Ruta. De Verín a Lisboa pola antiga estrada Nacional 2 de Portugal

Para chegar desde Galicia a Lisboa o normal é ir pola autoestrada de pago que transcorre á beira da costa, pero hai outra opción de ruta que tamén é moi interesante. Conducimos pola EN2 portuguesa ata a capital do país somerxéndonos no carácter auténtico das vilas e das paisaxes de interior que atravesa.

Portugal ao final é ese gran descoñecido que temos aí á beira, como ese curmán adolescente que vemos todos os anos o día da festa pero que realmente non coñecemos ben nin sabemos o que pensa. Iso si, todo o mundo en Galicia foi algunha vez a Portugal, e sobre todo, moita xente ten unha opinión formada e contundente sobre os nosos veciños. “Conducen moi mal”, “están máis adiantados ca nós”, “está todo cheo de merda”, “dannos leccións en mil cousas”…moitas destas sentencias son facilmente escoitadas cada vez que vas ou vés de alí. Pois precisamente para coñecer mellor Portugal, ou polo menos coñecelo desde outro punto de vista, fixemos a ruta cara a capital polo interior, por unha estrada nacional das de toda a vida. 

A EN2 é unha estrada das de antes, con moitas curvas, pouca beiravía, sen carrís para adiantar pero cun marabilloso encanto, para os que gustamos de conducir é unha delicia ir de vagar por ela disfrutando da paisaxe.

A EN2 (Estrada Nacional 2) é unha estrada construída en 1945 que une Chaves e Faro, atravesando todo o país polo interior nun total de 738 quilómetros. A EN2 é unha estrada das de antes, con moitas curvas, pouca beiravía, sen carrís para adiantar pero cun marabilloso encanto, de feito algúns dos tramos foron feitos seguindo as calzadas romanas existentes. Para os que gustamos de conducir é unha delicia ir de vagar por ela disfrutando da paisaxe e parando nos puntos de interese, que neste caso son todos, porque a EN2, como as estradas de antes, atravesa todas as localidades que hai ao seu paso. E aínda por riba o camiño ten moi bo firme e moi pouco tráfico.

A EN2, a Route 66 portuguesa. © Associação de Municípios da Rota da Estrada Nacional 2

Esta vía, co tempo, quedou esquecida polas administracións. Por unha banda foron construídas ao longo dos anos moitas autoestradas que discorren en moitos casos paralelas a ela ou que acurtan significativamente o tempo de traxecto entre dúas localidades. E pola outra o progresivo auxe do turismo de costa portugués e a concentración das grandes cidades na franxa atlántica fixo que poucos miraran para o interior. 

Actualmente esta ruta está en pleno proceso de reivindicación. Xa hai creada unha Associação de Municípios da Rota da E.N. 2  que loita para que esta ‘Route 66’ portuguesa estea ben sinalizada, recoñecida e que atraia outro tipo de turismo máis interesado na paisaxe e na gastronomía. Xa teñen unha páxina web con toda a información e ofrecen a posibilidade de que fagas un pasaporte se completas a ruta. Con todo, a realidade actual é, pola experiencia vivida, que a EN2 non está aínda ben sinalizada e hai que ir moi atento para non perdela e acabar metido na autoestrada sen darse conta. Pero o esforzo paga a pena.

Toda a EN2 pode facerse nun día sen parar, pero o ideal é ir degustándoa. Para o traxecto escollido, de Verín a Lisboa, o ideal sería facer tres tramos divididos segundo a elección de cada quen. 

Saír de Verín e entrar a Portugal por Chaves, que é a primeira parada, é xa toda unha experiencia. A última localidade galega é Feces de Abaixo, no concello de Verín, e aí é onde se travesa a antiga fronteira que había antes de que o espazo Schengen entrase en vigor en 1995. O edificio da aduana segue aí, como un recordo imborrable do que foi a raia e que a día de hoxe segue resultando moi curioso de ver. O uso actual do edificio é a sede da eurocidade Chaves-Verín. Avanzamos e estamos xa en Portugal e xusto ao entrar o primeiro tópico: enormes carteis de tendas de mobles. Son pouco máis de 10 minutos ata Chaves pero o traxecto está inzado de reclamos de “móveis”.

Antiga aduana, actual sede da Eurocidade Chaves-Verín. © Eurocidade Chaves-Verín AECT

Chaves ten case vinte mil habitantes e está a medio camiño entre ser unha cidade e unha vila grande. A xente da provincia de Ourense coñécea ben pola súa proximidade pero para os que vimos máis do norte resulta sempre un lugar curioso, precisamente por iso, por ese ambiente urbano pero á vez moi de vila que ten. Merece unha boa parada para gozar das rúas do casco histórico, comprar mobles se é preciso, e camiñar á beira do río Támega coa ponte romana de fondo.

En Chaves o servizo de limpeza utiliza aspiradoras como as domésticas, pero de gran tamaño. © Matías Tarrío

Saíndo de Chaves comeza o que realmente é a EN2, e o primeiro que atopamos é Vidago. Vidago é un lugar coñecido como retiro vacacional debido ao Vidago Palace, espectacular hotel que hai na localidade que ten máis de 100 anos de historia. En Galicia este sitio tamén sabemos del pola serie de TVG, coproducida coa RTP portuguesa, Vidago Palace

Un pouquiño máis adiante temos Pedras Salgadas, outro histórico lugar de vacacións da realeza portuguesa debido ás súas augas termais. Na actualidade Pedras Salgadas é un parque de 20 hectáreas no que ademais de tomar as augas ou gozar do spa, podes durmir nunha Eco House ou camiñar disfrutando da natureza polos seus 8 quilómetros de camiños.

Antes de chegar a Vila Real paga a pena parar na Lagoa de Alvão, moi cerca de Vila Pouca de Aguiar. Un lugar que forma parte da Rede Natura 2000 e que recorda á nosa lagoa de Sobrado dos Monxes. Este vídeo promocional dun camping serve para nos facer unha idea de como é o sitio.

E chegamos a Vila Real. Con trinta mil habitantes no núcleo urbano e máis de cincuenta mil no concello, podemos falar xa dunha cidade como tal. Das primeiras cousas que chaman a atención é o seu indescritible centro comercial “Nosso Shopping”, que se ve desde todos os lados como un monstro que ameaza a urbe (teñen FNAC e todo). Aquí tamén hai feísmo, e na entrada Vila Real transmite unha sensación estraña, dividida polo río Corgo. Con todo, merece a pena sobrepasar a entrada e parar na cidade para ver a Capela Nova e as súas rúas, e, xa fóra, o magnífico Palacio de Mateus.

A seguinte parada é Peso da Regua, unha vila de dezasete mil habitantes á beira do Douro, un bo lugar para aloxarse porque ten moita oferta. Unha recomendación é Original Douro Hotel, unha pensión antiga restaurada con moito gusto. Desde aquí saen rutas relacionadas co viño e catamaráns polo Douro, pero iso xa sería para outra viaxe.

Río Douro ao seu paso por Peso da Regua. © Matías Tarrío

Pódense ver estampas doutra época: dous patróns conversando tranquilamente na rúa coa particularidade de que un deles leva dous años esfolados ao lombo.

Espertar en Peso da Regua é facelo no Portugal máis auténtico. Pola mañá todo é un ir e vir de xente facendo a compra e os recados. Aquí os supermercados grandes aínda teñen caixas rexistradoras das de marcar os prezos premendo nos números e pódense ver estampas doutra época: dous patróns conversando tranquilamente na rúa coa particularidade de que un deles leva dous años esfolados ao lombo ou unha señora metendo a compra no maleteiro dun taxi coa axuda do taxista con toda a calma do mundo mentres atrancan o paso na rúa formando un atasco descomunal, e o máis importante de todo, sen que ninguén pite nin diga nada porque aos que están atrancados parécelles o máis normal. 

Cartel en Peso da Regua. © Matías Tarrío

Unha cousa importante en todo o traxecto da EN2 é non obsesionarse con ver todo o que hai a man, porque resulta totalmente inabarcable. Por exemplo, un lugar pequeno como Lamego ten unha catedral impresionante, un santuario como o de Nossa Senhora dos Remédios e un museo de arte que é unha referencia en Portugal. Non hai tempo para ver todo, así que de camiño tamén se pode parar na cima do lugar e simplemente disfrutar coas vistas.

Vistas desde Lamego. © Matías Tarrío

Seguindo a ruta, antes de chegar a Castro Daire, hai un lugar ben curioso. Trátase da capela de Nossa Senhora da Ouvida, que conta cunha imaxe policromada do século XV. Esta capela está situada nun alto como nunha especie de illa de terreo, por un lado ten un polígono industrial e polo outro a autoestrada A24. A sensación ao pasar por alí é a dun lugar inhóspito e a impoñente figura que ten na entrada parece dunha película de terror. É inevitable non parar e tirar un par de fotos. O 3 de agosto é a súa romaría onde entre outras cousas hai loita de bois e comen salpicão de língua, que é un afumado de lingua de porco.

Nossa Senhora da Ouvida, enclave singular. © Matías Tarrío

Viseu é unha das paradas obrigatorias. Con setenta mil habitantes é unha cidade moi bonita, moi cómoda para camiñala e con moita vida, polo menos aparentemente. Xa foi escollida máis de unha vez como mellor cidade de Portugal para vivir. Ademais da súa zona histórica, ten un parque precioso no medio da cidade e segue a conservar esa autenticidade dos lugares que aínda non foron colonizados masivamente polo turismo. É moi fácil atopar negocios nos que parece que se detivo o tempo, deses de toda a vida nos que os clientes e o comerciante se chaman polo nome.

Rúa de Viseu cun negocio de toda a vida. © Matías Tarrío

Seguindo de Viseu cara o sur teremos que pasar pola presa da Aguieira. Aquí poderemos atopar múltiples maneiras de facer deportes acuáticos, algo que é unha constante en todo o camiño. O interior de Portugal está inzado de praias fluviais e areas recreativas á beira dos ríos. Na web da ruta da EN2 teñen un apartado no que parecen enumeradas todas as que hai de camiño. 

Coimbra es un soñar / Lisboa mi ciudad / Oporto es una noche en fiesta”, cantaba Julio Iglesias no ano 85 na súa versión de “Abril en Portugal”, e se cadra non lle faltaba razón. Coimbra é un dos must de Portugal por algo. Aquí cómpre parar, camiñar e ollar. Só dúas recomendacións: para durmir Riu´s Studio Suites e para comer A Taberna do Azeite, produtores de aceite que ofrecen aquí as mellores olivas, o mellor aceite e unha comida de alta calidade.

Coímbra dende a terraza do Riu´s Studios & Suites. © Matías Tarrío

Como cidade universitaria que é, Coimbra ten vida nocturna e cando te adentras nela o primeiro que chama atención é a cantidade de bares que hai nos que aínda se permite fumar. Por moito que se vaia a Portugal segue sendo como unha viaxe aos 90 ver todo ese fume dentro dun espazo pechado. Por certo, é bastante fácil acabar nun pub no que fagan open mic, que para eles é que vaia subindo a xente a tocar versións variadas de temas coñecidos. Por veces todo o mundo se bota facilmente a cantar algunha canción nacional e é nese momento cando se é consciente do descoñecemento absoluto que temos por aquí do pop comercial portugués.

Piano Negro, bar alternativo en Coimbra. © Matías Tarrío

Desde Coimbra a tentación de coller a autoestrada de pago é moita. Lisboa é un reclamo moi grande e por autoestrada só son 2 horas.  A recomendación é seguir a EN2 ata que xa haxa que virar indefectiblemente cara a capital, en Montargil. Iso alonga o traxecto á beira das 5 horas e implica cubrir 430 dos 738 quilómetros que ten en total a ruta da EN2. Pasaríase por Góis, un concello moi coñecido para os habitantes de Oroso (os concellos están irmandados e a alameda de Sigüeiro leva o nome de Alameda de Góis). Tamén se pasaría por Pedrógrão Grande, lugar de triste recordo polos incendios forestais de 2017, e pola presa de Mortangil. 

Unha calella de Lisboa. © Matías Tarrío

Efectivamente Lisboa é moita Lisboa, e quedou esa parte da EN2 sen facer. De Lisboa só imos dicir que a enxurrada de cartos estranxeiros que se inverteron na cidade nos últimos anos fixo que a capital do país nunca estivese tan bonita, é incrible como cambiou de tres anos para acó. Todos os edificios están rehabilitados, todo está bastante limpo e todo está bonito, especialmente na Baixa pero tamén se nota o cambio no Bairro Alto e na Alfama. A parte negativa de todo isto xa a sabemos, cada vez vive menos xente na cidade e cada vez hai máis turistas. Con todo, segue sendo unha urbe fantástica e chea de vida, onde é moi fácil perderse na súa noite e acabar, por exemplo, vendo de maneira improvisada un concerto nun dos seus clubs.

A banda portuguesa 10000 Russos en directo no club Sabotage, en Cais do Sodré, Lisboa. © Matías Tarrío

Recomendacións

 

Para durmir:

 

Para comer:

 

Matías Tarrío

Matías Tarrío

Redactor de VINTE. Gústanme os discos e as filloas con rixóns.

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.