A Casa Vella. Un proxecto de creación contemporánea desde o rural

Atopamos A Casa Vella en Amiadoso, a tres kilómetros e medio da vila de Allariz pola estrada cara ao sueste. O espazo, un lugar de labranza tradicional, foi reconvertido en 2018 por Nuria Sotelo e Rubén Vilanova e agora dedícase ás artes do movemento e á mediación cultural coa xente da zona. 

Feita de madeira e pedra, A Casa Vella foi, aos poucos, reconstruíndose. Nuria Sotelo —bailarina e coreógrafa— e Rubén Vilanova —fotógrafo—, trouxeron de novo a vida a este espazo reconvertido nunha paraxe de creación escénica contemporánea. A idea da Casa Vella xorde da insuficiencia de áreas de creación e do desexo de confluencia entre danza e ruralidade.

Se raiamos un pouquiño na historia, podemos aprender que A Casa Vella foi habitada por varias xeracións, e que o legado que Nuria e Rubén recollen está debullado por unha tradición familiar de encontro. O Señor Raimundo —o tataravó de Rubén— era xastre, e xa por aqueles tempos a casa era usada como espazo para a congregación de mulleres que aprendían a coser. A casa acolleu tamén, noutros tempos, fiadeiras e runfadas durante o entroido nas que se levaban a cabo pequenas de representación de teatro, danza e canto, segundo contan as veciñas do lugar, que gardan unha riqueza cultural incalculable.

Esa mesma relación é a que se tenta manter coa contorna, deixando pasar a creación non somente pola escena artística senón coa idea de que dela naza unha mestura de saberes.

Aínda que está no cumio da aldea, afastada do resto das casas, A Casa Vella serve como centro de xuntanza para a poboación local. No ano 2018 a casa actuaba de iurta e montescola, na que oito mulleres compartían e colaboraban na crianza de nenas e nenos. Ademais  a casa funcionou como lugar onde se acolleron talleres de autocoidado do corpo e movemento nos seus estadíos prístinos, cando o proxecto aínda estaba por definirse. 

A Casa Vella serve como centro de xuntanza para a poboación local.


Tempo máis tarde, Ensaio amor (2016)—unha peza de Nuria Sotelo— foi merecedora dun dos premios do Certame Coreográfico de Madrid e grazas a iso xurdiu a colaboración entre A Casa Vella e Eva Paloma Sanz de parte da Universidade Carlos III. Semella que a partir daquela a Casa Vella foise construíndo con boas doses de agarimo, paciencia e subvencións e axudas das institucións, que sen dúbida posibilitaron que o proxecto saise adiante. En 2019, o espazo recibiu unha axuda por parte da Fundación Social La CaixaArt For Change—, coa que se xesta Ser Con (2020),unha peza en colaboración co Concello de Allariz na que se pretendeu traballar con nenas, adolescentes, persoas con diversidade funcional e xente da terceira idade que se vira afectada pola pandemia. Finalmente foi presentada en agosto de 2020 no festival Corpo A Terra, despois de mudar o espazo de ensaios dende O Fogar dos Maiores á Acearrica. 

Ser Con exploraba as relacións coas demais, como nós somos por ser tamén coas outras. Meses despois, a principios do 2021, A Casa Vella abriu oficialmente as portas para a creación contemporánea. No primeiro ano de vida o espazo acolleu quince artistas e creadoras tanto do panorama galego como de fóra de Galicia. Este ano 2022 o proxecto recibiu unha axuda por parte de Iberescena e Xacobeo 21-22, grazas a cal tivo a oportunidade de colaborar con artistas internacionais. No último mes, A Casa Vella acolleu a Guilherme Morais e Carolina Canteli, do Brasil. O espazo comeza do mesmo xeito a recibir formación para bailaríns profesionais da man de coreógrafos e pedagogos como Andrés Corchero. Tamén está en continuo diálogo con institucións e colectivos de danza galegos como Galicia Danza Contemporánea ou Colectivo Glovo, cos que  xorden pontes de encontro. A maiores, a Casa Vella colabora con músicas como MounQup ou dramaturgas como Ana Vallés, potenciando a interdisciplinaridade e o enriquecemento entre artistas, dándolles a oportunidade de ser parte das pezas que se constrúen.

Poderiamos preguntarnos, agora, cales son as calidades que caracterizan A Casa Vella como un ambiente particular, que dalgunha maneira son os principios que se procuran preservar: o respecto á natureza, o silencio, a conexión coa comunidade e a dinamización do rural. As residencias artísticas non ofertan somente unha sala para o ensaio, senón tamén un espazo para compartir as inquedanzas de quen o habita. Na casa practícase a agricultura –Nuria e Rubén teñen mazairas, soutos e figueiras e cultivan shiitake– e a gandaría –realizan todos os anos a matanza de xeito tradicional–, e esta forma de achegarse ao chan e ao medio no que viven é compartida cos residentes e todas aquelas persoas que visitan a casa. 

Nas residencias que A Casa Vella acolle, esta responsabilidade co rural é tan importante como a posibilidade de encontro coa xente da contorna: calquera artista que realice unha residencia debe facer unha actividade na que involucre a veciñanza. O proxecto permea así non somente a escea contemporánea senón a comunidade á que pertence, respectando o chan no que se ergue e á xente coa que comparte. Daquela recoñécese a importancia do patrimonio cultural inmaterial, partindo do desexo da preserva. 

© Rubén Vilanova

A Casa Vella ansía ser a posibilitante dunha experiencia inmersiva, dinamizando Amiadoso e arredores, e achegando a danza e o movemento a comunidades locais que ata o momento non tiveron un acceso a ela.

Nas residencias que A Casa Vella acolle a responsabilidade co rural é tan importante como a posibilidade de encontro coa xente da contorna.

Nuria Sotelo recoñece que o sector da danza e das artes do movemento conta cunhas necesidades específicas e espaciais: un lugar que leve á concentración, un chan que amortigüe e no que moverse e un espazo diáfano no que crear. A Casa Vella nútrese e medra grazas á creatividade de quen a visita e devolve a paz e harmonía a todo ao seu redor, xurdindo dese xeito como un espazo innovador en Galicia e no rural. Dar un paseo por Amiadoso en completo silencio e, quizais, porse a crear a unha da mañá, cousas que serían imposibles se A Casa Vella habitase a topografía da cidade.

 

© Rubén Vilanova
Sofía Fernández

Sofía Fernández

Sofía Fernández (Ourense, 1996) le, escribe e traduce entre Allariz e Nova York. 

Tamén che interesa

  • Retratos dunha escena plural

    Retratos dunha escena plural: Nuria Sotelo

    Nuria Sotelo sempre quixo bailar pero estudou Veterinaria e traballou en saneamento gandeiro varios anos, mentres asistía a clases de danza e todo canto curso de artes escénicas se lle puña por diante. Puido dedicarse profesionalmente á danza cando entrou no Centro Coreográfico Galego, e máis tarde fundou a compañía Licenciada Sotelo, coa que sacou adiante varios espectáculos con ela como coreógrafa e única intérprete, e tamén colaborando con outras artistas. Agora está a reinventar o camiño da súa compañía mentres activa na súa aldea de Amiadoso (Allariz) o proxecto A Casa Vella, onde xuntar a xente das artes vivas coas veciñas e veciños do rural.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.