Lúa Gándara. Facerse visible no espazo público

A artista Lúa Gándara leva todo setembro habitando as Torres Hejduk da Cidade da Cultura nun proxecto que busca compartir as súas obras coas persoas visitantes e converter este espazo do Gaiás nun taller aberto a través do que achegar a arte contemporánea a todo o mundo

 

«Xa era hora. Non pode ser que Galicia estea chea de artistas e que non esteamos ocupando os lugares públicos de maneira visible. Estar aquí e poder falar do meu traballo e do de moita outra xente que coñezo paréceme fantástico. Estou agradecida, pero tamén teño a sensación de que tiña que ter vido antes. Ademais, ao estar aquí, a xente non cuestiona o meu traballo; antes, noutros espazos máis underground, non o valoraban da mesma maneira. Estando aquí si que pensan que son unha artista contemporánea».

A artista Lúa Gándara (O Porriño, 1988) trasladouse do seu taller en Poio ata a Cidade da Cultura e leva todo setembro metida nas Torres Hejduk. Co proxecto A porta aberta gañou a IX Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocada o ano pasado no marco do XI Encontro de Artistas Novos do Gaiás #EAN11. Estas construcciones singulares foron deseñadas polo arquitecto John Hejduk como torres botánicas para o parque de Belvís, pero non se materializaron ata que o artífice do proxecto da Cidade da Cultura, Peter Eisenman, as recuperou. Xa teñen acollido multitude de exposicións e performances, pero nunca antes foran habitadas.

Debuxo número 092 creado por Lúa Gándara nas Torres Hejduk © Lúa Gándara

«Preguntan: Isto é un bar? É un sitio para que pinten os nenos? E teño que explicar que é o meu taller», conta Lúa Gándara, que está a producir a un ritmo inusitado. Agasalla cun debuxo ás persoas que se achegan coa intención de trazar nun mapa ata onde chegan as súas creacións. Non contaba con repartir máis de 400 e, a falta duns días para rematar esta experiencia, leva 567. «Todos os debuxos son diferentes e únicos, pero é como se todos formasen parte da mesma peza. Todos son escaneados e numerados, e despois metidos nun sobre. Por iso, cando chega unha persoa escolle entre varios sobres sen saber cal é o seu debuxo. Logo, estas obras teñen que atopar o seu fogar en calquera lugar do mundo. A xente ten que enviarme desde as súas casas o número de debuxo, unha foto no seu contexto e o lugar no que está para eu poder localizalos nun mapa. Xa cheguei aos cinco continentes», explica.

«Estas obras teñen que atopar o seu fogar en calquera lugar do mundo»

«A convocatoria tiña que ver co Xacobeo, e como os valores do Xacobeo son a hospitalidade e a xenerosidade, quixen probar a facer eu iso mesmo un mes coa miña obra. Está sendo unha experiencia moi especial e a xente ponse moi contenta cando lles entrego os debuxos. Quedan encantados, aínda me dicía o outro día unha muller: 'Ai, nun mundo no que ninguén regala nada'. Sorpréndense moito», celebra a artista. Cando remate setembro, o seu taller vai quedar exposto nas torres e haberá un vídeo para ver todas as obras que se fixeron neste mes de traballo. Será ata o 8 de xaneiro de 2023.

Hai dúas mesas no centro da torre de cristal colocadas unha fronte á outra. Alí, Lúa Gándara vai pintando fondos e engadindo elementos conforme ten un anaco de tempo para pintar, entre visita e visita. Nos momentos nos que ninguén pasa por alí, pon a música a tope e adianta traballo. De lonxe é difícil albiscar que está alí dentro, pero desde dentro a sensación é case como de estar exposta nun escaparate. Como é habitar as Torres Hejduk? «Pois é algo moi intenso e moi raro, a verdade. É un espazo moi diferente a calquera lugar. Estás entre o futuro e o pasado, e parece que non hai xente, pero si que a hai. É moi misterioso».

«Estás entre o futuro e o pasado»

Para Lúa Gándara o máis interesante do proxecto está a ser o contacto directo co público. Gústalle contar as súas obras, que non explicalas, pois di que non sempre existe unha explicación, mais si que pode debullar o proceso que a levou a iso en concreto. Ou tamén pode inventar historias (que poden ser máis reais do que parece) como fixo nuns breves clips de vídeo arredor a partir dos cadros que expuxo na galería Metro de Compostela na mostra individual Festa no xardín con caracois. «Cando a xente me pregunta que significan as miñas obras dígolles que non teñen por que significar nada, que é como o viño: eu non sei nada de viños, pero se me dan un bo ben que me gusta. E así xa o entenden», destaca.

Debuxos de Lúa Gándara aínda en proceso © Ana G. Liste

Composición, equilibrio, ritmo, cor. As obras de Lúa Gándara semellan ser case espontáneas, mais agochan un proceso demorado e unha reflexión sobre a enerxía das cores que emprega. «Vou relacionando manchas unhas con outras ata que constrúo unha composición que me interesa. Todo é proceso, como os expresionistas ou Pollock. Hai trazo, hai equilibrios; non me vale calquera cousa, son súper maniática. Quero que pareza fresco e rápido pero non o é. Hai unha busca formal, pero moi ligada á experiencia de estar facendo. Non é que pinte ao chou, de feito, teño dito que ′cando quero dicir algo falo, cando pinto é outra cousa′. Eu pinto, e logo vexo o cadro e póñolle un título. Porque me lembra a iso ou porque cando o pintei estaba así. É súper aleatorio», debulla.

«Quero que pareza fresco e rápido pero non o é»

Na súa «vida normal» traballa desde Poio e ten dous cans, unha ovella e un gato. Ás veces convida a xente ao taller, pero nunca traballara con tantas persoas diferentes mirando. «Necesítase unha vida tranquila para poder traballar porque isto é moi introspectivo e require de moita reflexión. Aínda que pareza que é unha pintura moi extravertida, require anos de traballo», describe a porriñesa. Considera que chegou a poder vivir do seu traballo «por insistencia e por alegría». Unha actitude coa que afronta as cuestións máis difíciles. «Se non tes ti un cariño contigo mesma, non o aturas», aclara a artista.

Lúa Gándara en pleno proceso creativo no seu taller efémero na Cidade da Cultura © Ana G. Liste

Nestes anos descubriu que lle gusta dar clases de pintura, sobre todo a nenos. Os de tres a cinco anos son os seus preferidos, pois neles ve unha liberdade para crear que despois se vai perdendo. Dá clases en Pontevedra e imparte talleres para nenos, o máis recente tivo lugar no Museo de Pontevedra. A comezos do ano que vén participará nunha mostra colectiva na galería Modus Operandi de Madrid e traballa en máis proxectos dos que aínda non pode adiantar nada. De momento, quere regresar á soidade do seu taller para procesar todo o vivido neste «entrenamento intensivo de pintura» que está a piques de rematar.

 

[A fotografía da portada é de Manuel G. Vicente para a Cidade da Cultura]

Ana G. Liste

Ana G. Liste

Xornalista viguesa do 90. Traballei en medios como Faro de Vigo, El País e Europa Press. Formo parte da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e son unha máis en Xornalistas Galegas. Agora estou entre Praza.gal e VINTE.

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.