De volta na Lobeira. Un creador dixital hiperactivo e confinado

Co patrocinio de

© A Lobeira Today

Falamos del en VINTE hai un ano e medio pero temos que regresar á figura de Fran Bermúdez, porque se converteu no creador dixital máis hiperactivo da internet galega. En YouTube explora formatos como os xogos de preguntas, as videoreceitas, os vlogs de viaxes e turismo ou a memoria dos veciños da súa aldea. E na corentena fixo máis de 40 entrevistas en directo que lle dan para nutrir de aquí a fin de ano as súas redes sociais. 

Así que volvemos falar con Fran, militar de profesión agora destinado en Madrid, onde tivo que pasar o confinamento. “Mandáronme para a casa cunha orde de non saír e vinme con todo ese tempo por diante. Na rede todo o mundo se puxera a facer cousas e crear contidos. E dixen: se teño máis tempo para crear teño que crear máis”, coméntanos por teléfono.  

Unha das primeiras cousas que fixo foi incorporar á súa canle de Youtube o formato de xogos Sabes ou non?, co que xa levaba tempo experimentando en Instagram. Consistía en dez preguntas coas que os seguidores podían comprobar o seu coñecemento de galego, algo que persoalmente a Bermúdez lle servía para poñerse a proba el tamén, orgulloso como está da súa condición de neofalante. Agora reempaquetounas para Youtube e xa ten máis de 40 vídeos con estes xogos programados para publicar semanalmente de aquí a decembro. 

A experiencia de interactuar coa xente en Instagram resultáralle moi gratificante así que, en canto se fartou un pouco dos xogos, empezou con outro tipo de directos nesta plataforma - como estaba a facer tanta xente nas primeiras semanas do confinamento- e fixouse no que facían as Tanxugueiras nos seus Tanxuvermús, entrevistas en directo con xente nova da cultura e do ámbito musical. E Fran decidiuse a facer algo semellante: “empecei chamando a xente que seguía a canle, como Ulex Gallaeciae, que foi o primeiro, para falar un pouco de todo sen un guión previo. Ata que nun momento dado propóñollo ao ao actor Federico Pérez, dime que si e aí xa intento preparar un pouco a entrevista. Non teño formación xornalística pero a experiencia gustoume. A seguinte foi a actriz María Vázquez e así comecei a facer entrevistas un pouco máis traballadas”, relata. 

A partir de aí foron pasaron por estes directos foron outras creadoras e creadores de contido en internet como Eva Patinho, Telejaita, A Rabela ou a coordinadora do certame Youtubeir@s. Tamén caras coñecidas da TVG como Oswaldo Digón, Lucía Veiga ou Rodrigo Vázquez. O que máis satisfacción lle produce ao seu creador este contido, a diferenza do que facía cos xogos, é que “falamos dunha gran variedade de cousas en galego, sen ter que estar falando sempre do galego”. Isto era algo que xa o empezaba a cansar do contido que viña facendo antes: “Para normalizar un idioma temos que facer que estea presente nos máis diversos temas e formatos”, afirma. 

Con estas entrevistas xuntou de novo máis de 40 pezas producidas para o directo de Instagram que agora se publican “pasándoas a horizontal” en Youtube, e coas que tamén A Lobeira Today iniciou o seu formato podcast. Na súa canle de Ivoox podemos escoitar xa algunhas destas conversas: “deume a idea unha seguidora que me dixo que escoitaba as entrevistas en youtube mentres levaba o móbil no peto e facía outras cousas, e que funcionaban ben como radio. Así que collín o Audacity para editalas e engadinlle unha cabeceira máis radiofónica, e de paso aprendín a usar este programa para editar os audios dos meus vídeos”. 

"Cheguei tarde a isto pero agora mesmo son como un cativo de 20 anos metido na sua habitacion querendo ser youtuber”, di este militar de 42 anos.

Sempre aprendendo de xeito autodidacta e poñéndose novos retos, a súa ansia por publicar vén do desexo de “crear o contido que eu boto en falta en galego”: receitas de cociña nun minuto, vlogs das súas viaxes de turismo ou en moto, a serie Cousas de vellos, protagonizada polos seus veciños da Lobeira en San Sadurniño… Fran Bermúdez quere recuperar o tempo que tardou en animarse a crear contido para Youtube: “cheguei tarde a isto pero agora mesmo son como un cativo de 20 anos metido na sua habitacion querendo ser youtuber”, di este militar de 42 anos que aproveita todo o seu tempo libre para gravar, editar e pensar novas ideas para vídeos, e tamén para buscar colaboracións e facer comunidade. 

Con esta idea animouse a facer un dos seus vídeos máis vistos deste confinamento: a lista das 50 canles máis populares do YouTube galego, atendendo ao seu número de suscritores. Unha lista dinámica que promete ir actualizando cada tres meses. Polo de agora fai seguimento do crecemento de cada canle nunha folla de cálculo, mentres observa a súa propia progresión: “en porcentaxe son un dos youtubers que máis creceu nos últimos tempos, pero cos meus 547 seguidores aínda me falta moitísimo para poder entrar no top 5, que sería o meu desexo”, conta. 

No cumio da lista están canles de humor como Tele Jaita (37mil subscricións) ou Páramo Pictures (43 mil), algo do que A Lobeira Today está moi lonxe, “porque eu tampouco logrei acadar nunha un contido viral, nin son de facer vídeos musicais ou de humor, que son os que máis triunfan, prefiro facer contido que achegue algo de información ou coñecemento”, asegura. Pero non o ve imposible e desde logo o seu esforzo de formiguiña publicando un vídeo diario en distintas canles vai tendo as súas recompensas. E tamén frustracións, como non ter acadado ningún premio na gala Youtubeir@s do ano pasado, sendo un dos creadores máis prolíficos e constantes do panorama youtuber galego. 

Pero non se desanima. A corentena serviulle non só para producir máis senón para planificar mellor os vídeos e seguir aprendendo e fedellando. Para os vindeiros meses (“quitado agosto, aí vou parar de todo”) ten xa case o calendario feito co que pensa publicar, seguindo coas súas distintas series e argallando novas ideas. “Estou nun debate interno entre se é mellor calidade e cantidade”, di, “pero por agora gaña a cantidade, prefiro facer moitos vídeos pequenos. Teño tantas cousas que contar que non me chegarían os anos que me quedan para todos os vídeos que quero facer”. 

E para rematar recoméndanos o vídeo do que di estar máis orgulloso, o que para el mellor representa o espíritu da canle. Unha peza na que explica a sexualidade e a identidade de xénero a partir de dous queixos de Arzúa-Ulloa, e que fixo a partir dun reto absurdo que lle propuxera un oínte, e que acabou tomando moi en serio, aínda que falar destas cousas sexa meterse nun xardín complicado. Aquí queda:

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Hai un ano e medio

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.