Historias da mocidade en Lugo: Estudantes

Coa colaboración do

Ser lucense e estudante supón que non sempre temos a opción de cursar o que queremos. Iso obríganos a marchar a outros lugares e ver Lugo doutra maneira, sen saber se volveremos ou non. Tamén moita xente opta polo Campus Terra para a súa etapa universitaria, polas posibilidades que ofrece a FP, ou remata o bacharelato mentres completa a súa formación vital a través do deporte ou do asociacionismo. Continuamos coñecendo como vive a mocidade de Lugo e que impresión ten sobre o futuro desta cidade. 

 

Ana María

© O Novo Normal

«A miña relación con Lugo é de toda a vida: de nacer, crecer e seguir vivindo aquí. Estudo Relacións Laborais.Encántame a proximidade, e tamén que sexa fácil coñecer a xente dos círculos que che interesan. Non digo que sexa algo que lle guste a todo o mundo pero, para min, vivir nunha cidade tan abarcable é algo positivo.

Tamén sinto que cada vez hai máis oportunidades. Nótase moito no verán, claro, pero cada vez tamén máis durante o resto do ano. Fanse moitas cousas novas. Ademais a comunicación do que se fai é boa. Hai nada fixen un curso de monitora, por exemplo, e entereime por un post de Instagram. Un anuncio na radio non chegaría do mesmo xeito á mocidade. Son cousas que fan que me achegue máis á miña cidade.  Ainda falta unha pequena chispa pero sinto que, coa xente nova, vaise polo bo camiño.

Igualmente sempre hai cousas que se poden mellorar. Cousas como a pegada verde. Un exemplo: na Praza da Mosqueira non se plantou ningunha grande árbore que vaia estar aí no futuro, e durante o verán hai partes da cidade onde non podes levar o can a pasear, porque non hai sombras, e o chan está tan quente que se lle queimarían as patas. Son temas a mellorar. Tamén sería bo tentar facer unha cidade máis vivible e menos consumible. Penso nun adolescente, por exemplo, en alguén con poucos cartos na carteira ao que quizás non lle apeteza ter que ir tomar algo para poder quedar cos amigos. Estaría moi ben fomentar novos tipos de plans e de actividades de lecer». 

 

«Sería bo tentar facer unha cidade máis vivible e menos consumible». Ana María

 

Ilias

© O Novo Normal

«Nacín en Marrocos, acabo de facer 18 anos e estudo no CIFP As Mercedes. Fago unha FP de mantemento de vivendas e estou no segundo ano, que é o último, e o próximo ano cursarei un grao medio de instalación de paneis solares. Sinto que hai moitas oportunidades aquí, sobre todo pola parte das FPs. Se queres estudar e ter un futuro, hainas de todo tipo: estética, informática, electricidade… Tes moitas opcións e, mentras fagas algo que che guste, penso que lle sacarás proveito, e que che vai ir ben. Teño amigos que, pese a que non remataron a ESO, fixeron unha FP e están traballando e contentos. 

No meu día a día quedo con amigos. Imos tomar algo, pasear e botar unhas risas. Teño varios amigos de Marrocos aquí, xente que naceu na mesma cidade ca min e os pais son amigos dos meus. Son como irmáns para min, mais iso non significa que non me leve de marabilla coa xente de aquí. A relixión é a relixión, e polo demais todos somos iguais. Non me importa de onde veñas, o importante é que sexas boa persoa e que non te metas en líos. Lugo é unha cidade bonita e diversa, e xa sinto que son de aquí. Teño a sensación de que está mellorando. O único que lle falta é unha praia. (Risas).Se a tivese, para min xa sería a mellor cidade de Galicia. 

Penso que teño futuro aquí».

 

«Lugo é unha cidade bonita e diversa, e xa sinto que son de aquí. Teño a sensación de que está mellorando. O único que lle falta é unha praia». Ilias

 

Soraya

© O Novo Normal

«Chámome Soraya, teño 26 anos e ata hai nada era estudante. Agora tócame poñerme a traballar.

Son un pouco como a filla pródiga da cidade. Vivín aquí toda a miña infancia, pero despois marchei para Pontevedra e Santiago, e agora para Madrid, onde estudei teatro. Son actriz, e vou buscar traballo alí, pero ponme un pouco triste. Encántame Lugo. 

Comecei a facer teatro de pequena, a nivel local, na cidade de Lugo. Estiven metida nun grupo de teatro afeccionado e actuabamos pola rúa. Recordo que fixemos Antígona na muralla, e foi precioso. É algo que valoro moito, iso de levar a arte pola cidade. Despois do teatro local pasei ao universitario. Tiñamos contacto con aulas universitarias de outras partes de España, e decateime de que non tiñamos nada que envexar. Nesta cidade é onde naceu a miña vocación.

Desde que marchei cambiaron cousas, pero o importante segue igual: continúa habendo oportunidades para que a xente nova poida descubrir o teatro. Os lucenses sempre tivemos ansia por disfrutar da arte,  por ver teatro e outros espectáculos. Hai pouco fun a un de maxia, unha reunión de magos internacionais no auditorio. Flipei, estaba cheo. Vin que hai un esforzo por poñer a Lugo no mapa e que a cidade responde. A arte atrae a xente, e o teatro é conexión. Os seres humanos necesitamos dela. Non quero poñerme moi política, pero hai quen suxire que a xente de certos lugares –daspequenas cidades, ou das vilas– non é quen de apreciar a arte. Iso é unha parvada. Eu non podo falar doutras disciplinas pero do teatro si. O teatro é a arte do pobo, e a xente de aquí, como a de todos os lugares, ten ansia de participar e de aprecialo. Non somos menos. Aínda non tiven a oportunidade de facer teatro en Londres, pero si que fun de espectadora. Vin que a xente reacciona, entende o que lle contan, e métese nas historias igual que aquí. Non vexo diferenza.

Pola miña parte, o fogar tira moito. Oxalá poida volver vivir aquí no futuro e traballar do meu. Mentres, seguirei vindo de visita sempre que poida».

 

Carmen

© O Novo Normal

Chámome Carmen, teño 28 anos e vivo en Lugo. Estudei Historia e agora estou opositando para os corpos de facultativo de arquiveiros, arqueólogos e bibliotecarios. 

Vivir en Lugo influíume moito para que xurdise en min o interese polas Humanidades, e para que me decidise a estudar Historia. Se xa es unha pequena á que lle gusta o tema dos romanos, e por riba tes ao lado unha muralla que é Patrimonio da UNESCO, e ao mesmo tempo vives nunha cidade milenaria… pois imaxina.  

Lugo ten moita relación co seu patrimonio, co romano sobre todo. Quizais a outras épocas non se lles presta tanta atención como se debera, pero penso que, para ser unha cidade deste tamaño, non se fai un mal traballo. Igualmente, mostrarlle certa atención a outras cousas fóra do mundo romano estaría ben, pero en xeral hai bastante investimento en patrimonio, arqueoloxía e cultura na cidade. E cousas como as que se fixeron nesta zona, como a peonalización ao carón da muralla, penso que son moi positivas tamén desde o punto de vista do patrimonio. 

Se saco a oposición vou ter que marchar de aquí, porque en Galicia non hai arquivos estatais. É o que me toca e non o vexo mal. Botarei de menos moitas cousas, pero vai ser unha nova etapa».

 

Elianne

© O Novo Normal

«Son Elianne, teño 17 anos e vivo aquí, en Lugo. Estudo bacherelato no IES Sanxillao.

Principalmente o que fago é estudar, bailar, e participar nas actividades do Arde Lucus. Tamén patinar e quedar cos amigos. Depende do día.

Levo nove anos bailando. Comecei no colexio e cando abriu a escola Gravitty apunteime. Alí fixen baile moderno e hip-hop. Despois fun subindo de nivel, e agora xa estou nos equipos de competición. Adestro cinco ou seis horas só na academia, pero tamén fago outros deportes e quedo para bailar fóra das clases. Sinto que o baile non se considera nin deporte nin arte –tanto en Lugo coma no resto do mundo– e eu penso que é unha mestura das dúas, non se pode negar. De todos xeitos, nesta cidade está un pouco máis estendido que noutras, e nós traballamos tamén moito para iso, para que se nos vexa en por todo Lugo, bailando, en cada esquina. Procuramos ser moi visibles e expandir este mundo.

Tamén participo no Arde Lucus, que xa desde pequena era unha das miñas festas favoritas. Gustábame máis que o Entroido porque pensaba que me podía disfrazar, pero era mentira. Cando entras nese mundo descubres outro concepto, o de “caracterización”, que é moito máis rigoroso, pero que serve para aprender moitísimo. Cando te caracterizas convírteste noutra persoa. É un mundo á parte que absorbe moitísimo. Na miña asociación, Clan de Breogan, facemos un pouco de todo, sempre desde a rigurosidade histórica, pero buscando o desfrute. Tentamos coñecer como vivían na épocae trasmitilo. E traballamos todo o ano, non só nas datas do Arde Lucus, para mellorar o campamento. Dáme un pouco de estrés, porque tes que achegar moito de ti e é duro, pero fagóo porque me encanta. O mellor é sair a outras festas por España e atopar outra xente que traballa tanto coma nós, gozar con esas persoas e compartir o coñecemento. Esa é a mellor parte.

Tanto o Arde Lucus como o baile danme moita vida. Cando estás nun equipo ou nun grupo, consideras esas persoas de xeito diferente, hai como unha confianza distinta. Convértense case en familia. Aprendes a traballar en equipo e a facer comunidade, pero tamén a apreciar a túa individualidade e a ser máis independente, máis tolerante.

Penso que ás veces vemos Lugo como un sitio que ten menos oportunidades ca outros. Eu, con todo non podo imaxinar a miña vida sen todas estas cousas que me achegou, sen o equipo de baile ou a asociación. Agora estou na rama de Artes no instituto, e despois quero estudar Artes Escénicas, orientadas ao teatro musical, na RESAD, en Madrid. Non sei onde estará o meu futuro. Sei que me gustaría sair ao mundo e investigar –e para iso teño que marchar–, pero non descarto a posibilidade de volver vivir aquí algún día». 

 

«Desde que marchei –imaxino que por iso– comecei a apreciar máis as cousas boas que ten Lugo, e sinto que me estou reconciliando coa cidade.» Antón.

 

Antón

© O Novo Normal

«Chámome Antón, teño 23 anos e son de Lugo pero actualmente atópome vivindo en Valencia, estudando Enxeñaria de Deseño Industrial.

De máis novo recoñezo que esta era unha cidade que tiña cruzada: por pequena e porque percibía que non había nada que facer. Xa sabes, o estigma de que Lugo é unha aldea. Mais desde que marchei –imaxino que por iso– comecei a apreciar máis as cousas boas que ten, e sinto que me estou reconciliando coa cidade. Agora aprecio cousas que antes non vía, como o feito de ter espazos naturais coma este no que estamos a dous pasos da cidade. Hai moito verde e moita natureza. Tamén vexo máis vida cultural. Non hai mil cousas, pero sempre hai algo. Non sei se é que agora son máis consciente, pero si que notei un cambio a mellor. Pode que a vida se concentre máis no centro, pero non hai estes barrios residenciais mortos que ves noutras cidades, pasan cousas en todos os lados.

Para min Lugo sempre vai ser a miña cidade natal e sempre lle terei cariño, pero é verdade que non me vexo vivindo aquí. Gústame volver, iso si, a visitar a familia e os amigos, pero establecerme, sobre todo por temas profesionais derivados do meu campo, non vai estar fácil. Tamén estou nun punto no que quero vivir cousas novas, aproveitar esta etapa da miña vida na que sinto que teño moitas posibilidades, para explorar e investigar noutros sitios».

 

O Novo Normal: A Coruña

O Novo Normal: A Coruña

O Novo Normal: A Coruña xurdiu dun momento histórico, dunha pandemía que nos mudou a vida a todos, e como un xeito de darlle sentido ao que estabamos a vivir. É un proxecto fotográfico vivo, que segue a evolucionar. Podedes seguilo en Instagram e en Facebook.

María Yáñez

María Yáñez

Xornalista. Levo vinte anos traballando na rede e no audiovisual. Adoro as revistas en todos os seus formatos. Agora dirixo VINTE da man de Praza.gal.

Historias anteriores

  • Historias da mocidade en Lugo

    Historias da mocidade en Lugo: Cultura

    Algo se está a mover en Lugo. A capital acolle unha nova fornada de creadoras e axentes culturais que, trala pandemia, decidiron regresar ou simplemente quedar a vivir na cidade. Algo que de primeiras non entraba nos seus plans. E atoparon un Lugo diferente, con máis xente nova e máis oferta de cultura e lecer, pero tamén o Lugo de sempre visto agora con outros ollos: os dunha nova xeración que valora a calidade dunha vida máis lenta, máis barata, máis próxima e en contacto coa natureza. 

    Lugares

    Coa colaboración do

  • Historias da mocidade en Lugo

    Historias da mocidade en Lugo: Movementos sociais

    En Lugo móvense moitas cousas en torno ao deporte, o activismo, a participación xuvenil, o asociacionismo… e é a xente nova quen está impulsando moitos destes movementos, ou que chega de fóra con ganas de contribuír e mellorar a cidade. As protagonistas de hoxe compártennos as súas experiencias e motivacións para apostar polo seu futuro aquí, facendo avanzar a sociedade en distintos ámbitos. 

    Lugares

    Coa colaboración do

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.