Con tres anos preguntáronlle que quería ser de maior e Catara Rego contestou sen dubidalo: «Pintora». Con 27 anos comeza a despuntar polo seu traballo como fotógrafa cunha firme vontade de mostrar o que lle preocupa. «Os meus intereses son as pegadas. A relación entre paisaxe, identidade e territorio», salienta.
«Sempre tiven moito interese polas artes e unha relación moi estreita coa fotografía, tiraba fotos nas viaxes e tamén na casa –conta–. Empecei Historia da Arte, pero só fixen un mes porque comecei e decateime de que o que quería era ser artista. Tiña iso dentro desde había moito tempo e ao mes de estar na carreira tomei a decisión de irme a Madrid, estudar Belas Artes e Deseño e comezar a dedicarme a isto».
Coas ideas moi claras, recoñece que a implicación emocional nos seus proxectos é unha fonte importante de inspiración á hora de coller a cámara. «Traballo sobre os meus intereses, sobre o que me preocupa. O que me anima a seguir é que a xente tamén coñeza estes temas e vexa a súa importancia». Catara Rego (Meira, 1996) é artista e deseñadora gráfica: «Antes sempre tiña dúbidas pero agora digo que si, son artista e son deseñadora. Gústame mesturar os dous conceptos, á fin e ao cabo o artista fai máis para el mesmo e o deseñador acaba facendo para os demais; pero as fronteiras nisto nunca son claras».
O seu primeiro proxecto parte da investigación que levou a cabo para o Traballo Final de Grao, titúlase Galizia, un percorrido pola pegada no país despois da Segunda Guerra Mundial. «Coñecía desde pequena a historia de que os nazis estiveran en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial e como sempre me interesou moito a Historia, cando tiven que decidir un tema no que profundar dinme conta de que isto quizá era menos coñecido e estaba ben volver sobre a importancia que tivo Galicia nese conflito. Investigando dinme conta que aquí había un proxecto interesante e que me gustaría sacar á luz para que a xente o coñecese», debulla a lucense.
«Entre 1939 e 1945, pese a aparente neutralidade da ditadura franquista na Segunda Guerra Mundial, Galicia converteuse nunha carta fundamental no xogo bélico dos países implicados. Desde abastecedora de materias primas, sede da rede de espionaxe a escenario de enfrontamentos navais, o territorio galego foi un campo de batalla máis prestado aos intereses da Alemaña de Hitler. Un campo que quedou cheo de testemuñas deste pasado nazi da Galicia de posguerra», escribe para contextualizar as fotos que conforman Galizia.
«Non gañamos nada cos fanzines, pero é unha maneira de darnos a coñecer»
Fotografar algo que aparentemente xa non está aí foi un reto que transcendeu a investigación do traballo académico, por iso quixo mover esas fotos en formato fanzine. Un soporte que considera idóneo para mostrar o seu traballo e darse a coñecer, pois está ao seu alcance en canto aos custes de produción e pode distribuírse a un prezo accesible para a xente. Pertence a un colectivo de fotógrafos que baixo o nome de La Mosca ediciones crea fanzines co obxectivo de mostrar o seu traballo e ir facéndose un nome no sector. «Non gañamos nada con isto, pero é unha maneira de darnos a coñecer», salienta Catara Rego.
Vivir da produción artística é algo ao que aspira. Mentres, o que lle dá de comer é o deseño gráfico. Traballa pola súa conta e reside entre Madrid e Galicia. E en paralelo segue a desenvolver un proxecto que segue medrando e do que xa falou no Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura do ano pasado e na última edición do FFoco, o Festival de Fotografía da Coruña. «Zona de sacrificio é un percorrido por diferentes lugares de Galicia que se dedicaron á explotación dos recursos naturais. O que me interesa é como isto impactou na paisaxe e como está hoxe en día», sinala a artista.
«Os meus proxectos sempre teñen unha fase de investigación que neste caso xa está case rematada, teño xa un volume de fotografías e estounas movendo. Recompilo información a través de artigos e libros, visito os lugares que fotografo e documento os lugares escollidos despois. Neste caso había localizacións que xa sabía que quería retratar, como o Monte Neme, así que fun unha vez e xa tomei as fotos; pero a gran parte do proxecto é todo realizado na zona da Terra Chá e da Mariña, onde vou constantemente. Canto máis tempo paso alí, máis cousas descubro. Pero penso que a este proxecto aínda lle falta outra parte para materializalo doutra forma», afonda Rego.
«A fotografía e a creación artística son a miña maneira de aportar algo»
Define esas 'zonas de sacrificio' como «áreas xeográficas, xeralmente de gran valor natural, destinadas a explotación e obtención dalgún tipo de recurso. Son lugares seleccionados para un fin económico, onde cuestións medioambientais e sociais quedan supeditadas a os intereses das grandes empresas». Parques eólicos, plantacións de eucaliptos, minas ou encoros deixan cicatrices na paisaxe que Catara Rego quere retratar coa súa cámara porque detrás existe unha fonda preocupación polo territorio: «Quero poñer o foco nos meus intereses a través do que creo que se me dá ben, a fotografía e a creación artística son a miña maneira de aportar algo».
Enviar convocatorias e presentarse a concursos supón case unha segunda xornada laboral a maiores, mais Catara Rego apunta que hai que dedicarlle horas para poder chegar a mostrar o seu traballo. «A min compénsame, sinto que se non o fixera notaría algo en falta». Segue medrando con Zona de sacrificio, que busca materializar en pezas artísticas como esculturas e instalacións, para as que precisa financiamento. «Como viña dun proxecto que era case puramente documental, con este quero probar un formato instalativo e saír das fronteiras da fotografía», avanza.
«Se non o fixera notaría algo en falta»
A crise climática e a degradación da paisaxe por intereses alleos aos da xente común que a habita son as preocupacións que Catara Rego sitúa no centro das súas obras. Foi unha das 25 artistas que participaron da mostra Paisaxe_0, impulsada polo colectivo Poligonal –creado polos artistas Lúa Gándara e Olmo Blanco– e que se expuxo na galería Metro de Santiago de Compostela. «Coñecinos nos Encontros da Cidade da Cultura e contactaron comigo para participar nesta expo, que demostra o interese que hai nos artistas galegos de mostrar a relación da paisaxe coa nosa identidade. Creo que estamos empezando a darnos conta das agresións que se están levando a cabo contra a paisaxe e esta é a nosa maneira de chamar a atención do conxunto da sociedade», debulla Rego.
Recentemente participou na sección Descubrimientos do festival PhotoEspaña en Madrid e comprobou que «moita xente se sente identificada» coas súas fotografías ao recoñecer a degradación da paisaxe que tamén sucede noutros lugares do mundo. A pesar de que ve a fotografía como un eido bastante endogámico, a lucense considera que hai un público crecente interesado por estes traballos. Entre as súas referentes están a artista multidisciplinar de Nova York Taryn Simon, a fotógrafa das Pontes Lúa Ribeira, que forma parte da prestixiosa axencia Magnum, e os fotógrafos da escola de Düsseldorf. «Gustaríame poder facer os meus proxectos e, ao mesmo tempo, mesturar a fotografía e o deseño editorial. Se tivera vía libre dedicaríame ás dúas cousas», conclúe.