Deporte, festivais, redes… estamos a tempo de recuperar o galego entre a mocidade?

© SXPL

A finais dos anos dez a mocidade en Galicia manifesta pouco uso social do galego, tal como demostran estudos recentes. Unha tendencia á baixa que contrasta cun aumento das competencias na lingua e con certo aumento no prestixio e na conciencia da necesidade de protexer o galego, aínda que pouco compromiso á hora de decidir usalo. Ante esta situación a Xunta acaba de presentar no Parlamento un plan de dinamización da lingua galega na mocidade. Debullamos cal é a situación de partida e as liñas de actuación que quere acometer este plan.

Campañas de sensibilización dirixidas aos máis novos, voluntariado lingüístico, fomento do galego no deporte e en lugares de lecer como centros comerciais, tendas de roupa, pubs e discotecas; tradución de produtos audiovisuais de éxito, impulso de programas de interese para a xente nova na CRTVG, apoio á creatividade en galego nas redes sociais…   Son algunhas das ideas que manexa o borrador do plan presentado esta semana no Parlamento polo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García. É a primeira vez que desde o goberno galego se impulsa un programa de normalización especialmente dirixido á mocidade (persoas de entre 14 e 30 anos). E en total propón medidas que se porán en marcha de aquí a 2022, cun investimento total que supera os 17 millóns de euros. Uns 4,2 millóns para cada anualidade. 

Presentación do documento marco do Plan de dinamización da lingua galega na mocidade aos representantes das asociacións xuvenís o 17 de abril de 2018. © SXPL

No borrador do plan non se especifica aínda cal será o xeito de implementar estas medidas pero sublíñase que trata dunha proposta feita a partir dun amplo consenso con diferentes sectores sociais e do tecido asociativo que traballa en temas de mocidade e de lingua. Tamén, como un paso necesario para facer avanzar o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, que xa cando se publicou en 2004 sinalaba a debilidade do uso social do galego nas cidades e a súa escasa presenza nos ámbitos de lecer da xente nova, así como nos produtos de consumo de consumo cultural máis populares como televisión, cinema ou tecnoloxía. Fronte a isto tamén se diagnosticaba un aumento da competencia xeral no idioma e da concienciación lingüística ente certos sectores da mocidade. 

 

Máis alfabetización no idioma pero máis dificultades para falalo

A urxencia dun paquete de medidas coma este foise facendo maior segundo chegaban novos informes emitidos por distintas entidades, que se recollen nas premisas deste plan. Con distintos parámetros, todos veñen alertando de que se está a dar un proceso de desgaleguización na mocidade, desde a caída da transmisión familiar que constatou a Real Academia Galega no seu informe de 2018 ata a aparición de novos perfís competenciais que fan que as políticas se teñan que adaptar ao novo escenario: fronte ao galegofalantes tradicionais (persoas cun elevado dominio da lingua oral, pero que non foran alfabetizado neste idioma) xorde entre as mozas e mozos urbanos que aprenderon o galego na escola o perfil de quen declara saber escribir, pero ten dificultades para falar.

A postura xeral da rapazada é favorable ao galego e ás medidas que alenten a súa promoción, mais amosa un escaso compromiso persoal para logralo. 


En canto a usos lingüísticos, segundo datos da Enquisa de condicións de vida das familias do IGE de 2013 recollidos polo plan, houbo unha caída do bilingüismo con predominio do galego e e un aumento do monolingüismo, sobre todo en castelán. Tamén se apreciou un incremento das competencias bilingües galego-castelán, que declaran 2 de cada 3 persoas galegas de entre 15 e 30 anos. A partir destes datos a SXPL defende que “a pesar de que se aprecia un descenso de galegofalantes entre as xeracións máis novas, contamos cunha ampla base demográfica sobre a que asentar a recuperación”. 

No que se refire ás actitudes o borrador tamén cita o traballo do Consello da Cultura Galega Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia (2017), que revelaba que a xente nova mantén algúns dos vellos prexuízos cara ao galego e mesmo cara ao acento galego en castelán: ruralidade e inutilidade desta lingua ou identificación dos neofalantes urbanos con posicións políticas nacionalistas, entre outros. Mesmo, como se indicaba nesta análise de Praza.gal, entre parte da mocidade empeza a callar o mito da “imposición do galego”.  Aínda así, a postura xeral da rapazada é favorable ao galego e ás medidas que alenten a súa promoción. A mocidade “parece mostrar preocupación polo futuro da lingua e o desexo de que o galego continúe falándose nas futuras xeracións, pero, ao mesmo tempo, amosa un escaso compromiso persoal con el e parece considerar que son outras persoas e/ou entidades as encargadas de garantilo”, deduce o plan.

 

A pola mocidade neofalante

Diante deste panorama, por primeira vez a Xunta fíxase “no fenómeno social do neofalantismo” e asegura que “a presenza de neofalantes en galego é un dos trazos que definen mellor a situación sociolingüística da Galicia contemporánea, un dos fenómenos que está a contribuír a frear a perda de galegofalantes entre as xeracións máis novas”. Refírese ás persoas que teñen como lingua inicial e de socialización familiar un idioma diferente do galego e que o aprenderon noutros espazos, principalmente no sistema educativo, para poñelo en práctica na súa vida cotiá. E dentro deste grupo fai referencia ás máis de vinte mil mozas e mozos de orixe estranxeira que viven en Galicia “e xa saben ou desexan aprender a nosa lingua”, engadindo que “cómpre deseñar medidas específicas que vaian dirixidas a este grupo”. 

“Lograr que o galego sexa a lingua de comunicación co público nos estadios, eventos e espectáculos deportivos e actividades de lecer, especialmente nos de seguimento masivo” é un dos obxectivos concretos que quere conseguir o plan.


A partir deste diagnóstico os obxectivos que persegue a Xunta con este plan son de amplo espectro e pasan por potenciar o uso, estimulando actitudes favorables á lingua (por exemplo, “mellorar a imaxe estética do galego e vinculala tamén a unha sociedade cada vez máis urbana e cosmopolita”) e proporcionando ferramentas para o seu emprego, desde achegarlle modelos lingüísticos de referencia a quen queira incorporarse ao galego ata “crear espazos para poder practicar e usar a lingua galega”.

Ademais o programa esforzarase en conseguir “unha oferta ampla, diversificada e atractiva de produtos culturais e de lecer en galego”. Para iso conta co asociacionismo como ferramenta indispensable de transmisión social da lingua pero tamén co mundo da empresa e o do lecer. Por exemplo, “lograr que o galego sexa a lingua de comunicación co público nos estadios, eventos e espectáculos deportivos e actividades de lecer, especialmente nos de seguimento masivo” é un dos obxectivos concretos que quere conseguir o plan. Para isto a SXPL xa comezou o ano pasado unha campaña de presenza nos principais festivais de música que se agrupan baixo o paraugas FestGalicia. Co título O galego crea ambiente, mozas e mozos achegaban ideas de como fomentar o uso do galego entre a xente nova.  

O plan atópase na fase final de consulta e achegas e foilles remitido esta semana non só aos grupos políticos con representación no Parlamento senón tamén á Real Academia Galega e ao Consello da Cultura Galega. Contén 39 medidas que se reparten en 9 áreas de actuación: asociacións, deporte, lecer, industrias culturais, familia, formación continua, ensino, comunicación dixital e redes sociais e economía. Dos 17 millóns cos que conta este paquete de medidas, 7,6 son achegados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e os restantes por outros organismos públicos, empezando pola CRTVG, que achega a segunda cantidade máis importante. 5,2 millóns (1,3 por cada anualidade), e seguindo coa Consellaría de Educación (1,4 millóns en total) e Amtega (1,2 millóns en total). 

O documento-avance deste plan pódese consultar na web da SXPL

Tamén che interesa

Faite de vinte

A partir de 5€ mensuais podes suscribirte a VINTE e colaborar para que sigamos a producir contidos de calidade pagando dignamente as colaboracións de vídeo, fotografía, ilustración, xornalismo e creación de todo tipo.