Membros da banda musical de Resaca Emocional (RSK): Brais Iriarte, Lorena Cachito, Ash Diz e Berto. CC-BY-SA RSK
Música cuqui e bonita feita desde un sitio vulnerable, íntimo e cálido. Música de amor (nas súas diferentes expresións) feita cancións que revelan un intimismo respectuoso non moi estandarizado. Isto e máis cousas que non se poden explicar con palabras está en De amor, primeiro disco de Resaca emocional, que verá a luz o 14 de febreiro.
Desde este venres, 31 de xaneiro, xa podemos coñecer o seu cuarto adianto “Ondas sonoras de xúpiter (24/7)", un «atrevemento bastante grande» que entra no hiper-pop. Sobre todo isto falamos con Berto Mira, Ash Diz e Rocío Campoy, integrantes deste proxecto colectivo e diverso.
Primeiro foi a música e logo a idea do colectivo, pero unha cousa levou á outra. «Queriamos concienciar a xente de que un proxecto musical é moitas máis cousas que as caras visibles e entón a idea do colectivo vén de intentar facer ver iso nos proxectos musicais. Ti ves a Nathy Peluso e ten 300 persoas detrás para que o seu proxecto saia adiante. Para que as cousas vaian ben ten que haber bastantes persoas implicadase non só un música ou música». Berto Mira refire así o xermolo de Resaca Emocional, que máis que un grupo de música é un colectivo de artistas do eido musical e artes visuais onde a comunidade e a diversidade son palabras claves.
«No verán comezamos a facer a música Ash e mais eu e conforme fomos facendo os temas se foi unindo xente doutros apartados artísticos, non só da música, senón de audiovisual, de danza, de vestimenta, de management ou técnicos», indica Mira, que compón as cancións xunto con Ash Diz e tamén é o produtor.
«Queriamos concienciar a xente de que un proxecto musical é moitas máis cousas que as caras visibles e entón a idea do colectivo vén de intentar facer ver iso nos proxectos musicais», refire Berto sobre o nacemento do colectivo Resaca Emocional
De tempos remotos chegan ecos do ‘faino ti mesmo’ deses salvaxes -como dirían en Bluey- anos 80 e catro décadas despois e noutro espectro musical, desde RSK defenden a idea da autoxestión, da importancia do colectivo e dun discurso político de respecto e diversidade na arte. «O proxecto alíñase coa idea punk da autoxestión, da autosuficiencia e sobre todo de facer a música e as obras por nós, por necesidade e por ganas de compartilo, pero primeiro por nós», argumenta Ash Diz, artífice da composición, voz ou vídeo no proxecto. «Nos videoclips temos moitas cousas feitas á man. De feito, nunha gravación, pola nosa estética chamáronnos “punk naíf”», asegura Rocío Campoy, especialista no eido das artes plásticas e a escenografía.
Os dous artistas marcharon o pasado verán á aldea de Ash Diz, na fronteira entre León e Asturias e alí, sen distraccións deron en crear unha morea de temas dos que seleccionaron os dez que finalmente entraron no seu primeiro disco. «Fixemos unha criba pensando no que nos apetecía máis seguir explorando para facer un fío coherente e así foi como tiramos por “Bolboretas” e este tip de temáticas», detalla Ash Diz.
«Nunha gravación, pola nosa estética chamáronnos “punk naíf”», asegura Rocío Campoy, especialista no eido das artes plásticas e a escenografía
“Bolboretas” foi o primeiro single e toda unha declaracións de intencións, que marcará a sonoridade dos seguintes temas, aínda que cada un entra no corazón ao seu xeito. «Todas van ter o fío condutor de ser cancións cuquis e bonitas, que falan desde un sitio vulnerable», di Berto.
«Cando escoitei por primeira vez o álbum lembro que lles dixen: “este é un disco para namorarse en primavera”, algo que manteño a día de hoxe, aínda que vaia saír en febreiro, explica Rocío Campoy.
Hai unha irresistible fraxilidade nas cancións que as fan atractivas e aditivas, cun universo onde se mestura soños, sentimentos e a realidade máis cotiá das persoas. «No álbum buscabamos unha sonoridade máis naíf, intimista, pero un intimismo realista non tipo “por el amor de esa mujer”, con todos os meus respectos para Bustamente», chancea Berto. «Creo que está todo moi influenciado pola xeración na que estamos e falamos do amor desde unha perspectiva vulnerable, de dicir “que ben que me queiras”. Eses creo que son os discursos que deberían estar máis estandarizados, non tanto outros. Estou orgulloso do álbum porque fala dunha vulnerabilidade e dun intimismo bastante respectuoso e bastante guai», engade.
O álbum, que xa está listo para saír o 14 de febreiro, día dos namorados, chamarase De amor e publicarase baixo o selo de Tremendo Audiovisual. Aínda que hai moitas cancións que tratan o amor romántico, non só diso se alimenta o corazón e no disco hai temas de amor de diferentes tipos. «Espero que a xente poida facer interpretacións varias porque tamén é amor o que nos temos entre nós, que somos compañeiras e amigas; tamén temos o amor polo noso traballo e nalgunhas cancións tamén está o amor cara a un mesmo», argumenta Ash Diz.
«Tamén é amor o que nos temos entre nós, que somos compañeiras e amigas; tamén temos o amor polo noso traballo e nalgunhas cancións tamén está o amor cara a un mesmo», argumenta Ash Diz
Desde este 31 de xaneiro xa podemos escoitar e ver o videoclip de “Ondas sonoras de xúpiter (24/7)", «un atrevemento bastante grande, porque nos metemos no mundo do hiper-pop, con moita tralla na canción, pero tamén con ese transfondo cuqui de calidez e tranquilidade de todas as cancións», segundo di Berto. Desde Tremendo Audiovisual engadían nos últimos días que neste tema RSK emocional contou coa colaboración do artista Juana e «non dubida en botar unha ollada cara atrás para render homenaxe a Lola Flores e citar o seu mítico verso “siempre a la verita tuya”».
No colectivo, segundo relatan, hai xente moi variada que aposta pola creatividade e o traballo común sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde nun espazo seguro. Persoas como Brais Iriarte, Dani Abalo Gala Rodríguez, Lorena Cachito, Xurxo Pinheiro, Zeltia Iglesias, Diana Montserrat e Noelia Mato forman parte dun proxecto que está a recrutar novos membros.
Moitas videochamadas e moitas conversas por WhatsApp facilitan o día dun traballo que busca a liberdade creativa. «Cada un ten o seu rol e tentamos non interferir na obra que esa persoa estea facendo», explica Ash Diz. «Respectamos a idea de que os expertos ou as persoas formadas neste tipo de expresión artística son as que teñen que mandar aí. Iso é moi interesante porque dá liberdade artística e capacidade de abstracción e de poder dicir as cousas da mellor maneira», indica Berto Mira, cun discurso tan coherente como fóra do común do día a día no eido laboral. «Cando lle pedimos as portadas a Zeltia non lle demos ningunha directriz. Foi ela quen tomou todas as decisións. Xa que temos unha experta en deseño gráfico, pois vamos a deixarlle que traballe e faga o seu curro da mellor maneira posible», detalla.
Aínda que as resacas son algo temporal por definición, as emocións sempre están a fluír e esta resaca emocional ten vocación de permanencia. «Somos xente moi intensa e a idea é seguir enganchando resaca tras resaca e ir abranguendo un espectro amplo de emocións», indica Ash Diz. Como di Rocío Campoy, «as resacas non se acaban». A primeira destas resacas emocionais será De amor; as seguintes, xa veremos.