Historias da mocidade en Lugo. Profesionais e emprendemento

Coa colaboración do

Hai unha nova xeración que está a atopar en Lugo oportunidades para poñer en marcha os seus proxectos profesionais, ou está disposta a crealas se non as atopa de primeiras, no ámbito da saúde, da comunicación, do deseño, da tecnoloxía… xa sexa tendo os seus clientes potenciais en Lugo ou traballando para calquera outro punto do planeta. Imos coñecer algunhas destas historias en primeira persoa. 

 

Ángeles

© O Novo Normal

«Chámome Ángeles, teño 28 anos, son nutricionista e vivo en Lugo. Nacín e estudei aquí, pero cando rematei a carreira pasei uns meses vivindo en Barcelona. Aí foi cando me decatei de que o meu era Lugo, de que quería volver. 

Acabo de abrir unha consulta de nutrición na cidade, e estou encantada. Lugo é unha cidade cómoda na que hai de todo, chegas aos sitios rápido e hai moitas actividades para facer. Tamén é unha cidade ideal para o deporte, tanto ao aire libre como en interiores: temos o paseo do Miño, o novo carril bici e a Muralla. A min encántame montar a cabalo, e a quince minutos de aquí podo facelo. Temos a natureza ao lado. Estamos nunha cidade pero ao lado temos a aldea. É unha marabilla. Penso que cara aí é cara a onde vai o mundo. Cada vez valoramos máis o poder facer actividades ao aire libre. 

Antes escoitábase moito iso de que en Lugo non hai nada que facer, pero penso que xa non é así. A xente nova temos moitos plans que facer: os ‘tardeos’ e os ‘noiteos’ no verán, a zona dos viños e, como dixen, as actividades deportivas. Igual non temos os teatros de Madrid, ou as praias doutros sitios, pero a nosa cidade ten cada vez máis vida, máis ambiente. Eu noteino moito este verán co turismo. Estou encantada.  

Polo demais, encantaríame que se seguisen habilitado novos sitios para estar ao aire libre, e que se organicen cada vez máis actividades culturais. Pero que non cambie moito a cousa –ollo–, porque o Lugo que temos hoxe en día é xenial. Que avancemos, si, pero que non estraguemos o que temos».

 

«Antes escoitábase moito iso de que en Lugo non hai nada que facer, pero penso que xa non é así. A xente nova temos moitos plans.»

 

Brais e Daniel

© O Novo Normal

Brais: «Teño 28 anos e son deseñador gráfico na empresa que teño con Daniel, Versalita Estudio. Son de Lugo”.

Daniel: «Eu son de Lugo tamén, e teño 24 anos. Comezamos este proxecto ao inicio da pandemia, pero estudamos xuntos, así que xa nos coñeciamos. Temos estilos distintos: Brais é máis creativo, e eu son máis metódico. Complementámonos ben».

Brais: «Eu son tamén unha persoa moi inquieta. Gústame facer cousas diversas, e ser autónomo é un xeito de conseguilo».

Daniel: «É como a aspiración máxima, non? Estudar deseño e deseñar para ti, non para outro. Tes o teu propio estudio e podes decidir con quen traballar e que tipo de liña de negocio queres ter».

Brais: «E para nós estaba claro desde a carreira que Lugo precisaba un empurrón en canto ao deseño e á dixitalización de empresas. Despois, con todo o tema da covid xa o vimos clarísimo: fíxose imprescindible a presenza online».

Daniel: «Cando comezamos non sabíamos moi ben como facer. Falamos coa xente do Concello e do CEI-Nodus, que nos cederon un espazo nas súas instalacións. Grazas a iso puidemos coñecer outras empresas e apuntarnos ao coworking, e aí foi onde impulsamos a empresa. Tamén nos asesoraron coa cuestión das finanzas, a través dos nosos mentores, porque era un tema no que estabamos un pouco verdes. Traballamos en ver outros puntos de vista e novas ideas que nos poidan axudar a decidir cara a onde queremos tirar, que tipo de clientes buscar e, incluso, que tipos de proxectos non aceptar. Cousas que nos son moi útiles».

Brais: «Á fin e ao cabo, o primeiro ano é sempre o do ensaio e o erro. Entras un mundo que non coñeces, sen ningunha experiencia co emprendemento, e camiñas cos pés frouxos, mirando por onde podes tirar. A axuda que está a brindar o CEI-Nodus está sendo vital para nós».

Daniel: «A maioría dos nosos clientes ata o de agora son de Lugo, tanto particulares como empresas, e de distintos sectores. Temos desde unha psicóloga ata una rapaza que leva un centro de terapia ocupacional, ou xente que traballa con drons. O deseño gráfico é algo tan amplo que pode abarcar calquera ámbito».

Brais: «Iso é o bonito. Este non é un traballo nada regular: un día falas con cunha consultora, e ao dia segunte cunha persoa que traballa en estética. Aprendes moitísimo de todos os gremios».

Daniel: «E sentimos que o deseño gráfico é importante para a imaxe dunha cidade, tanto de cara a dentro como cara a fóra».

Brais: «Non é só imaxe estética, é tamén experiencia. Ti, se nunha cidade ves que os detalles están coidados, que a comunicación está ben feita, e que a forma de expresarse vai cos valores do sitio, sénteste mellor. Todo contribúe á experiencia. O único que nos falta é poñernos un pouco ao día en canto ás novas tecnoloxías –o resto xa o temos–, e darlle unha imaxe máis actual á cidade. Hai que poñerse un pouco ao día. Ainda así penso que imos a mellor. Axilizouse moito a creación de eventos e de actos culturais, e nótase que estamos a crecer. Cando eu era novo, todo o mundo aspiraba a marchar de aquí, e iso xa non e así. A xente nova está emprendendo e apostando por Lugo».

Daniel: «Cada hai máis oportunidades. Brais e máis eu somos como as dúas facetas de Lugo: Eu son moi de deportes –oBreogan é unha parte moi importante da miña vida–, e Brais é máis de ir a museos.  E el é máis de querer explorar cousas fóra, e gustaríalle vivir noutro país, e eu son máis da morriña e do apego á casa. A morriña por un lado, e o descubrimento polo outro. Os dous Lugos. Penso que é unha boa combinación».

«Cando eu era novo, todo o mundo aspiraba a marchar de aquí, e iso xa non e así. A xente nova está emprendendo e apostando por Lugo»

Sara

© O Novo Normal

«Son Sara, teño 27 anos e son xornalista deportiva en Radio Lugo, na Cadena Ser. Nacín en Vilagarcía de Arousa pero levo vivindo aquí desde os 8 anos.

Non me movín de Lugo ata que fun estudar a carreira de Xornalismo a Santiago. Estiven cinco anos aló, e volvín cando me ofrececeron este posto de traballo. Estou moi contenta.

Sempre me encantou o xornalismo local. Penso que que é o tipo de xornalismo máis agradecido que hai, xa que estás en contacto coa xente que te rodea e cos seus problemas. Moitas veces os medios falamos de temas a gran escala, cando os que máis nos deberan importar son os que temos ao lado, os da nosa comunidade. Esta é a cidade na que me criei e onde vou coñecendo historias de aquí, de alá e de acolá. Poder estar pendente da veciñanza e dos seus problemas –e tentar darlles resposta– é algo, para min, incrible.

Dun tempo a esta parte, vexo moita xente nova que se está asentando na cidade. Tamén entre as miñas amizades. É unha cidade moi cómoda: podes ir a todas partes andando, tes comercio de proximidade e xente encantadora. Cómese de marabilla e, aínda por riba, claro, están as tapas, que están boísimas e que fan que os nutricionistas teñan sempre traballo, porque todos subimos de peso. (Risas). Por sorte tamén temos o deporte, e aí teño que facer alarde do meu sector. Non creo que exista outra cidade en Galicia como a nosa: esta cantidade de deportes e de deportistas –tanto de base coma de elite– e de grupos profesionais non a hai en ningún lado. E temos espazos para poder practicalo, buf, os que queiramos. Lugo é deporte. 

Os lucenses temos que estar moi orgullosos do que somos como cidade, do pasado que temos e, sobre todo, do futuro que nos agarda. Penso que vai ser moi prometedor».

 

Héctor

© O Novo Normal

«Chámome Héctor, alias Donicela, teño dezasete años e son de Lugo. Estou esperando para cursar 2ª de bacherelato, e á vez estudo 3D e administro a miña propia empresa de VTubers.

Á parte dos videoxogos nunca tiven outras paixóns, ata que hai pouco, con quince anos, descubrín o mundo dos VTubers. Ahí xa quixen meterme de cabeza. Sempre fun aforrador e, cun par de miles de euros merquei un PC e montei un setuppara comenzar a emitir. Ao mesmo tempo descubrín que neste mundiño se estaban a montar axencias e, ainda que non entendía moi ben como funcionaban, axiña me decatei de que non estaban a facer as cousas ben. Propúxenme mellorar todo o ambiente que hai neste sector, un sector que era aínda moi novo e pequeno.  En canto fixen dezaseis anos vin ao CEI-Nodus por recomendación do meu profesor de economía, que me dixo que falase cunha persoa en concreto: Norman. Vin só recoller información, pero a Norman gustoulle tanto o proxecto que xa non me deixou marchar: deume información, ferramentas, e apuntoume a unha chea de cousas. Colleume como o seu protexido e axudoume moito. Estoulle moi agradecido.

Os VTubers, ou virtual youtubers, son creadores de contido que utilizan un avatar dixital en 2D ou 3D para comunicar, e que se están a apoderar de todo o sector dixital do entretemento. Twitch, de feito, acaba de anunciar un takeover da plataforma por parte dos VTubers, unha pasada. Non se trata só dun influencer a secas, é outra cousa. O ourizo Sonic ou o tigre de Kellogs xa son VTubers. Tamén Netflix ten o seu propio avatar en Xapón. É un mundo en expansión.

A miña empresa chámase Oni Live. Traballamos unhas trinta persoas na axencia, e cinco de eles son VTubers.  A maioria son mozos latinoamericanos, e axudámolos en tódas as facetas da creación. Temos varios departamentos: dirección, arte, edición de vídeo, xestión de redes… incluso temos un de psicoloxía. Ser VTuber é algo que pode carcomer moito, xa que ao usar un avatar –ao ser un personaxe actuado– un sempre ten a dúbida de se a quen aprecian é a ti, ou se é ao teu personaxe.  É un mundo duro.

O meu futuro –para ben ou para mal– non esta, creo, nin en Lugo nin en Galicia. Á única escola de animación que hai aquí está na Coruña, e deixa moito que desexar. Parece un estereotipo, seino, pero é a verdade: estamos moi atrasados tecnolóxicamente. Gustaríame ir estudar a Cataluña.  Alí por exemplo, hai todo un barrio dedicado a cousas de este estilo. Están a outro nivel.

Norman comentoume que no futuro gustaríalle facer un programa de retención de novos talentos, e penso que é unha boa idea. Non é nada bo que xente que ten cousas que achegar teña que marchar para poder realizarse, simplemente porque aquí non temos xeito de explotar os nosos talentos. É o que hai por agora, pero é unha mágoa.».

«Cada vez máis xente nova decide probar aquí a gañar a vida. Gustaríame ver que o conseguen»

Patricia

© O Novo Normal

«Chámome Patricia, teño 28 anos e estudei Conservación e Restauración de Bens Culturais, pero hai nada descubrín que ao que me quero dedicar de verdade é ao audiovisual. Nacín en Cuba, pero levo dende os once anos vivindo aquí.

Encántame Lugo para vivir. É unha cidade cercana, acolledora e con moito patrimonio. Está todo preto. E o clima, ainda que pareza raro, encántame. Gústame o frío. Agora mesmo vexo moitos proxectos novos, ademais, moita mocidade emprendendo. Cada vez hai máis xente que decide facer cousas na cidade.

Hai pouco participei no obradoiro Start IoT 5.0 que promoveu o Concello de Lugo. Fíxeno xunto con outros mozos e mozas de menos de trinta anos, e foi un proxecto en apoio ao comercio local, baseado no audiovisual. Fixemos unha chea de vídeos sobre negocios da cidade, e aprendemos moito. Gustoume facer os planos, estar coa cámara, montar e editar… todo. Foi unha experiencia bonita, e axudoume a descubrir a miña verdadeira vocación. 

Está é uha cidade viva con moitas cousas que ofrecer, ainda que ás veces só se fale da Muralla: hai feiras, concertos na rúa… un montón de actividades. Todas as fins de semana vexo cousas novas polo centro e, como dixen, cada vez máis xente nova decide probar aquí a gañar a vida. Gustaríame ver que o conseguen».

 

Nerea

© O Novo Normal

Chámome Nerea, teño 23 anos, son das Somozas –preto de Ferrol– e son directora de fotografía. Traballo nunha produtora audiovisual que se chama Cámara Brava, aquí, en Lugo.

Estudei Realización Audiovisual na Fundación TIC, e cando rematei fun a Barcelona facer un máster en Dirección de Fotografía. Quedei dous anos alí, pola pandemia, e regresei para facer as prácticas aquí, nunha produtora de Lugo. E foi cando comezamos co proxecto de Cámara Brava. Emprender non era algo que entrase nos meus plans, pero coñecín o CEI-Nodus, que é un centro onde se nos axuda a iniciar os nosos proxectos, e decicín aproveitar a oportunidade. Foi unha grande axuda. 

Cámara Brava naceu dende a fusión da imaxe aérea e outra máis convencional. Tamén facemos vídeo corporativo e spots publicitarios para empresas. Custounos arrancar ao principio, claro, porque ninguén nos coñecía, paro xa estamos dando pasos en firme. O  CEI axudounos moito niso, tamén, poñéndonos en contacto con moita xente. 

No CEI somos todo xente nova con ganas de emprender. E é un lugar que nos ofrece a posibilidade de intentalo. Temos moitas ganas de facer cousas e de movernos. Xa estamos a facer proxectos con outras empresas do centro, e establecendo relacións moi chulas. 

Por agora sigo vivindo nas Somozas –non me podo permitir aínda un alugueiro en Lugo– pero en canto o proxecto se consolide gustaríame vivir aquí. Encántame a xente de Lugo e penso que, para ser unha cidade, as relacións son moi próximas. Iso é o que máis me atrae. E que eu son de pobo, así que marchar para unha cidade grande non me gustaría. Espero poder seguir aquí dentro de dez anos, pero xa cun local propio».

 

O Novo Normal: A Coruña

O Novo Normal: A Coruña

O Novo Normal: A Coruña xurdiu dun momento histórico, dunha pandemía que nos mudou a vida a todos, e como un xeito de darlle sentido ao que estabamos a vivir. É un proxecto fotográfico vivo, que segue a evolucionar. Podedes seguilo en Instagram e en Facebook.

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

En historias anteriores

  • Historias da mocidade en Lugo

    Historias da mocidade en Lugo: Movementos sociais

    En Lugo móvense moitas cousas en torno ao deporte, o activismo, a participación xuvenil, o asociacionismo… e é a xente nova quen está impulsando moitos destes movementos, ou que chega de fóra con ganas de contribuír e mellorar a cidade. As protagonistas de hoxe compártennos as súas experiencias e motivacións para apostar polo seu futuro aquí, facendo avanzar a sociedade en distintos ámbitos. 

    Lugares

    Coa colaboración do

  • Historias da mocidade en Lugo

    Historias da mocidade en Lugo: Cultura

    Algo se está a mover en Lugo. A capital acolle unha nova fornada de creadoras e axentes culturais que, trala pandemia, decidiron regresar ou simplemente quedar a vivir na cidade. Algo que de primeiras non entraba nos seus plans. E atoparon un Lugo diferente, con máis xente nova e máis oferta de cultura e lecer, pero tamén o Lugo de sempre visto agora con outros ollos: os dunha nova xeración que valora a calidade dunha vida máis lenta, máis barata, máis próxima e en contacto coa natureza. 

    Lugares

    Coa colaboración do

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.