Teresa Ferreiro e Russ. Activismo desde o set

Coa escusa da súa participación no festival Emerxentes, programado no Monte do Gozo, mantivemos unha conversa con dúas das artistas sonoras galegas máis interesantes do momento, que están a traballar desde Galicia. 

«Somos a resistencia absoluta» asegura Marta Gilino, DJ e produtora compostelá coñecida como RUSS, en referencia ás dificultades que atopan no país para desenvolver o seu traballo. «Eu o que sinto como promotora en Santiago de Compostela e en xeral en Galicia é que non hai espazos para nós», lamenta a artista visual, autora de cómics e tamén DJ, Teresa Ferreiro

Ao final quedamos sen o festival -foi adiado- pero compartimos a conversa mantida con elas polo interese dos contidos sobre a escena do clubbing en Galicia ou a demonización da música electrónica, que adoita redundar na falta de apoios para que artistas como estas poidan desenvolverse aquí e non acaben por marchar a Madrid ou Barcelona como xa sucedeu con tantas outras. Iso tamén é fuga de cerebros.

Reproducimos a continuación a charla como foi: informal, sincera e moi e enriquecedora.

Na organización do festival Emerxentes quixeron destacar a numerosa presenza de membros do colectivo LGTBIGQ:  Teresa pertence a Sister of Rave, RUSS loita co Bulla Barulla ... Pódese facer activismo político mentres se pincha?

TF: Si. Por exemplo Clara! só pincha reggeaton feminista, un xénero que está considerado maiormente sexista. Aínda que todos os xéneroS son sexistas. É difícil que o sexismo non toque as producións, porque está ligado á cultura. É difícil organizar espazos seguros pero penso que da mesma maneira que agora mesmo nos estás entrevistando polo que facemos, ao final sempre van xurdir estas preguntas que implican a unha politicamente e é unha plataforma tamén para falar do que pensas. 

RUSS:  No noso caso o noso colectivo está parado basicamente polos espazos de Santiago e por non sentirnos con moita forza porque non hai moitos espazos nin presuposto para facer as cousas. A nosa idea sempre foi non só traer propostas interesantes, cun son distinto e que quen fai parte dese line ups, desas programacións, sexan mulleres, persoas non binarias ou trans, senón que haxa tamén un protocolo de seguridade que permita desenvolver as propostas desde aí. Pero, á marxe disto, volvo ao que representamos subíndonos a un escenario que obviamente si que é político. Non só a nosa presenza como mulleres ou como persoas queer ou persoas racializadas. Realmente todo é político. Estamos a apropiarnos deses lugares. Todo isto é un traballo colectivo e de concienciación social. As nosas propostas  e mesmo que artistas forman parte das nosas line ups: quen as produce ou que identidades teñen. Iso tamén é unha escolla. As nosas propostas son bastante politizadas nese sentido.

TF:  Penso que quizais tes máis manga ancha como promotora que como DJ. Eu por exemplo cando escollo o line up si estou pensando nesas propostas que son políticas e tento buscar as máis diverxentes do que son a maioría, ofrecer algo que igual está máis invisibilizado e paréceme super importante o que acaba de dicir Marta sobre os espazos públicos que temos para facer iso. Eu agora mesmo estou moi queimada e xa escribín ao Concello para falar disto. Eu o que sinto como promotora en Santiago de Compostela e en xeral en Galicia é que non hai espazos para nós. Non somos o Son do Camiño. Non imos xerar millóns en cinco días –aínda que tampouco sei que impacto realmente teñen eles- pero o que si que estamos facendo é xerar traballos para artistas locais e ocio en Santiago para xente local e parece que non lle importa a ninguén salvo a nós. 

Teresa Ferreiro:  «Non somos o Son do Camiño. Non imos xerar millóns en cinco días –aínda que tampouco sei que impacto realmente teñen eles- pero o que si que estamos facendo é xerar traballos para artistas locais e ocio en Santiago para xente local e parece que non lle importa a ninguén salvo a nós»

Estou ás veces promocionando festas e sacando do meu diñeiro sen saber se vou a recuperalo e non comprendo por que pasa isto. Por que pasan cousas como a Casa das Máquinas, que está rematada e que vai pasar con iso e con tantos outros espazos? Realmente en Santiago, sendo unha cidade que é unha capital cultural en Galicia, temos o teatro principal e dous espazos máis, que realmente non se axustan ás necesidades dunha morea de promotoras aquí. Necesitamos espazos para facer diferentes tipos de eventos e non sabes nin con quen falar. A min iso frústrame moito e penso que a todas.

RUSS: Antes eramos convidadas a festas máis pequenas, para pasar a ter a nosas propias festas e relacionarnos entre nós. Eu admírote moito porque á marxe de facer festas polo Estado, aquí en Galicia seguides con ese propósito. Nós viámonos nunha situación que tiñamos que desembolsar diñeiro que ás veces non nos podemos permitir. En xeral non está nada apoiado e non hai espazos para facer cousas. Incluso Malatesta agora está pechada. Santiago é un lugar non que non se renovan as salas nin se pode acceder ás vellas. Agora tamén estou traballando para artes escénicas e segue sendo igual. A forma de acceder a eses espazos está moi limitada por quen ten o poder e por quen leva moitísimos anos programando. 

TF: Honestamente, para min con que simplemente houbese unha maneira clara na que puideses intentar por meritocracia pura chegar a eses espazos... pero o que me frustra é que non está claro. Estou mandando emails a unha Concellería para falar cunha concelleira que igual nin ten as respostas. Os profesionais non temos a quen dirixirnos coas nosas propostas.

Isto é o que está a pasar en Santiago. No resto de Galicia funciona igual?

RUSS: Vigo atópase no cénit da non cultura neste momento. A nivel de clubbing funciona polo Mondo e moito. É unha referencia estatal. Igual si que podes facer festas e comisarialas pero é algo privado.

TF:  Cando fixemos a Boiler Room aquí en Santiago foi porque había unha subvención á que te podías presentar. Estaba todo claro. Compites e podes gañala ou non. Pero nós para facer algo temos que desembolsar diñeiro noso para alugar un espazo e falar con empresarios e todo vai polo privado. A cultura aquí vai polo privado, ou iso parece, polo menos nesta escena.

«A música electrónica ou o clubbing está como un pouco demonizados e parece que o sector público non se pode achegar»

RUSS: sempre tivo que haber algún comezo e agora está nun punto que non hai forma de acceder. Digo agora desde que levamos en activo nós sempre era esa batalla ademais que tamén está como visto doutra maneira. A música electrónica ou o clubbing está como un pouco demonizado e parece que o sector público non se pode achegar.

Hai unha escena de clubbing en Galicia?

TF: Si, si que hai e hai xente con moito talento. A verdade é que sinto moito orgullo por toda a xente que coñecín aquí.

RUSS. Cando falamos de clubbing estamos a falar da cultura que se atopa alí, un pouco na periferia, desde un lugar un pouco máis de resistencia, como unha contracultura. Agora está un pouco máis en mainstream, como o o underground. Penso que, alén de que Santiago non conta con moitos espazos, si que hai clubbing. Desde pequenas festas que levamos vendo nacer e morrer e hai moita xente que forma novos espazos e se renova constantemente. A nivel galego si que podemos falar dunha escena e moitas integrantes que tamén están fóra como Da Rocha ou como Acacia. Moitas amigas que están fóra pero que forman parte e desde o son seguen ligadas, desde a música tradicional, desde sons de aquí, sons que compartimos. De feito, penso que está nun gran momento para todas nós.

TF: Iso é a historia de Galicia de sempre. Ao final é fuga de cerebros e fuga de talentos. Porque Acacia eu creo que o está petando pero non está aquí. É realmente é triste. É frustrante iso: por que te tes que ir do teu fogar para poder facer unha carreira dentro da escena cultural. Ao final o que sinto é que somos un sector servizos.

RUSS: Nós somos a resistencia absoluta. Que, decidamos querer quedar en Galicia, querer crear contido aquí e que nos relacionemos aquí tamén é outra cousa política.

TF: Non me digas iso porque eu estou pensando en pirar. 

Teresa Ferreiro. © Xiana Quintas

RUSS: Sempre estamos falando diso... 

TF: Eu creo que si que facemos cousas pero é frustrante. Eu igualmente vou insistir, pero o que me frustra é esta nebulosa. A min, que me digan que non me van dar orzamento porque non lles gusta ou non vale a pena, pois OK. Pero isto de quedar, de presentar algo e non saber…

RUSS: Aí volvemos a idea de crear unha cooperativa na que non só ti teñas que mandar esta proposta, que houbera algo que nos englobara a todas incluso a nivel legal.

TF: Nós podemos asociarnos no momento que sexa o que sinto é que non sei se realmente sería unha axuda, pero podemos facelo. O que si que pensei, que igual é de axuda é militar en calquera partido. Iso é o único que eu creo que pode resultar. Hai festivais que xa son super recoñecidos, patrocinados incluso pola Xunta e despois ves que seguen tendo eses problemas. Non saben se o seguinte ano van recibir orzamento ou non. 

Vendo as vosas sesións dá a impresión de que estades a expresarvos vós mesmas. Máis alá de poñer música, agroma un nivel de creatividade e expresión moi potente. Como atopades esa inspiración?

RUSS: a verdade é que en todo. Eu empecei pinchando cun grupo de rap trap feminista. Empecei desde o feminismo militando nun centro social, no Escárnio , pero non tiña formación en música. Absolutamente de nada. A raíz de pinchar si que descubrín como unha maneira expresiva moi forte e moi conectada, incluso desenvolvéndome persoalmente. Por iso seguín e metín aí moita enerxía. A raíz de pinchar, de explorar e de buscar propostas distintas e cousas que me chegaban, cousas que me conectaban coa terra e coa vida en xeral, empecei a producir e agora estou intercalando as dúas cousas. Por exemplo, este ano vou sacar un álbum e medio e estou a tope. 

«A raíz de pinchar, de explorar e de buscar propostas distintas e cousas que me chegaban, cousas que me conectaban coa terra e coa vida en xeral, empecei a producir e agora estou intercalando as dúas cousas»

O último ano deixei un pouco de pinchar porque non estaba vendo que me satisfixera moito a nivel expresivo. Agora outra vez si, pero foi a primeira vez que dixen «ostrás, pero se me está encantando producir. Non me apetece expoñerme tanto. Non vexo unha liña a nivel de facer un set fóra» e me permitín facer iso. Agora estame encantando volver a pinchar e podo conectalo cun tema que vou facer, cun tema que me está inspirando para a produción.  Hai moitísimo curro porque tamén fago música para escénicas ou para contidos audiovisuais e ao final é o mesmo. É atopar partes de ti, partes expresivas e é un camiño Desde ser autodidacta a facer agora cursos. Agora tamén estou estudando son este ano porque me está interesando moito. 

A expresión corporal tamén ten a súa importancia…Non esquezamos que estudaches INEF e es practicante de ioga.

RUSS: Si, ao final conectas todo. As túas prácticas e as túas maneiras de vivir. 

Pola túa banda, Teresa, a túa expresión creativa deriva tanto na ilustración como nos sets de música.

TF: Eu tamén teño unha perspectiva holística, igual que Marta. Creo que a xente que é creativa en xeral se dedica a máis dun campo. No caso dos sets é algo que me fai sentir moi cómoda, no que non teño que defender o meu propio traballo, porque ás veces iso é difícil.

«Non sei se é síndrome da impostora ou que, pero ás veces defender un cómic ou unha ilustración é máis complicado e vai no blog e xa non quero nin falar diso. En cambio, o traballo das miñas compañeiras é marabilloso. Entón, nos sets teño esa liberdade. Gústame moito promocionar o traballo que fan outras persoas »

 Non sei se é síndrome da impostora ou que, pero ás veces defender un cómic ou unha ilustración é máis complicado e vai no blog e xa non quero nin falar diso. En cambio, o traballo das miñas compañeiras é marabilloso. Entón, nos sets teño esa liberdade. Gústame moito promocionar o traballo que fan outras persoas. 

Atopas inspiración na cabina para facer as túas ilustracións ou mentres debuxas xorden ideas musicais?

TF: Creo que a inspiración atópase traballando. Ou sexa que se debuxas moito vas rematar debuxando mellor e igual con pinchar. Pero entre si o único que podería dicir é que na miña cabeza os sets ás veces teñen unha narrativa, como que estás a construír unha mensaxe. Eu fago cómic e igual nese sentido si que están relacionados. o mesmo coas ilustracións. Sempre pensas cal é a mensaxe aínda que sexa para ti, ten un sentido. E logo escoitas os meus sets e non parece que teñan ningún sentido [risas].Pero para min si que o teñen.

RUSS: Si que o teñen. De feito, a xente recíbeo. Nótase moito cando unha proposta está feita desde un lugar.

Vanesa Vázquez

Vanesa Vázquez

Viguesa do Calvario. Comecei e aprendín en Atlántico Diario, Radio Vigo e Expansión. Cada día conta e agora contámolo en VINTE e Praza.gal. 

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.