Lara Lars (Salceda de Caselas, 1986) colecciona fotos, recortes de revistas e flyers desde sempre. É arquitecta pero decidiu arriscar e centrarse nas súas creacións artísticas aínda que non tiña contactos no mundo da arte nin un apelido pomposo co que moverse en Madrid. Co seu ‘apelido inventado’ e as súas inquietudes estéticas e de reivindicación da muller logrou crear un estilo propio e recoñecible a través dos seus collages.
«Teño un estilo moi persoal porque tamén son moi así. Parézome moito ás miñas ilustracións, teño ese punto doce pero con moita personalidade, eses contrastes son tal cal, como se ve nas miñas obras. Veño de onde veño, desa zona industrial que relaciono coa ciencia ficción e das canteiras que me recordan ás construcións brutalistas, ou desas cores que tamén son cañeiras. O meu sentido do humor tamén se ve nas ilustracións. E todo iso é o que mola, que cando ves o traballo de alguén e che gusta podes ver parte da súa personalidade –ou partes da súa persoa– nas obras», conta Lara Lars.
O primeiro que a atrapou foi o gusto pola estética desas revistas ou postais vellas. «Eu simplemente coleccionaba imaxes», lembra, ao que sumou a curiosidade pola evolución das cidades e dos edificios que se perden polo camiño. «Cando xa tiña moitas cousas acumuladas pensei en dar un paso máis, gustábame moito esteticamente pero non me gustaba o que transmitían da muller. Pensei en transformar esas imaxes para que as seguintes persoas que veñan atopen outra cousa, mulleres con personalidade e inquietudes, como eu mesma me sentía. Pode parecer unha parvada pero é moi importante ter referentes e eu identificábame máis con como se presentaba aos homes que ás mulleres. Eu represento mulleres pero non só para mulleres, tamén é importante que os homes nos vexan nunha posición protagonista», debulla.
«Na radio [no programa ‘A media mañana’ de RNE] ás veces rescato biografías de mulleres que foron importantes polo seu traballo ou polo que fixeron e entendes moitas que suceden aínda hoxe, e tamén moitas cousas de ti mesma e do que che pasa. Na actualidade, para min, como muller autosuficiente que teño claro o que quero, aínda é difícil relacionarme con homes e que entendan que estou nunha situación de igualdade con eles. Nin o home máis feminista do mundo está en igualdade contigo, sinceramente. Estamos aprendendo constantemente, pero é difícil», engade Lara Lars, que percibe estas actitudes máis na súa vida cotiá que no eido artístico, porén, ten claro que traballar cunha axencia de representación a ten axudado a facerse valer e a pór límites.
Nos últimos meses ten logrado traballos cos que nunca soñara, como deseñar o cartel do Día do Orgullo: «Aquí o que destaco é que se valore esa defensa das persoas trans que eu fago. Porque creo que mo encargaron principalmente pola inclusión das persoas transexuais, que eu defendo moito e me trae moita críticas. Agradezo que outra xente o valore». Encargouse da imaxe dun acontecemento moi destacado nos veráns madrileños, a programación dos Veranos de la Villa: «Foi unha pasada ver todo Madrid inundado das miñas ilustracións». E está a traballar con diferentes editoriais no deseño das capas dos seus libros: «Que Seix Barral reedite ao escritor Manuel Puig e pense en ti para que fagas toda a imaxe é incrible, e agora estou iniciando unha nova colección para Anagrama». Tamén está a colaborar nunha iniciativa do Museo Thyssen arredor da mostra do artista Alex Katz, coa Fundación Mapfre ou con La Caixa.
«Como se chega a todo isto sen ter contactos? No meu caso é só polo meu traballo. E mola moitísimo. Hai dez anos todo isto era inimaxinable para min, foi unha aposta arriscada cando decidín dedicarme só a isto porque naquel momento non coñecía a ningún artista dedicado ao collage que vivise só disto. Para min foi unha intuición e, ao final, nin tan mal...», celebra Lara, que ademais considera que a clave foi seguir un estilo diferente á liña do collage que se facía naquel momento en España: «Era algo máis poético e con fondos máis limpos, pero o meu chamou a atención porque había máis cores e parecía máis estranxeiro. Tamén estabamos nos inicios de Instagram –que non era como agora que é horrible– e era todo máis orgánico e máis similar ao meu modo de ir facendo pouco a pouco».
A súa inspiración segue chegando das múltiples enciclopedias, revistas e postais que segue a recompilar, o único que mudou é que agora escanea os recortes para poder facer cambios e intervir ese material de maneira dixital. «Aprendín a base de ir traballando, fixen o camiño á inversa. O meu estilo estaba moi definido pero foise ampliando cos traballos que fun conseguindo. Sempre intento entender moi ben o que me están pedindo e traducilo: é como falar un idioma, como se me piden algo e teño que pensar en como o diría en galego; pois aquí me piden un concepto e penso en como o diría no meu idioma. O que fago é iso, intentar traducilo ao meu universo», explica.
Neste punto, considera que os verdadeiros mecenas dos artistas que non teñen pais artistas son as marcas, pois os traballos en publicidade son os mellor pagados, eses que pagan o alugueiro para poder seguir facendo tamén o resto. Nos seus inicios foron as láminas accesibles a todo o mundo –«Quería facer láminas numeradas para que a xente coma min puidera ter unha peza de arte e penso que coas láminas e os prints a arte meteuse nas casas da xente moito máis que antes», apunta– as que a axudaron a autofinanciarse e aínda mantén a venda desde a súa web.
Vén de expoñer na Galería Maraca de Vigo unhas obras moi novidosas dentro do seu estilo e que beben moito daqueles traxectos en coche entre Salceda e Vigo que marcaron o seu imaxinario infantil. A mostra titulouse Meteorito e algunhas pezas están agora dispoñibles na súa páxina web. «Este ano o que máis nos está a afectar é a guerra na Ucraína e os efectos do cambio climático e, ao final, parece que non estamos sendo conscientes de que temos que mudar a nosa forma de vida. Estamos como de festa, sen pensar no que vai pasar mañá. Creo que é necesario que todos cambiemos a nosa forma de estar no mundo porque non o estamos formulando ben. Estamos vivindo como os dinosauros antes do meteorito, se non cambiamos nada non nos damos conta de que estamos destruíndo o mundo no que vivimos», razoa. Cun Vigo distópico achegouse de novo a expoñer na casa mentres segue preparando o que será o seu primeiro libro de artista.