Coordinación, precisión e unha estética moi coidada son algunhas das características que definen a Elahood, unha compañía coruñesa de danza urbana e creación contemporánea que leva o movemento a outro nivel.
«Teño algo importante que dicir pero aínda non sei o que é». Este é punto de partida de Nó, a última creación da compañía de danza Elahood, unha proposta de danzas urbanas que combinan coa creación contemporánea para invitarnos á reflexión sobre o significado do que é importante. Unha linguaxe visual limpa, unha estética moi coidada e unha danza precisa e extremadamente coordinada móstanse neste espectáculo da mesma maneira que o veñen facendo en cada unha das súas creacións desde o nacemento da compañía no ano 2017.
Tras varios anos en Londres, Sabela Domínguez (Oleiros, 1993) e Julia Laport (Oleiros, 1993) voltaron á Coruña en 2017 para crear Elahood, unha compañía que aposta por visibilizar as danzas urbanas como un medio de expresión lexítimo dentro da danza profesional. Como explican Julia e Sabela, «durante estes anos formámonos en distintas danzas urbanas coma hip hop, popping ou waacking e traballamos en varias compañías de Londres». Con referentes no hip-hop theatre e na danza urbana e contemporánea española e francesa, Elahood poñen toda esta vagaxe ao servizo de cada unha das súas creacións, caracterizadas por unha visión artística clara e directa, cunha linguaxe visual e musical propia e cunha perspectiva de xénero e queer que forma parte intrínseca da súa identidade.
Cada unha das súas creacións ten o seu propio proceso de traballo. Aínda que ata o de agora sempre traballaron soas, Elahood sinala que «nas nosas últimas creacións, coma Intempestiva e Nó, estamos traballando coa dramaturga Gena Baamonde, que nos dá esa ollada externa que necesitamos». A elección do tema é só unha pequena parte do proceso, xa que dedican moitas horas a investiar en profundidade, buscando inspiración no traballo doutras compañeiras. De feito, como comentan Julia e Sabela, «ao contrario do que ocorre noutros casos, no proceso de creación nós vemos moita danza». Todo isto combínase con «horas e horas no estudo pensando e traballando no corpo», que dan como resultado obras moi visuais nas que a coordinación xoga un papel clave.
«No proceso de creación vemos moita danza»
Desde A Coruña compaxinan a creación de espectáculos propios coa formación en distintas modalidades das danzas urbanas, tanto presenciais dentro da comarca como en liña, onde participan bailaríns de diferentes países.
D’ELAS: un colectivo para profesionalizar a danza urbana
Ademais de Elahood, Sabela e Julia tamén son coreógrafas e directoras do Colectivo D’ELAS, que nace co obxectivo de profesionalizar a danza urbana. Ademais, tal e como comentan, «tiñamos ganas de deixar de crear só para nós mesmas e tamén poder dirixir desde fóra».
«Tiñamos ganas de deixar de crear só para nós mesmas e tamén de poder dirixir desde fóra»
D’ELAS está integrado por Myriam González, Eloi García, Nerea Balado, Noelia Mato, Andrea Castro, Iria Casal e Martín Sanjurjo. A maioría deles son ex alumnos de Julia e Sabela nos que viron potencial e decidiron crear o colectivo. Sabela e Julia encárganse da dirección, mentres que o resto do traballo, coma a produción e distribución dos espectáculos, é colectivo. «Para nós é unha maneira de formarse en como producir e distribuír un espectáculo con coñecementos aos que non se ten moito acceso e que nós fumos aprendendo a base de proba e erro», explica Elahood.
Moverse como único futuro posible
Pero vivir da danza en Galiza non é sinxelo. «O noso principal problema é que non se ten en conta á danza nas políticas culturais», din Julia e Sabela. Engade que os principais obstáculos son «a falta de recursos e a falta de educación na arte contemporánea en xeral e na danza contemporánea en particular». De feito, «hai moitísima danza de calidade, pero non hai apoio institucional tanto a nivel estatal coma autonómico», comenta.
«O noso principal problema é que non se ten en conta á danza nas políticas culturais»
Neste contexto xurdiu a Plataforma Artes do Movemento, que agrupa a profesionais do sector para reivindicar que haxa máis apoio institucional para as artes vivas galegas. En palabras de Elahood, «vivir da danza en Galiza é extremadamente complicado», sobre todo se non se compaxina con outras actividades como dar clases. «Aínda que toda a programación de danza que se fai en Galiza a fixese unha única compañía non podería vivir diso, así que imaxina se nos repartimos entre todos», explica. Esta situación fai que o seu futuro pase por seguir facendo forza en Galiza, pero como sinalan Julia e Sabela, isto «non é posible sen moverse fóra porque é o único futuro posible e viable para vivir da danza».