollos de Deus

Durante uns 500 anos, monarquías católicas de toda Europa financiaron a Basílica do Santo Sepulcro de Xerusalén. Pero tamén manifestaban a súa devoción e o seu poderío mediante suntuosas doazóns artísticas a este templo, de profunda significación relixiosa e espiritual, mais tamén punto esencial para proxectar naquel tempo o poder de reis e príncipes. Todas aquelas doazóns compoñen un conxunto tan extraordinario como pouco coñecido. Agora témolo preto, aínda que por tempo limitado

 

É o tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén. Dende a chegada da Orde Franciscana a a Palestina foi custodiado polos frades durante máis de 800 anos e só puido ser visto polo gran público en ocasións contadas. Aínda menos fóra de Terra Santa. Pero este verán, ata o 4 de agosto, pódese contemplar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura (Santiago).

Dous nenos contemplan unha das pezas da mostra Tesouros Reis © VINTE / Cedida

A exposición internacional Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum ten como eixo central unha significativa parte dese tesouro artístico. Ata Galicia viaxaron pezas de incalculable valor. Por exemplo: a estrela de prata que sinala o lugar do nacemento de Xesús, doada pola raíña María Amalia de Saxonia no século XVIII. Ou roupaxes litúrxicos tecidos con fío de ouro e perlas de seda enviadas por Fernando VI e Bárbara de Bragança. Ou o tesouro do rei de Nápoles e mesmo o báculo de Luís XIV, o Rei Sol.

Cálices, ourivería, códices ou diversos ornamentos procedentes de Xerusalén compleméntanse na estadía da exposición en Compostela con pezas senlleiras de museos galegos. O Museo da Terra Santa do compostelán convento de San Francisco ou o Museo das Peregrinacións colaboran nunha mostra que tamén conta con achegas do Museo Calouste Gulbenkian, de Lisboa.

Estas colaboracións fan posible achegarse tamén a obxectos que amosan a vida cotiá nos tempos de Xesucristo. É o caso dunha lucerna de arxila datada entre o ano 37 antes de Cristo e o 35 despois de Cristo, pertencente ao convento compostelán. Tamén saen á luz obras habitualmente pechadas tras os muros da clausura, como un retrato de San Francisco custodiado na Igrexa conventual da orde das Madres Capuchinas de Oleiros.

O ouro abonda nas pezas expostas na mostra Tesouros Reais © VINTE / Cedida

Entre as pezas significativas da exposición destaca tamén unha maqueta da Basílica do Santo Sepulcro realizada por frei Bartolomé de las Heras, xefe dos talleres de carpintaría do convento de San Salvador de Xerusalén. Ou un manuscrito cos acordos entre Francia e o Imperio Otomán no século XVII.

Así que pase polo Gaiás está previsto que este conxunto artístico, exposto no Palacio de Versalles (2013) e polo devandito museo lisboeta o pasado ano, teña aínda outros dous destinos internacionais. Un será en Europa e outro, nos Estados Unidos, pero aínda se descoñece onde exactamente. A continuación regresarán a Xerusalén para ser o núcleo da colección histórica do novo Terra Sancta Museum. Isto converte a mostra galega nunha oportunidade aínda máis única.

Ao longo da exposición pódense contemplas un total de 108 pezas distribuídas en tres seccións e varias subseccións nun percorrido que principia abordando o peso simbólico da cidade de Xerusalén e a fundación da Basílica do Santo Sepulcro na época do emperador Constantino e continúa percorrendo as doazóns das grandes casas reais europeas á Terra Santa. 

Detalle dun cáliz exposto na mostra Tesouros Reais © VINTE / Cedida
https://api.praza.gal/storage/uploads/deseno-sen-nome-a57027d.png

Tamén che interesa

  • Catara Rego. A artista que procura as pegadas

    Con tres anos preguntáronlle que quería ser de maior e Catara Rego contestou sen dubidalo: «Pintora». Con 27 anos comeza a despuntar polo seu traballo como fotógrafa cunha firme vontade de mostrar o que lle preocupa. «Os meus intereses son as pegadas. A relación entre paisaxe, identidade e territorio», salienta.

    Artes
  • Lara Lars: «Parézome moito ás miñas ilustracións»

    Lara Lars (Salceda de Caselas, 1986) colecciona fotos, recortes de revistas e flyers desde sempre. É arquitecta pero decidiu arriscar e centrarse nas súas creacións artísticas aínda que non tiña contactos no mundo da arte nin un apelido pomposo co que moverse en Madrid. Co seu ‘apelido inventado’ e as súas inquietudes estéticas e de reivindicación da muller logrou crear un estilo propio e recoñecible a través dos seus collages.

    Artes
  • Lúa Gándara. Facerse visible no espazo público

    A artista Lúa Gándara leva todo setembro habitando as Torres Hejduk da Cidade da Cultura nun proxecto que busca compartir as súas obras coas persoas visitantes e converter este espazo do Gaiás nun taller aberto a través do que achegar a arte contemporánea a todo o mundo

    Artes

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.