Alberte Pérez. O queixeiro de Lugo que triunfa en Portugal

Primeiro empezou en Lugo, e desde hai pouco máis dun ano deu o salto ao Porto. Alberte Pérez disfruta do recoñecemento como queixeiro en Portugal debido ao seu respecto ás tradicións, á especialización e aun trato co cliente case familiar. E expande o seu negocio nun país non tan preocupado coma o noso polo colesterol. 

“Eu non inventei nada, este tipo de queixerías xa levan funcionando desde hai 40 anos en Londres”, relata Alberte Pérez con moita humildade. Este lugués de 33 anos non tiña tradición na familia pero si era un amante dos queixos. Hai cinco anos, e en complicidade cun amigo, montaron cadansúa tenda. O amigo en Conde Duque, en Madrid, Quesería Cultivo e el na Praza do Campo en Lugo Queixería Praza do Campo.

O elemento diferenciador da queixería de Alberte é o produto que ofrece: poucas referencias pero moi ben seleccionadas, moi ben conservadas e sempre de produtores pequenos que traballan de xeito artesán. Ademais Alberte sempre anima ao público a probar os queixos e a deixarse sorprender, tanto no gusto como no olfato. El é irmán do poeta Lois Pérez. Algo de sensibilidade artística tiña que haber nos seus xenes para poñer en marcha un concepto de queixería tan interesante para os sentidos. 

Entrada da Queixería Praza do Campo en Lugo. © Alberte Pérez

Vender queixos na era de Instagram obriga a coidar todos os detalles visuais, desde o deseño da marca ou a decoración da tenda ata o empaquetado dos queixos. Para a Queixería Praza do Campo mesmo mercou unha bicicleta de carga en Copenhague coa que transportar os pedidos pola cidade, apoiando os valores de sustentabilidade e modernidade asociados á súa marca. E facendo unha valiosa achega á paisaxe diurna da zona dos viños de Lugo, que se adoita activar máis ben a partir da tardiña.  

Mais o importante é o produto: os queixos que Alberte vende son galegos e españois, holandeses, italianos, franceses e británicos. Moitas das pezas chegaron á súa tenda de Lugo despois das viaxes que el mesmo fixo buscando queixos diferentes e interesantes. De feito, Alberte estivo no lugar onde se fai cada un e coñece persoalmente as persoas que traballan na súa elaboración, que habitualmente son familias e pequenos produtores. 

Alberte visitando unha das produtoras dos seus queixos en Alblasserwaard, Holanda. © Alberte Pérez

Cando se lle pregunta polos seus tres queixos favoritos élle moi difícil responder pero finalmente cita tres ("se me preguntan noutro momento podería dicir outros tres diferentes"). Dos galegos cita o Bisqato de Guitiriz ("O Camembert galego"), dos españois o queixo de leite cru de ovella e codias lavadas elaborado en Serrada (Valladolid) por Quesería Campoveja, e dos europeos un Comté Marcel Petite chegado de Granges Narboz (Francia). Estes e outros queixos pódense mercar na queixería de Lugo, pero desde hai pouco máis dun ano tamén no Porto, na Queijaria do Almada.

“Lugo é moi pequena e para o meu negocio, tan específico, necesito máis poboación e máis movemento”, conta Alberte. Con moito humor tamén fala do envellecemento da poboación en Galicia e como iso afecta ás vendas: “a xente máis maior cóidase moito de comer sal e graxa, e aí os queixos levan as de perder”. Alberte precisaba dar un salto e estivo buscando ata que atopou o lugar en Portugal: "mirei na Coruña e en Vigo, en Asturias e en León, pero sería unha cousa moi parecida ao que teño en Lugo. Coñecía o Porto, gustábame e fun probar". Alí atopou outras posibilidades de crecemento a nivel económico, tal e como describe: “Falamos dunha área metropolitana de 1,7 millóns de habitantes, máis grande que a de Vigo e A Coruña xuntas. E aínda por riba o Porto está nun momento de crecemento importante sobre todo a nivel turístico”.

Clientela probando os queixos de Alberte Pérez no Porto, Portugal. © Alberte Pérez

En Portugal atopou un recoñecemento ao seu traballo que bota de menos aquí. "Cando vou ver un cliente en Portugal o primeiro polo que pregunta é polo produto e as súas características. Cando vou ver un en Galicia o primeiro polo que pregunta é polo prezo", describe Alberte. No Porto traballa moito con hoteis, servizos de catering e restaurantes e aí os seus queixos son moi apreciados. "Traballo con algúns hoteis importantes da cidade e está previsto que abran varios de categoría no próximo ano, hai moi boas perspectivas", conta Alberte.

Con moito humor tamén fala do envellecemento da poboación en Galicia e como iso afecta ás vendas: “a xente máis maior cóidase moito de comer sal e graxa, e aí os queixos levan as de perder”. 

O mundo gourmet de Portugal está encantado cos queixos de Alberte e isto vese reflectido en primeiro lugar en reportaxes de webs como a Time Out do Porto ou Visão Sete, e, sobre todo, no recente premio á Melhor Loja Gastronômica 2019 do blog Flavors&Senses

Sainte-Maure de Touraine, queixo francés de leite de cabra que comercializa Alberte. © Alberte Pérez

Toda a recepción que está tendo no Porto contrasta con Galicia, onde a pesar da boa acollida do seu proxecto as cousas non funcionan todo o ben que a el lle gustaría: "xullo e agosto moi ben, pero o resto do ano é complicado porque a pesar de ter moita clientela local eu baséome moito tamén na hostelería e no turismo". Alberte fala cun pouso de amargura: "Eu creo que hai moitas cousas que non se están facendo ben aquí, especialmente en canto ao turismo de calidade e a oportunidades para os máis novos. Só hai que saír fóra e darse conta de que todo podería ser moito mellor".

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.