
Unha destas 8 cancións vai representar a Portugal en Eurovisión
E probablemente sexa a de Conan Osiris, mais non queremos adiantar acontecementos. O Festival da Canção celebra este sábado en Portimao a súa final para elixir o representante de Portugal a Eurovisión e estamos moi pendentes do que aconteza. Dous anos despois de Salvador Sobral e un ano despois de ser o país anfitrión, Portugal afronta cun moi bo nivel musical un concurso cada vez máis globalizado grazas a Youtube. Estas son as 8 propostas que competirán este sábado por viaxar en maio a Tel Aviv. Unha boa maneira de achegarnos á música actual do país veciño.
E probablemente sexa a de Conan Osiris, mais non queremos adiantar acontecementos. O Festival da Canção celebra este sábado en Portimao a súa final para elixir o representante de Portugal a Eurovisión e estamos moi pendentes do que aconteza. Dous anos despois de Salvador Sobral e un ano despois de ser o país anfitrión, Portugal afronta cun moi bo nivel musical un concurso cada vez máis globalizado grazas a Youtube. Estas son as 8 propostas que competirán este sábado por viaxar en maio a Tel Aviv. Unha boa maneira de achegarnos á música actual do país veciño.
- 01
Calema. "A Dois"
O dúo Calema é bastante popular en Portugal pero os eurofans din que o seu pop disque é demasiado xenérico para ir a Eurovisión nestas alturas dos anos dez. Estes dous irmáns nacidos en São Tomé e Príncipe son feitiños, correctos, harmónicos e teñen xa pouco máis que rañar no festival.
- 02
Mariana Bragada. "Mar Doce"
Gústanos a melodía desta canción e a actitude coa que Mariana Bragada a canta. Se fose 2003 se cadra chamaba a atención no festival. E quen sabe se nuns anos tamén, que todo volve e o neohippie por qué non. Pero intuímos que agora mesmo non tería moito que facer nese tipo de festival.
- 03
Matay. "Perfeito"
Matay ten unha voz marabillosa e a canción é bonita pero ‘Perfeito’ tal vez se imite demasiado a ‘Amar pelos dois’, de Salvador Sobral. Potencial para chegar a unha final eurovisiva e quedar en bo posto teno todo, mais unha balada así só dous anos despois de Sobral teno complicado.
- 04
Surma. "Pugna"
Surma foi unha das máis valoradas do xurado, se ben o público non o ten tan claro. Demasiado moderna para festival? Demasiado parecida a outras modernas que participan en Eurovisión cada ano da era post-Bjork? Tanto ten, con Eurovisión ou sen ela Surma mola moito.
- 05
NBC. "Igual a Ti"
O austríaco Cesár Sampson coa súa voz de barítono o pasado ano en Eurovisión deixou pegada en cantantes como Famous de Operación Triunfo 2018 ou NBC, que presenta esta canción de soul moderno bastante esquecible.
- 06
Madrepaz. "Mundo a mudar"
Unha preciosa canción indie-folk cuns intérpretes "muito afinadinhos", segundo os comentaristas de Youtube, e unhas maquillaxes que se precisan para non pasar desapercibidos nun festival de música lixeira, ou na quenda de tarde do festival de Paredes de Coura.
- 07
Ana Cláudia. "Inércia"
Ana Cláudia é a máis diva que presenta Portugal este ano, mais se cadra non abonda con ter voz e carisma mentres non aposte por un estilismo un pouco máis contundente. Porque a canción en si tampouco nos di demasiado.
- 08
Conan Osiris. "Telemóveis"
Este ano hai un claro favorito e é Conan Osiris, posiblemente a proposta máis orixinal e moderna que levaría nunca Portugal a Eurovisión. En VINTE comprámoslle todo: as pintas, a coreografía, os tenis futuristas, o título (“Telemóveis” moito mellor que “Pugna” ou “Inercia”), os sons electrónicos con toques africanas e ciganas. Conan Osiris é o nome artístico de Tiago Miranda, un rapaz de 30 anos cun pasado marcado polas substancias tóxicas e que traballa polo día nunha sex-shop de Lisboa, un dato que escoitaredes moitas veces de aquí á final de Eurovisión en Telaviv, da que xa é favorito tamén porque malo será que non gañe o sábado en Portimao.