'Trashblooming'. Merda e flores para sobrevivir ao mundo moderno

'Trashblooming' é un proxecto de dirección de arte e fotografía que combina lixo e flores para crear universos kitsch nos que reflexionar sobre a importancia de concedernos estar mal.

 

Di John Waters que para comprender o mal gusto unha debe ter moi bo gusto. E precisamente dese bo gusto transformado en incomodidade é de onde nacen as obras de Antía Warncke (Valladolid, 1990), a deseñadora que se atopa detrás de Trashblooming. Mierda y flores. Un proxecto que foxe das sutilezas e busca incomodar incluso co propio nome, unha aposta pola arte para sobrevivir ao ritmo frenético do día a día, un refuxio no que darse permiso para estar mal.

It’s pizza & shit & flowers time © Trashblooming

Lixo emocional e artístico

Trashblooming é un proxecto de dirección de arte e fotografía creativa no que teñen cabida a merda e as flores, pero tamén elementos coma a comida, a tecnoloxía, a cerámica ou as persoas. Antía experimenta con todos eles, descontextualizándoos e combinándoos para expresar uns sentimentos que non era capaz de comunicar doutra forma. Tal e como declara, «Trashblooming xurdiu hai algo máis dun ano pola necesidade de poder crear en liberdade e tamén de expresar esas emocións que non son capaz de transmitir con palabras». Desde as súas vivencias e sentimentos configura universos nos que o uso das cores vivas e saturadas contrasta coas sombras que agocha cada mensaxe. Segundo ela mesma di, «ás veces quero facer cousas bonitas, pero outras quero facer cousas que incomoden a xente para que se pregunte por que as fago». 

«Ás veces quero facer cousas bonitas, pero outras quero facer cousas que incomoden a xente»

Florecer desde os recantos máis escuros da depresión

A depresión foi o que levou a Antía Warncke a crear este proxecto no que pretende visibilizar os problemas de saúde mental. Ela teno claro: «A vida son merda e flores. Canto antes entendas que tes que quererte a ti mesma co teu lado bo e o teu lado máis escuro, terás o equilibrio que che vai dar a felicidade». Ademais, foi capaz de utilizar a arte como unha ferramenta que lle axudase a vivir coa súa enfermidade. «Ás veces tres sesións de terapia non me fan o mesmo ca unha tarde enteira poñéndome ao meu rollo, pechándome na miña mente e soltando a creatividade», sinala. 

Marchitarse es de lo más natural © Trashblooming

Para Antía cada obra non é máis que o resultado final dun proceso: a idea, darlle forma, colocar cada elemento ou iluminalo son as partes que máis desfruta lonxe das esixencias dun traballo. «Trashblooming é un traballo sen concesións, fágoo porque quero expresarme e sentirme libre». Por iso, fai cada obra porque lle apetece e porque ten algo que contar. Nas súas propias palabras, «forzar a creatividade é unha merda». 

«Trashblooming é un traballo sen concesións, fágoo porque quero expresarme e sentirme libre»

Aínda que a maioría dos bodegóns fainos ela soa, Trashblooming «está aberto a que outra xente se poida sumar para visibilizar eses problemas coas que moita xente tamén se pode sentir identificada». De feito, isto foi o que pasou no editorial The creature inside us, no que Antía se encargou da parte conceptual e da dirección de arte, Daniel Sambad da fotografía, @lassuprema do estilismo e modelaxe e @hattarohde da maquillaxe.

Antía recoñece que, como persoa curiosa, «sempre estou navegando e buscando cousas que me poidan inspirar». As súas referencias van desde as vangardas de principios de século e Maruja Mallo ata o mundo trash de John Waters. «Maruja Mallo é unha persoa que me fascina. Antepúxose a obstáculos como ser muller nun mundo de homes e ten unha maneira única de contar as súas merdas de forma super colorista e divertida». Outros artistas que a inspiran son Antón López Bazarra, no que «vexo unha escuridade coa que me sinto moi representada» e María Vérez con Cosmofobia, que «ten unha visión do mundo moi súa e cun toque moi kitsch e cores saturadas».

Crear ao ritmo que florecen as plantas

Cando se trata de creadores e redes sociais é fácil caer na autoexplotación e na tiranía do like, «facer contido para que a xente non se esqueza de ti nas redes sociais non vai comigo, creo que iso é violar a creatividade», asegura. Pero Antía tamén recoñece que no seu caso as redes son unha ferramenta fundamental para que Trashblooming chegue á xente e tamén para descubrir outros artistas que fan cousas moi boas.

Flora intestinal © Trashblooming

Pero fóra do mundo dixital tamén hai espazos e iniciativas para visibilizar artistas emerxentes. Tal e como sinala Antía, «desde hai uns anos hai máis xente que se implica e que ten iniciativas para visibilizar artistas pequenos, como é o caso de A Tobeira (A Coruña) ou Solaina Galería (Lugo) ou a residencia artística Casa do Alto que impulsaron We Sustainability e o colectivo Mar de Fábula». A estes espazos únense outros coma o restaurante Yema (A Coruña), no que ata o 13 de agosto pode verse a exposición Not All EGGS, na que a fotografía de Trashblooming conflúe coa cociña para demostrar que coa comida si que se xoga. En paralelo, en La maleta tamén pode verse ata o mes de setembro From Darkness with Flowers, unha exposición na que utiliza residuos procedentes sobre todo do mar para expresar diferentes estados de ánimo persoais.

«Desde hai uns anos hai máis xente que se implica e que ten iniciativas para visibilizar artistas pequenos»

Neste sentido, Antía recoñece a importancia da colaboración entre a xente que aposta por unha forma diferente de entender a cultura fóra dos circuitos máis mainstream. Nas súas propias palabras, «é super importante que a xente que somos creativas, que somos pequeniñas e que facemos isto por amor á arte colaboremos porque poden saír cousas chulas para chegar a máis xente».

Uxía Bereijo Piñón

Uxía Bereijo Piñón

Comunicadora audiovisual e xornalista. Creo contidos e estratexias de comunicación nunha axencia de marketing, pero en realidade o que máis me gusta é o vermú.

Tamén che interesa

  • Alisa e Anastasia. De Khárkiv á Coruña buscando refuxio a través da arte

    A historia de Alisa e Anastasia é tan tremenda coma a de millóns de refuxiados de Ucraína que escaparon das bombas da guerra nos últimos meses. Mais elas tiveron certa sorte: aínda que querían quedar ata o último momento, puideron fuxir xuntas e atoparon na Coruña un apartamento, unha cidade que acolle as persoas LGTBI e unha comunidade creativa que lles ofrece espazos para mostrar o seu traballo artístico.

    Artes
  • ‘Da túa man para a miña’. Tras a cámara de Fran Rodríguez Casal

    Fran Rodríguez Casal ten unhas coordenadas gravadas, son as de Traspielas (Fornelos de Montes) onde medrou e iniciou a súa andaina coa fotografía. Marchou estudar Comunicación Audiovisual a Santiago e no segundo ano da carreira comezou tirar fotos ás súas veciñas e á paisaxe da aldea. Seis anos despois, o que comezou cunha intención moi clara de reivindicar o rural e as persoas que traballan pola súa pervivencia, pode verse na exposición Da túa mán para miña na Zona C, enCompostela, ata o 3 de xullo.

    Fotografía

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.