Un grupo de mozas e mozos da contorna de Muimenta, na comarca da Terra Chá, organiza este sábado, 3 de setembro, a segunda edición do festival cultural Pozomouro na área recreativa Ribas do Miño. Queren reivindicar que as iniciativas culturais máis vangardistas tamén poden chegar ao rural, que é onde queren poder vivir
En Muimenta (Lugo) todo o mundo sabe onde está o Pozomouro. «É unha zona do Miño á que xa de vello se lle chamaba Pozomouro, é moi escura, moi fonda e de pequenas sempre nos dicían que moito ollo con ir alí». Pero agora tamén é sinónimo de intercambio cultural, de traballo en equipo, de festa colectiva e de reivindicar unha vida digna no noso rural. Un grupo de mozas e mozos da contorna de Muimenta, na comarca da Terra Chá, organiza este sábado, 3 de setembro, a segunda edición do festival cultural Pozomouro na área recreativa Ribas do Miño.
Unha iniciativa autoxestionada e altruísta que destaca pola ilusión da mocidade que a organiza, un grupo de mozas e mozos que son quen de transmitir esas ganas por levar manifestacións culturais ao seu pobo ás que normalmente non teñen acceso. «Nós queremos seguir facendo isto, non queremos que o problema sexan os cartos e temos moita sorte porque toda a xente que participa adáptanos o orzamento para vir porque confía en nós. E non hai nada mellor que sentir que confían en ti. Aquí en Muimenta estamos moi acostumados a colaborar entre nós e a xente axúdanos co que pode. Nós repartímonos as tarefas dentro da organización en función dos gustos e o que sabe facer mellor cada un. Ao final, cando fas traballo altruísta sempre é mellor que che guste o que fas», conta Andrea Maseda, unha das organizadoras, que se encarga da comunicación.
«Somos un grupo de xente moza de Muimenta e doutras vilas da contorna que tiñamos inquedanza por xerar un espazo de diálogo e de intercambio de saberes. En Muimenta xa existen varias asociacións culturais, unha delas é a asociación Aquilino Iglesia Alvariño, que é a que respalda o festival para os trámites oficiais. Pero non todas formamos parte desta asociación, somos un grupo independente dunhas vinte persoas as que sacamos adiante o proxecto de Pozomouro», explica Andrea Maseda.
Teñen entre vinte e corenta anos e non todos poden vivir toda a semana en Muimenta, que é un dos obxectivos deste festival ao pretender levar á vila outras opcións culturais que son para eles necesarias, da mesma maneira que o transporte público ou os servizos básicos que te permiten desenvolver a túa vida nun lugar a día de hoxe.
«En Muimenta sempre fomos persoas un pouco inquedas nas cuestións socioculturais, tratando de involucrar a toda a veciñanza nas actividades da zona. Un grupo de xente moza o que viamos era que a corrente da oferta cultural, ás veces, só tira cara a un lado da cultura. Para nós era necesario traer outras cousas aquí. Nós témonos movido quilómetros para ver a grupiños ou para ter asistido a obradoiros que tristemente viamos que na nosa comarca non se realizaban. Entón, queriamos traer aquí esas manifestacións culturais máis vangardistas para metelas dentro da oferta natural e habitual da cultura na vila», engade Maseda.
O festival ten actividades ao longo de todo o sábado. Comeza pola mañá cun roteiro polo río Miño dirixido por persoas da organización que ten o obxectivo de concienciar sobre a conservación do territorio. A continuación da ruta haberá unha sesión de biodanza que propón unha inxerción en conexión coa natureza a través de movementos corporais «para relaxarnos e ir moi tranquiliñas xa para o vermú».
A sesión vermú contará coa actuación musical de Catuxa Salom, que é un exemplo perfecto do que a mocidade organizadora quere ver en Muimenta. «É unha fusión galego-latinoamericana cuns ritmos electrónicos. Unha música súper sonora que lla ensinas a persoas que non a escoitaron nunca e lles gusta, pero antes non podían saber que lles gustaba porque non tiveran a oportunidade de escoitala. Queremos que a xente teña elección, saiba o que se está facendo e poida decidir se lle gusta ou non», incide Andrea Maseda. Tamén haberá concertos de Sofía Espiñeira, Pillaband′s, Pedro Campos, Brazil Love Affair e, contra última hora, o DJ Um Sincero.
Haberá comida (con opcións vexetarianas e sen glute) e bebida durante todo o día e a posibilidade de acampara alí para quen non queira marchar ata o domingo. A programación complétase cos pozos, que son os obradoiros de lecer e culturais. «Para nós os pozos son como espazos delimitados», aclara Maseda. Haberá un pozo de ilustración para crear un mural colectivo a través da participación de catro artistas e as participantes. Será nunha zona da área recreativa e quedará alí de maneira permanente, como unha forma de darlle valor ao espazo e que quede a pegada deste día.
Tamén temos un pozo de circo, que será un obradoiro de iniciación á acrobacia con Almeja fuego, que é unha rapaza do colectivo circense CirQuack. O pozo miúdo –pensado para as crianzas– está a cargo de Trécola Producións e creará xogos a partir de materiais de refugallo. Ademais, ao longo do día haberá un pozo musical da man de Sito Carracedo e Roi Adrio, dous artistas que tamén subirán ao escenario nos concertos da noite», debulla Andrea Maseda.
A preocupación destes mozos e mozos de Muimenta pola supervivencia do rural e pola crise medioambiental levounos a organizar nesta segunda edición do Pozomouro un coloquio arredor dos eólicos para informar e escoitar as inquedanzas da cidadanía que se achegue ao festival co obxectivo de compartir impresións sobre esta fonte de enerxía. «Queremos que se coñezan os programas tanto eólicos como mineiros que se proxectan na nosa comarca e que poñen en grave risco a supervivencia do rural», salienta Maseda, quen apunta que na charla participarán Margarida Prieto, Xoán Doldán, Nery Díaz e Andrés Castro.
Ao luscofusco terá lugar o recital poético de Rochi Nóvoa, Rafa Lobelle e Daniel Irimia, que contará cun micro aberto ao final para sumar ao público. A programación desta segunda edición –despois dun parón obrigado a causa da pandemia– é moito máis ambiciosa que a da primeira experiencia colectiva de 2019. Contan con que se achegue máis xente nesta ocasión e xa teñen un plan b por se as borrascas non perdoan o sábado.
«Como organizadoras somos as primeiras que traemos as nosas amizades ao festival e atopámonos con que o sábado non hai un autobús que conecte con Muimenta. Con este tipo de limitacións todo é moito máis difícil. A problemática é que non hai servizos, pero para esixir servizos tamén se necesitan persoas habitando os lugares... Ás veces é un círculo que non sabes onde se ten que romper. Pero nós, con este festival cultural, queremos axudar a rompelo un pouquiño», asegura Andrea Maseda.