Pode ser Twitter a nosa principal vía de achegamento a Portugal?

Co patrocinio de

© Imaxe do Día de Portugal compartida polo Portal Galego da Língua

Que Galicia vive de costas ao país veciño é un lugar común desde hai moitos anos. Os medios apenas informan do que pasa en Portugal, con honrosas excepcións, mais as redes sociais e en concreto Twitter esán servindo para crear algunhas conexións novas, máis alá das escapadas que poidamos facer para gozar dos museos e da gastronomía ou para apañar un voo no Porto. Agora que abren de novo as fronteiras físicas imos ver que pasa coas dixitais. 

 

Comecemos co maior medio de masas, a televisión: o que podería axudarnos máis a compartir cultura e lingua se as fronteiras da TDT desaparecesen e se puidese sintonizar desde este lado do Miño as radios e televisións portuguesas, tal como pedía unha campaña hai máis de dez anos. A TVG mantén desde xa o século pasado unha correspondencia no Porto que nos permitía achegarnos á actualidade lusa nos Telexornais. Mais o certo é que desde que Alberto Mancebo, o correspondente actual, estendeu o seu traballo a Twitter, tirámoslle a este servizo moito máis partido. Sen ir máis lonxe este 10 de xuño, Día de Portugal, regalounos un fío con moitas curiosidades que seguramente descoñeciamos. 

 

E aínda lle estamos moi agradecidos a outro que fixo hai uns meses sobre nova literatura portuguesa: 

Grazas a Mancebo os seus máis de 7.500 seguidores en Twitter poden estar ao tanto das últimas novidades fronteirizas, non só sobre as que atinxen a Covid e as restricións de tránsito, senón tamén sobre cousas que podemos facer cando imos a Portugal. Hai cousa dun mes, cando abriron a fronteira, fíxonos este fío recomendando lugares para visitar máis alá dos clásicos. 

 

Un complemento perfecto a este fío turístico é a guía de restaurantes de Portugal que creou a autora do blog As receitas de Xiana, e que logo de compartir como fío en Twitter foi sumando nas respostas recomendacións doutros seguidores, e ten xa máis de corenta sitios apuntados nun mapa de Google. Para gardar en favoritos xa!

 

Nos últimos tempos vimos tamén varias incursións curiosas de galegos na televisión portuguesa. A primeira foi a participación de Perico Balado, un xornalista de Sigüeiro, no concurso O Preço Certo na RTP, onde explicou que falaba galego mentres lle puñan música de guitarra flamenca e lle falaban en español, un clásico. 

A partir de aí Perico Balado protagonizou varias entrevistas na Radio Galega e no Portal Galego da Língua dando exemplo de interese e achegamento dun millennial á cultura do país veciño, se cadra máis desprexuizado cás xeracións anteriores.  Perico é ademais experto no fútbol portugués e no seu Twitter tamén fai algo de divulgación, en especial sobre o clube lisboeta Os Belenenses, do que é socio, tal como mostrou tamén orgulloso no Preço Certo (e o propio clube difundiu)

 

Máis recentemente o filólogo e escritor Carlos Callón, que está agora de profesor en Lisboa, interviu no programa Esta Manhã da TVI para explicar a relación entre a fala de aquí e de alá e dar a coñecer algunhas palabras que son diferentes, como larpeiro, año ou axiña.  

Mais para dicas do portugués temos agora outro recurso estupendo, en formato audiovisual, na rede e promovido de novo pola CRTVG. Trátase do Apuntamento lusófono, que era antes algo que facía con frecuencia Esther Estévez no Dígocho Eu, e que agora xa ten espazo propio os mércores ás 22h en Twitch, da man de Rodrigo Paganelli, actor lisboeta coñecido por aparecer en series como Morangos Com Açúcar, que emitiu a Televisión de Galicia hai tres anos e que xa daquela lle serviu á canle pública para facer divulgación da lingua portuguesa nas súas canles dixitais

 

Non podiamos pechar esta guía polos perfís galegos na rede que teñen un ollo posto en Portugal sen mencionar a Carme Saborido, @Saboridinha, profesora de portugués no IES A Sangriña da Guarda, que no seu blog Lusopatia comparte moitos recursos sobre a lingua e cultura lusas. Destacamos esta entrada que fixo hai uns meses recomendando os seus podcasts portugueses favoritos. Ela fai parte da DPGaliza (Associação de Docentes de Português na Galiza), que vén xusto de abrir a súa conta en Twitter co adianto dunha campaña chamada “Amor à primeira vista” para animar a estudantes de secundaria e de bacharelato a que estuden portugués. Velaquí a primeira namorada.

Parece, pois, que van ser as novas xeracións quen tendan as pontes que precisabamos para nos comunicar con Portugal chegando a novas audiencias a través de internet e da cultura popular. Queda moito camiño aínda para percorrer sobre elas. Con todo, as outras pontes, as do Miño, xa están abertas de novo, así que podemos ir planificando as nosas vindeiras viaxes botando man das redes e compartindo todo aquilo que os veciños aínda teñen por nos descubrir. 

Poñemos música para o camiño?

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.