A danza filmada. Un video-ensaio de Lucía Estévez
Estreamos este videoensaio de Lucía Estévez (Vigo, 1994), que acompañamos destas palabras da autora:
Primeiro bailar. Despois o cine.
Estou cansa de intelectualizar absolutamente todo. Querería ter a autodisciplina que ten unha bailarina pero me conformo con observar dende a cámara e aprender.
Despois de investigar e estudar tamén grazas a este videoensaio, 'A danza filmada', chego á conclusión de que non quero falar de danza sen falar do bailarín. Pensar na danza en Galicia é pensar en todas as persoas que de maneira individual, directa ou indirectamente, teñen que ver con ela. É unha mágoa non coidar a tradición e a evolución da mesma para así resaltar a importancia que ten a danza aquí a nivel social.
Durante estes últimos anos traballei no formato da videodanza e no retrato do corpo sen diálogo. Este ano teño varias rodaxes nas que explorarei a danza dende a cámara pero non dende un punto de vista estilístico senon dende o que explora o monólogo interior da personaxe. Interésame a danza que mancha, non a que busca resaltar por enriba do resto.
Este ano rodarei dúas curtas, unha autoproducida co meu irmán Manu Estévez e outra producida por Cósmica Producións, con subvención de AGADIC; O neno sardiña. En ambas exploro en determinadas escenas monólogos interiores de personaxes que se retratan a partir do movemento e non da voz.
Tamén estou dando os primeiros pasos coa miña primeira peli, 'As Defensas'. A cinta fala das poucas veces que nos damos a posibilidade de, tan só por un intre, imaxinar ser calquera outra cousa. A danza é o motor da maquinaria da historia na que se retrata un amor de verán. O amor marcha pero a danza queda.
Para bailar non se precisa un traballo, unha casa ou un coche. Non se precisan cartos, seguidores en redes nin roupa á moda. É universal, contaxiosa. Un dos mellores contaxios que existen.